Diminúe o número de médicos en atención primaria e de camas operativas en hospitais galegos

Por outra parte soben cirurxías e gasto

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2024 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

Os hospitais galegos contaban con 8.644 camas en funcionamento en 2022, o que supón 15 menos que o ano anterior. Pola súa banda, os médicos de atención primaria descenden a 2.604, neste caso con datos de 2023, o que se traduce en 39 menos que un ano antes. Con todo, outros indicadores como persoal hospitalario, cirurxías e gasto van á alza, segundo os datos do servizo sanitario que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) este venres.

As camas instaladas en hospitais descenden a 9.712 en 2022, 11 menos. Entre elas, 8.644 estaban operativas en Galicia, repartidas do seguinte modo por provincias: A Coruña (3.735), Pontevedra (2.637), Lugo (1.205) e Ourense (1.067).

Desde que hai rexistros nesta estatística (1999), o ano con maior número de camas en funcionamento foi 2004, cun total de 10.032. Neste período de tempo deixaron de estar operativas preto de 1.400 camas.

Hai 2,95 camas en funcionamento por cada 1.000 habitantes en 2022, dúas décimas menos que o ano anterior. A comezos de século XXI esta taxa era de 3,7 camas por 1.000 habitantes. O grao de ocupación ascende ao 73% en 2022 (era do 71,9% en 2021).

MENOS MÉDICOS EN ATENCIÓN PRIMARIA

No tocante aos datos de persoal en atención primaria, neste caso as últimas cifras actualizadas son de 2023, onde se produce un descenso de médicos xerais a 2.604, 39 menos que os 2.643 que en 2022.

En cambio, os pediatras increméntanse de 321 a 2022 ata 325 en 2023. Tamén soben os enfermeiros a 2.502 (95 máis) e auxiliares de enfermaría a 240 (catro máis). Entre outros recursos humanos de atención primaria, descenden os farmacéuticos, son 97 en 2023 (un menos), e odontólogos, con 100 (un menos).

AUMENTOS DE GASTO E CIRURXÍAS

O IGE non ofrece dato global de persoal en 2022 en 33 establecementos sanitarios (eran 36.439 persoas en 2021). No entanto, pode observarse un incremento entre os diferentes grupos: o persoal facultativo ascende de 8.240 a 8.340, o persoal sanitario non facultativo elévase de 22.453 a 22.573, á vez que o persoal non sanitario pasa de 10.398 a 10.491, entre outros.

Pola súa banda, as cirurxías incrementáronse ata alcanzar as 274.273, o que supón 16.932 máis que no ano 2021, segundo cifras do IGE. O total de compras e gasto foi de 3.474,7 millóns en 2022, un 2% máis. Mentres, as consultas externas creceron case un 3% en 2022, ata un total de 5.882.431. Os enfermos dados de alta foron 322.694, uns 20.000 máis.

Médicos cirurxiáns nun quirófano
Médicos cirurxiáns nun quirófano | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta