Mortes en accidentes laborais na provincia de Pontevedra, onde están as causas?

A provincia de Pontevedra leva rexistradas xa oito mortes relacionadas co lugar de traballo. O último deceso acontecía o día 8 de abril en Ponteareas. Con anterioridade un operario caera desde unha altura con resultado de morte e outro traballador morría nun accidente cunha pa mecánica. As causas das mortes no contexto do lugar de traballo son moi diversas mais tamén parece haber consenso en que non hai suficiente cultura da seguridade laboral.

Por Moncho Mariño | Santiago | 13/04/2024 | Actualizada ás 21:52

Comparte esta noticia

Os últimos accidentes laborais con resultado de morte provocaron que o xoves 11 de abril se realizase unha marcha en Vigo reclamando unha mellor aplicación das medidas de seguridade laboral. Os e as traballadoras asistentes á manifestación deixaron claro que “as nosas vidas están por encima de todo”. Alén diso, desde as protestas dos e das profesionais da Inspección de Traballo denunciando falta de persoal e medios, os sindicatos denunciando precariedade laboral e unha política empresarial encarreirada ao beneficio rápido, pasando por unha escasa formación en prevención de riscos laborais, os factores detrás dunha morte no traballo son diversos. Mais tamén desde institucións como o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) sinalan que algunhas das mortes acontecidas no último mes responden “a maneiras de traballar do pasado” cando a cultura da prevención non existía ou non se miraba por ela. Os sindicatos tamén recollen esta idea cando denuncian unha falta de formación en seguridade e prevención de riscos no posto de traballo, mesmo denuncian que nalgúns sectores é a persoa traballadora quen debe asumir os custos da súa formación en prevención e saúde laboral.

Un obreiro durante a construción
Un obreiro durante a construción | Fonte: Europa Press - Arquivo


CULTURA DA PREVENCIÓN, ONDE?
“Os accidentes no traballo son multicausais, o último responsable da seguridade persoal é o traballador” di Adela Quinzá-Torroja
, directora do ISSGA. “Por outra parte, os empresarios deben xestionar os riscos laborais dotando de medios aos traballadores” para evitar situación de risco, accidentes ou mortes. Daquela, a sinistralidade presente obedece á falta dunha política axeitada de prevención laboral. Entón, non serven as medidas actuais? “Estamos nunha época de cambios porque agora son considerados accidentes laborais moitos que antes non se recollían como tal por estaren fóra do mesmo lugar de traballo”. Isto sucede cos accidentes de tráfico “in itinere” cando se vai ao traballo, os infartos ou derrames cerebrais no lugar de traballo poden ter a súa explicación en factores como a presión laboral ou o estrés.

“A cultura da seguridade laboral non está asumida, aínda se debe levar adiante unha formación pedagóxica dentro dos diferentes sectores” apunta Rubén Pérez da UGT en Vigo. Isto levaría unha formación previa da persoa traballadora antes e durante a ocupación do seu posto. Pola contra, moitas veces “a formación que se dá non é real ou directamente meten a unha persoa sen experiencia ningunha no sector”, ambos os dous factores de risco. “A patronal do metal, ASIME, recoñece que non se traballa ben a prevención laboral, así pois, recoñecen que non fan as cousas da maneira máis desexable”.

Desde a CIG-Vigo suliñan un dato “un terzo dos accidentes laborais que recollemos afectaron a traballadores e traballadoras con moi pouco tempo na empresa ou sen experiencia” di Xulio Fernández. Por tanto, non existe unha formación específica para o labor que o ou a traballadora vai realizar e isto pode traducirse nunha falta de coordinación entre o cadro de persoal. Sobre formación, Fernández denuncia que “no naval de Vigo moitas veces son os traballadores quen pagan pola formación” en prevención e seguridade, formación que debera impartir a empresa.

CAUSAS
“Un dos últimos accidentes foi a caída dun traballador que estaba sobre unha chapa translúcida que rompeu” lembra Fernández. “Por que sucede isto? Por falta de seriedade coa seguridade laboral e a falta de planificación para a prevención”. “Se o empresario permitiu que ese traballador subise sen vixilancia e sen protección estamos diante dun suceso que podía ser evitable” apunta Adela Quinzá.

Imaxe da manifestación deste xoves.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Imaxe da manifestación deste xoves.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Indo a causas máis amplas, se por unha parte está o ISSGA que, xunto con empresarios e sindicatos realizan campañas de concienciación e análise así como políticas de prevención, por outra parte está a Inspección de Traballo. “A Inspección de Traballo é un suxeito sobre o que se practican recortes de orzamento, de aí que agora mesmo os seus recursos humanos e legais sexan escasos” di Ricardo Castro da CUT.

Por outra banda, e como xa apuntaba Quinzá-Torroja, os sindicatos apuntan a unha presión sobre os e as traballadoras de cara a unha maior produción. “Cada día hai menos persoal e este recibe máis esixencias por parte do empresariado e isto leva a un aumento da sinistralidade” di Castro. “As empresas só van á taxa de beneficios por iso piden velocidade no traballo, ir axiña para acabar antes” apunta Fernández quen tamén lembra o atraso en moitos traballos por culpa da pandemia e o apuro por finalizalos logo da eliminación das restriccións sanitarias.

Tamén desde a banda sindical denuncian que boa parte do empresariado asume os custos da seguridade laboral “para non ser sancionados”. Miran de ter todas as medidas cubertas, todo o material necesario e así poder librar das posibles sancións. “En España existe moita lexislación laboral para dicir que se fai algo, mais a realidade é que non existen recursos para materializar a lexislación” di Castro.

As causas da sinistralidade son diversas mais parece que a falta de seguemento dunha cultura da prevención está detrás de moitos accidentes. Tamén a precariedade laboral e a falta de experiencia son factores que poden conducir a un desenlace fatal no posto de traballo. Por último, mais non o derradeiro, as políticas empresariais de apurar tempos para finalizar encargas ou obras, isto leva á descoordinación e á confusión cun resultado ás veces negativo para as persoas traballadoras. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta