Ofensiva contra a empresa que controla o monopolio das ITVs en Galicia: o que gaña e a conta de que o gaña

A Confederación Galega de Asociacións de Veciños apunta directamente Supervisión y Control, concesionaria da inspección de vehículos. Esta empresa foi adquirida por Applus, unha multinacional de servizos que posúe agora a maioría das participacións e, daquela, o control de todos os puntos fixos de revisión ITV e tamén os puntos móbiles para maquinaria agrícola.

Por Moncho Mariño | Santiago | 14/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Confederación Galega de Asociacións de Veciños 'Rosalía de Castro' (COGAVE) emitía un comunicado reclamando a finalización “do monopolio sobre a Inspección Técnica de Vehículos (ITV)” exitente en Galicia. Este servizo de inspección obrigatoria dos vehículos a motor está xestionada por Supervisión y Control (SYC), propiedade de Inversiones Finisterre (que estaba integrada no Grupo Fomento de Inversiones). En 2017 a multinacional Applus+ mercaba o 80% das accións de Inversiones Finisterre e por tanto pasaba a controlar as 26 unidades fixas de ITV e as 10 unidades móbiles que operaba Supervisión y Control. Tal como rexistraba Applus+ nunha nota de prensa en 2017 “en Galicia, a operación xestiónase a través da compañía Supervisión y Control, S.A., fundada en 1987, a cal opera en exclusividade na rexión mediante 25 estacións e 10 unidades móbiles, con case de 500 empregados. A concesión (..) pode ser renovada en períodos de 4 anos ata o ano 2037 de acordo ao contrato concesional”.

Prezos ITV 2024
Prezos ITV 2024 | Fonte: itvcitaprevia.es

OS PREZOS DA ITV

“Non consideramos correcto o aumento de custos na inspección de vehículos e mesmo cando a empresa recoñece uns beneficios que se incrementan cada ano” di María José Villamarín, vicesecretaria da Confederación Española de Asociacións Veciñais (CEAV). En relación a isto, nun comunicado de Applus+, a empresa recoñecía o 7 de 2022 que: “Galicia é un dos principais mercados do Grupo Applus+ no sector da inspección técnica de vehículos (ITV), con 53 millóns de euros en ingresos en 2021”.

En 2022 Applus+ renovaba a concesión da ITV en Galicia a cambio dunha reducción nas tarifas como indicaba a Xunta nunha nota de prensa: “A Xunta de Galicia acordou coa empresa concesionaria da Inspección Técnica de Vehículos (ITV), SYC Applus+, a redución das tarifas para este ano nun 1,42%, dentro do compromiso de dar a mellor atención posible ás familias”. A rebaixa non chegaba ao 1,5%, aínda que na mesma nota o executivo galego declaraba: “cómpre lembrar que en Galicia a segunda revisión do vehículo -cando é necesaria pasala para comprobar que se corrixiron as incidencias detectadas nun primeiro control- é gratuíta”.

Porén, COGAVE considera que os ingresos obtidos pola ITV en Galicia “son elevados aínda máis se temos en conta que hai familias sen ingresos, persoas en situación de desemprego” que non poden facer fronte aos gastos da inspección de vehículos “e por iso pedimos a rebaixa de prezos”. Isto a pesar do 1,42% de rebaixa pedida pola Xunta para renovar até o 2027 a concesión a Applus+. Con todo, as novas económicas sinalaban que a multinacional tivera uns beneficios de 20,2 millóns de euros en 2023 fronte aos 48,6 de 2022, unha baixa de case o 60% en ingresos.

Estación móbil de ITV para vehículos agrícolas. SYC APPLUS+
Estación móbil de ITV para vehículos agrícolas. SYC APPLUS+

Volvendo ás taboas de prezos, cando a Xunta acorda a reducción dun 1,42% nas taxas da ITV acordadas tras renovar a concesión con Applus+, a Xunta de Galicia sinalaba que a cambio “ o novo prezo da ITV periódica para turismos diésel sexa de 46,75 euros, mentres que para motocicletas se quede en 34,54 euros. De feito, de ter aplicado a subida do IPC de 2021, o prezo do servizo se incrementaría entre 2 e 3 euros nestes dous casos”. Aínda así, Facua publicara en 2021 un estudo onde comparaba prezos entre CCAA e Galicia estaba superaba a media do Estado. A día de hoxe, por exemplo, as táboas en diésel apuntan un prezo de 50,12€, algo máis de 3,30€ de suba.


LIBERALIZACIÓN DO MERCADO
“A nosa proposta é a de liberalizar o sector da ITV e así tamén poidan entrar os talleres oficiais e concesionarios oficiais, é dicir, acabar cunha forma de monopolio da revisión de vehículos” destaca María José Villamarín. “Insisto que non estamos contra a empresa concesionaria, pedimos liberalizar o sector e para iso tamén reclamamos a colaboración das autoridades públicas”. Neste caso a Xunta de Galicia, quen ten competencias exclusivas en industria desde 1982 e isto inclúe a revisión de vehículos.

Concretando máis, a ITV foi regulada polo Decreto 165/1982, de 7 de novembro. Neste decreto defínese a explotación deste servizo como “mixta”, sendo a Consellería de Economía, Industria, e Innovación da Xunta de Galicia, quen realiza a dirección técnica e supervisión do cumprimento por parte das entidades adxudicatarias do servizo por concurso público, que ademais serán as responsables de construír e xestionar as estacións. Actualmente, a concesión foi outorgada a Supervisión y Control S.A. (Applus+) en 2022 e esta acabará en 2027.

Segundo a Consellería de Economía e Industria: “a tipoloxía do contrato (concesión administrativa) responde ás previsións establecidas no Real Decreto 920/2017, do 23 de outubro, polo que se regula a inspección técnica de vehículos”. Por outra parte, na última modificación do contrato “de febreiro do ano 2022, modificouse o sistema de tarifas do contrato, cunha redución lineal do 7% de todas a tarifas previstas para o 2022 relativa aos servizos comprendidos no contrato”. A isto sumoulle con carácter xeral que “o incremento anual das tarifas situarase sempre por debaixo do IPC (incremento equivalente ao IPC menos cincuenta puntos básicos)”.

Desde Supervisión y Control, recorren á lexislación actual sobre prestación do servizo de ITV para describir o seu labor. Preguntados sobre se consideran viable a apertura doutros centros como talleres e concesionarios oficiais para as inspeccións técnicas de vehículos, a empresa responde que “a xestión do servizo de inspección de vehículos e os criterios para a prestación deste servizo público correspóndelle á administración pública”.

A Consellería de Economía e Industria, en relación a este tema responde que: “as distintas prórrogas e modificacións dos contratos foron formalizadas de acordo coa normativa aplicable, e sempre garantindo a optimización do servizo público prestado, mediante a esixencia de investimentos na mellora da rede de estacións, equipamento e infraestruturas, co obxectivo último de dar un mellor servizo á cidadanía”.

Actualmente Extremadura e Murcia teñen ITV propiedade da administración pública mais compartindo o seu territorio con empresas privadas. Noutras autonomías tamén funciona o sistema de concesión e, polo de agora, Andalucía é a única que ten este servizo en mans públicas.

A liberalización do sector suporía, segundo COGAVE, o cumprimento das normas anti-monopolio da UE, aumento da competitividade e da calidade do servizo, ademais dunha relativa baixa de prezos. “Acabar co que nós vemos como un monopolio significa implicar a todos os axentes sociais e as administracións públicas” din desde COGAVE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta