Alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago conciencian contra o xogo e as apostas a través do teatro

Haberá segunda edición de 'Teatro Foro', un programa co que os estudantes traballan en problemas que afectan á mocidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/04/2024 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Un grupo de alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago representaron este martes unha obra de teatro, creada por eles mesmos, sobre os xogos e as apostas co obxectivo de concienciar á mocidade sobre esta actividade que o ano pasado practicou o 21 por cento dos menores de idade en España, segundo un estudo do Ministerio de Sanidade.

Trátase do programa 'Teatro Foro', que impulsa a Concellaría de Mocidade en catro centros de Secundaria composteláns --á parte do Rosalía de Castro, o IES das Fontiñas, Sar e Pontepedriña--, tamén sobre outros temas como o acoso, a violencia de xénero, as drogas e a diversidade sexual. A tenente de alcaldesa e concelleira de Mocidade, María Rozas, avanzou que haberá segunda edición o próximo curso "porque está a funcionar moi ben".

O proxecto aborda "problemáticas dos mozos desde unha perspectiva diferente", porque "non se trata de dar unha charla" nin "unha chea de datos e información". Así, son os propios estudantes os que fan a reflexión sobre a temática escollida, os que crean as historias, os que as protagonizan e os que "pon a solución sobre a mesa", destacou Rozas.

En 'Teatro Foro' participan centos de alumnos da cidade --de Secundaria e de FP básica--, entre os máis de 200 que se implican na creación das obras, que ao final serven como "un recurso didáctico", e os máis de 400 que as representan.

"PEDAGÓXICAMENTE MÁIS POTENTE"

O coordinador do programa é o educador social Ramón Molina, quen destacou a iniciativa como "un elemento transformador e vivencial" da mocidade ao implicala nunha problemática social e na procura de solucións: "Faino pedagógicamente máis potente".

A obra representada este martes no IES Rosalía de Castro parte dunha construción "colectiva" de diferentes situacións "que identifican" os alumnos, para que eles poidan "levalo ao seu terreo", segundo detallou Molina.

Unha vez creada a peza, trabállase en dúas liñas: un grupo desde a perspectiva interpretativa e o que significa cada situación desde o punto de vista emocional; e outro que traballa didácticamente, para darlle un acabado. Ademais, os alumnos que non actúan constrúen as voces en off, deciden o título da obra e determinan que elementos escénicos son necesarios.

Para a creación das mostras, o equipo de 'Teatro Foro' tenta "adaptarse ás realidades ou necesidades de cada centro". No caso do IES Rosalía de Castro, desenvolveuse a partir do mes de novembro na materia de Proxecto Competencial.

TESTEMUÑOS DE ALUMNOS

Tamén algúns dos estudantes implicados animáronse a compartir a súa experiencia en 'Teatro Foro' cos medios de comunicación. Desde unha alumna que recoñece que "o que máis" lle gustou foi actuar, outros non dubidan en sinalar a capacidade didáctica do programa.

"Aprendín que hai moitos máis nenos do que pensaba que apostan, e que (este problema) está máis presente do que pensaba", sinala un dos menores, mentres que outra recoñece que agora sabe como "axudar a alguén que o está pasando mal" por culpa do xogo.

E é que, segundo trasladou algunha das participantes que ao principio foi reticente á elección deste tema, traballar nesta peza fíxolle "pensar" sobre este problema do que pensaba que a súa incidencia "era moito menor". Así mesmo, outra alumna aprendeu a traballar en equipo para montar unha obra de teatro, que é "moito máis difícil do que parece".

Alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago conciencian contra o xogo e as apostas a través do teatro ao amparo do programa 'Teatro Foro' da Concellaría de Mocidade.. CONCELLO DE SANTIAGO
Alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago conciencian contra o xogo e as apostas a través do teatro ao amparo do programa 'Teatro Foro' da Concellaría de Mocidade.. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta