Que está a suceder co tempo? Marzo tivo máis días de frío que febreiro e xaneiro

Se consideramos como frío aqueles días nos que a temperatura media é inferior aos 10 graos, este pasado mes de marzo tivo 22 días de frío, fronte aos 15 de febreiro, aos 20 de xaneiro ou aos 14 de marzo de 2023.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cambio climático xa é unha realidade aínda que se trate de mirar cara outro lado. O que está a acontecer este ano co tempo impide negar que algo está a mudar. Tras uns meses de xaneiro e febreiro extremadamente cálidos para a época, acabamos de rematar un mes de marzo especialmente frío, sobre todo cara o final, e comezamos un abril que, polo momento, non está sendo moito mellor no que a termómetros se refire. Toca sacar do armario abrigos que non poñiamos dende o ano pasado e volver prender a calefacción. Pero como as sensacións son só sensacións, dende o Galicia Confidencial analizamos datos meteorolóxicos de Meteoblue que, efectivamente, nos demostran que o mes de marzo tivo máis días de frío que os dous anteriores. Cantos? Pois se consideramos frío como menos de 10 graos de media, marzo tivo 2 días máis de frío que xaneiro e 7 máis que febreiro.

Neve na Estación de Montaña de Manzaneda no mes de marzo
Neve na Estación de Montaña de Manzaneda no mes de marzo | Fonte: ESTACIÓN DE MONTAÑA DE MANZANEDA - Arquivo

En concreto, o mes de marzo, que rematou fai uns días, tivo 22 días de frío, é dicir, 22 días nos que a temperatura media non superou os 10 graos. En concreto, a temperatura media estivo por debaixo dos cinco graos nunha ocasión, e entre os cinco e os dez un total de 21 días. Por enriba dos dez graos só houbo 9 días, e nunca se chegaron a superar os quince. Se falamos de mínimas, houbo un día, o 26 de marzo, no que se chegou aos menos un graos. E polo que respecta ás máximas, só se superaron os quince graos en 12 ocasións, elevándose por enriba dos vinte en só 2, algo inusual para o mes no que comeza a primavera.

Para facernos á idea, en marzo de 2023 só se rexistraron 14 días de frío (8 menos que neste 2024). A temperatura media naquel entón estivo por debaixo dos cinco graos en tres ocasións (os primeiros días do mes), pero tamén se mantivo entre os cinco e os dez graos un total de 11 días. Ademais, por enriba dos 10 graos estivo durante 14 días (cinco máis que neste ano), en 2 dos cales se lograron superar os quince graos (ao final do mes, os días 28 e 29 de marzo). As mínimas baixaron dos cero graos en 4 ocasións (tamén ao comezo do mes) e as máximas superaron os quince graos ata en 9 ocasións, elevándose por riba dos vinte graos nunha. Como pode observarse, os datos reflexan unha menor variabilidade entre as máximas e as mínimas no mes de marzo do pasado ano que no deste 2024, onde os cambios de temperatura entre o día e a noite están sendo moi extremos.

Agora toca sufrir cando xa pensabamos que o inverno estaba superado, con estes rexistros máis propios desa estación que da primavera. E é que en febreiro deste ano os días de frío foron 15 (sete menos que en marzo), todos eles cunha temperatura media entre os cinco e os dez graos. Mentres que houbo 14 días nos que a temperatura media chegou a estar entre os dez e os quince graos. As mínimas non baixaron en ningún momento dos cero graos e as máximas superaron os quince ata en 14 ocasións (dúas máis que en marzo), chegando a estar tamén por enriba dos vinte nunha. En febreiro de 2023, sen embargo, os días de frío foran 23 (oito máis) e só se superaran os quince graos en 10 ocasións.

Pola súa banda, en xaneiro deste 2024 houbo 20 días de frío (dous menos que en marzo), dos cales en 7 se rexistraron temperaturas medias por debaixo dos cinco graos e en 13 temperaturas de entre cinco e dez graos. Os 11 días restantes do mes a temperatura media estivo entre os dez e os quince graos. As mínimas baixaron dos cero graos en cinco ocasións e as máximas foron quen de superar os quince ata en 10 ocasións (só dúas menos que en marzo), superando dous días os vinte graos. En xaneiro de 2023, pola súa banda, os días de frío foron absolutamente todos, é dicir, os 31 días do mes a temperatura se mantivo por baixo dos dez graos, estando por baixo dos cinco durante 10 días.

Polo que respecta ás choivas, estas tamén foron máis abundantes no mes de marzo que no de xaneiro e febreiro. En concreto, o pasado marzo choveu un total de 19 días, mentres que en febreiro choveu 15 días (catro días) e no mes de xaneiro fíxoo 13 días (seis menos). Con respecto ao ano 2023, este mes de marzo choveu menos, eses 19 días fronte a 23, a diferenza atópase na cantidade de choiva caída cada día: mentres que antes chovía de xeito máis repartido e continuado ao longo de todo o día, mentres que agora en poucos días caen fortes trombas que fan que se acumulen grandes cantidades de auga en pouco tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta