'Taxibol' e 'Habitar', mellores películas da 19 MICE Museo do Pobo Galego

A mostra de cinema outorgou este domingo os premios da edición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2024 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego outorgou este domingo os premios a mellor película internacional e mellor película en galego a 'Taxibol e 'Habitar', respectivamente.

De 'Taxibol', a película do director italiano Tommaso Santambrogio, o xurado destacou que é unha proposta "impactante e esteticamente portentosa, que explora os límites entre a ficción e a non ficción" e que establece unha contraposición "entre un diálogo íntimo, que transcende as barreiras lingüísticas e culturais, e o retrato sutil de relacións cotiás nas que persisten a violencia, o pasado colonial e as dinámicas de poder".

Mentres, o premio MICE a mellor película galega foi para 'Habitar', unha curta de Anxos Fazáns que o xurado describiu como "creativa e luminosa" que "a través dunha narrativa non convencional, ofrece unha perspectiva lúcida e contribúe á visibilidade das experiencias de persoas transxénero e non binarias".

Tal e como trasladou a organización nunha nota de prensa, a cineasta agredeceu o premio e apuntou o seu desexo dun "audiovisual galego libre e diverso e por seguir construíndo espazos abertos de oportunidades para todas as persoas".

Ademais, o premio Agantro á Excelencia Antropolóxica recaeu en 'El signo vacío', de Kathryn Ramey. O xurado da Asociación Galega de Antropoloxía destacou o "excelente traballo de composición e edición" co que a directora "crea un verdadeiro manual de estilo para o traballo de campo na descrición etnográfica".

Así mesmo, o premio CREA foi para a película 'A Revolución (é) Probable', de María Ruído, Paula Barreiro-López e Le Douglas, e o premio do Público foi para '12 de maio de 1937', de Mar Caldas.

Entrega dos premios MICE Museo do Pobo Galego.. MICE
Entrega dos premios MICE Museo do Pobo Galego.. MICE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta