Premios Nécora 2024: "Hai que poñerllo difícil aos narcotraficantes para que os mozos vexan que non paga a pena"

A Fundación Galega contra o Narcotráfico entregou onte en Vilagarcía os seus premios anuais. O seu presidente, Manuel Couceiro, lembrou aos políticos presentes que "o narcotráfico ten que entrar na axenda política, hai que poñerllo máis difícil ao narcotraficante e ter unha discriminación positiva coa persoa adicta".

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 06/04/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Corría a década de 1980 cando a sociedade galega libraba unha loita contra unha lacra que ameazaba as súas vidas: o narcotráfico. A comarca do Salnés vía a heroína invadindo as súas rúas como hoxe o fai o fentanilo nos Estados Unidos. Toda unha xeración perdida de mozos que se enganchaban a esta sustancia que estaba 'de moda' e familias enteiras que vían pouco a pouco como a súa vida se ía facendo cachiños. No ano 1993 a Operación Nécora cambiou o paradigma dunha Galicia na que os narcos tiñan a tixola polo mango, admirados por unha parte da sociedade, facendo e desfacendo ao seu antollo, conseguindo o que querían con diñeiro ilícito e liberándose do cárcere grazas á corruptela. Nada foi o mesmo unha vez caeu Laureano Oubiña e se puxo o punto de mira en Manuel Charlín, Sito Miñanco ou Marcial Dorado.

Os gañadores dos premios Nécora 2024: Rosa Ana Morán como fiscala xefa antidroga da Audiencia Nacional, José Abreu representando á Udyco de Pontevedra, Sjoerd Top do MAOC e Ramón Gómez de Proxecto Home
Os gañadores dos premios Nécora 2024: Rosa Ana Morán como fiscala xefa antidroga da Audiencia Nacional, José Abreu representando á Udyco de Pontevedra, Sjoerd Top do MAOC e Ramón Gómez de Proxecto Home | Fonte: GC

Nese contexto, no ano 1994, naceu a Fundación Galega contra o Narcotráfico, que integraba distintas estamentos sociais, entidades e institucións unidas pola vocación e o compromiso de combater o narcotráfico e as graves consecuencias sanitarias, sociais, humanas e económicas que orixina. Onte, 5 de abril, a fundación celebrou en Vilagarcía de Arousa a súa entrega anual das Nécoras de Ouro 2024, que foron para Rosa Ana Morán, fiscal xefa da Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional; a Unidade de Droga e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional en Pontevedra; Ramón Gómez Crespo, fundador en 1990 de Proxecto Home Galicia; e o Centro de Análise e Operacións Marítimas de Narcotráfico (MAOC), con sede en Lisboa. A gala, moi emotiva e con recordo aos dous policías asasinados en Barbate loitando contra o narcotráfico, deixou algunhas reflexións importantes.

En primeiro lugar, o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Couceiro, lembrou o importante que é seguir facéndolle fronte a esta lacra, que aínda que diminuíu, segue existindo: "Un euro que se invirte en sanidade, en prevención, son 6,7 euros que se aforran en todo o que ten que ver coa farmacia e a saúde", é dicir, axudando a que as persoas non se enganchen ás drogas evítase despois ter que medicalas para lograr que as deixen e tratalas contra trastornos e enfermidades derivados do seu consumo. E non quixo esquecerse de resaltar que esta loita é común a toda a sociedade, pero tamén a todos os partidos políticos, independentemente da súa cor, a todos os gobernos. Proba diso, entre o público había representantes de todos eles: dende Pedro Puy ata Abel Losada.

Couceiro lembroulles a todos eles que "o narcotráfico ten que entrar na axenda política, porque hai que poñerllo máis difícil ao narcotraficante e ter unha discriminación positiva coa persoa adicta". Ademais, insistiu unha vez máis en que "non pode ser que os policías teñan tantos obstáculos para detelos", porque "hai que mellorar moito, co que facemos non chega", a pesares de que "policías, fiscais e todo tipo de forzas traballan día e noite". E é que o presidente da Fundación confesa que, aínda que "non estamos nos barrios de Medellín nin na zona do Paso, o que agora estamos vendo no sur de España pode volver aquí". De feito, reflexionou, "quen diría que a heroína volvería tantos anos despois". Para evitar que se volva aos 80, apostou por "poñerllo difícil aos narcotraficantes para que o mozo que non ten traballo nin estabilidade non se vexa tentado e que non pense que dende o cárcere pode comprar e poñer propiedades ao nome de familiares, para que vexa que non paga a pena" entrar neste mundo.

"O panorama, como dirían os meus alumnos, está 'chungo'", lamentou Couceiro, asegurando non ser "nin pesimista nin realista ilusorio, senón realista ben informado". "Non estamos como nos 90, pero hai moito que facer e co que facemos non chega", reivindicou, pedíndolle a Pedro Puy que lles axude a mover en Madrid as 20 propostas que lle presentarán ao Goberno para "que os 350 deputados españois sigan mellorando o Código Penal e a Lei de Enxuizamento Criminal". E é que "a cousa non pinta ben, polo que todos debemos remar". Finalmente, criticou a sobrecarga dos pequenos xulgados de municipios nos que caen macrocausas ás que teñen que facer fronte cos mesmos recursos que teñen para facerse cargo tamén de divorcios, agresións e delitos menores. 

Entre as intervencións dos premiados, destacaron as da Udyco de Pontevedra e as de Proxecto Home. A Udyco, unidade creada en 1997, lembraba as numerosas operacións contra o narcotráfico que levaron a cabo, destacando a loita contra a heroína e a cocaína, a desarticulación de organizacións e a incautación dos seus bens en operacións sólidas con elevadas porcentaxes de condena. José López Abreu, un dos seus xefes, botaba a vista atrás para ver o crecemento expoñencial do que comezou sendo un pequeno grupo de estupefacientes e rematou a día de hoxe sendo unha unidade amplamente recoñecida en toda España, que ten no seu haber miles de quilos de cocaína e case 300 quilos de heroína retirados na última década. "Tal cantidade, para unha unidade territorial, é unha barbaridade", asegurou. E volveu lamentar que moitas veces estas grandes causas, "asuntos complexos", "supoñen un grande esforzo que cae en mans de xulgados mixtos de primeira instancia e instrucción con recursos limitados". 

Pola súa banda, Proxecto Home Galicia comezou a súa andadura no ano 1990, adicado á rehabilitación de persoas adictas, axudando a máis de 48.000 familias. Ramón Gómez Crespo, o seu fundador e director ata o 2020, lembrou que "34 anos levamos coas portas abertas acollendo día tras día, sen fallar un, incluíndo sábados e domingos, atendendo á xente que peta nelas". Todo comezou "nun momento no que a nosa sociedade estaba a ser esnaquizada polos efectos devastadores das drogas". Para eles, prestar axuda a aqueles que caían nese mundo era "cuestión de empatía", "sen enxuizar, creando canles de vida que lles ofrecesen oportunidades a tantos mozos para albiscar un horizonte mellor, mozos que hoxe en día están plenamente reinsertados na sociedade". Naquel tempo dos 90, "críase que a culpa era dos afectados, o drogadicto era o 'caixón desastre' de todos os males sociais, todos os problemas de delincuencia se asociaban ao drogadicto, e nós irrumpimos cunha mensaxe: axudar á persoa que estaba afectada, porque da droga pódese saír, pero non só". 

Facendo un repaso dende os comezos da loita, situou como un momento crave a multitudinaria manifestación contra a droga de 1993 en Vilagarcía, convocada pola Federación de Apas do Salnés: "Foi o punto neurálxico onde realmente os narcotraficantes se deron de conta de que tiñan a partida perdida, aínda que sigan facendo moito dano; supuxo un antes e un despois imprescindible". Tampouco quixo deixar pasar o Congreso de Bamio de 1995, "onde se tratou de poñer o dedo na chaga e o foco na lexilación, e saiu ben"; nin a Xornada de Panos Brancos, instaurada no 2006, que percorreu moitas cidades de Galicia "para seguir co facho aceso de que a sociedade galega non é de narcotraficantes, é honrada, loitadora, fiel, solidaria cos máis necesitados". "Deuse un exemplo ao mundo enteiro: antes os narcotraficantes presumían de grandes pazos e chalets, viñas, pero como a sociedade galega reaccionou contra iso hoxe, aínda que seguen facendo das súas, non poden presumir de que son donos da nosa terra", concluíu Gómez Crespo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta