Empresas galegas participarán na reconstrución de Ucraína tras a guerra

O embaixador de Ucraína en España, Serhii Phororelstev, está estes días de visita en Galicia para estreitar os lazos humanitarios e comerciais entre a rexión e o seu país. A CEG organiza unha xornada na que participan compañías de sectores como construción, TIC, enerxía, alimentación, formación ou investimentos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/04/2024 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O embaixador de Ucraína en España, Serhii Phororelstev, está estes días de visita en Galicia para estreitar os lazos humanitarios e comerciais entre a rexión e o seu país, un programa dentro do cal este mércores manterá un encontro con 35 empresas da comunidade interesadas en participar en programas de reconstrución de Ucraína. O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, deulle a benvida en Santiago, nunha rolda de prensa previa ao encontro empresarial, no que participarán compañías de sectores como a construción, a alimentación, a enerxía, o TIC, formación ou entidades financeiras, entre outras.

Serhii Phororelstev trasladará a estas empresas os proxectos abertos hoxe en día en Ucraína e as vías nas que poden participar en iniciativas de reconstrución do país, afectado pola guerra iniciada por Rusia e que ten necesidades en ámbitos como as telecomunicacións, as infraestruturas básicas ou a enerxía, onde os "danos son enormes". O representante explicou que existe un investimento duns 400.000 millóns de euros para estas iniciativas.

A maiores, dixo o embaixador, "lamentablemente séguese necesitando o apoio humanitario" para a poboación ucraína, que continúa "sufrindo a agresión rusa", polo que incidiu na importancia de que esta visita sirva para "manter a atención a Ucraína e ao que está a suceder" alí. Phororelstev agradeceu a España e a Galicia "a súa solidariedade e apoio a Ucraína" en "estes momentos tan difíciles", especialmente na acollida a cidadáns desprazados pola guerra.

OPORTUNIDADES PARA AS EMPRESAS

Pola súa banda, Vieites indicou que, ademais de visibilizar a situación de Ucraína a día de hoxe, o ámbito económico faise relevante para contribuír á estabilización do país e a súa futura reconstrución. "As relacións comerciais poden axudar a estabilizar a economía ucraína e a proporcionar recursos para a súa reconstrución", dixo o presidente da CEG, que lembrou que este país é "clave" para Europa en subministración de elementos como materias primas e alimentación animal.

Con iso, comprometeu o traballo das empresas galegas para "garantir a seguridade alimentaria e enerxética", así como permitir "que o país manteña o seu sistema económico nunha situación tan difícil" e "contribuír á súa estabilidade futura". Na actualidade, máis de 150 empresas de Galicia exportan a Ucraína, abarcando diversos sectores produtivos, desde o automobilístico ata maquinaria, equipamento ou moda. Ademais, as importacións galegas procedentes deste país, inclúe combustibles, cereais e aceite", incidiu o presidente da CEG. Finalmente, Vieites explicitou o seu apoio á "integración europea" de Ucraína, un punto que "máis pronto que tarde debe xurdir", dixo.

OUTROS ENCONTROS

No marco da súa visita a Galicia, o embaixador ucraíno participou este martes na Cidade da Cultura na inauguración dunha exposición de pintores deste país. En consonancia, Serhii Phororelstev mostrou o seu interese por fomentar, ademais do intercambio económico, as relacións culturais entre ambos os lugares.

Tamén realizou unha visita á Universidade de Santiago de Compostela, que xa mantén programas de colaboración con nove universidades ucraínas e prevé incrementar este apartado. Entre os actos deste mércores, Phororelstev visitou así mesmo o Parlamento de Galicia, onde mantivo unha reunión co seu presidente, Miguel Santalices.

O embaixador de Ucraína durante a súa rolda de prensa na CEG
O embaixador de Ucraína durante a súa rolda de prensa na CEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta