As películas 'O Corno', con sete premios, e 'Matria', con cinco, grandes vencedoras dos XXII Mestre Mateo

Jaione Camborda vence en Mellor Guión e Dirección e Tamar Novas recibe por segundo ano consecutivo o galardón de Mellor Actor Protagonista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2024 | Actualizada ás 10:23

Comparte esta noticia

As películas 'O Corno' e 'Matria' foron as grandes vencedoras dos XXII Mestre Mateo, que se celebraron este sábado no Coliseum da Coruña, con sete e cinco premios respectivamente.

O filme de Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián, foi a obra máis premiada da noite ao facerse con sete premios: Mellor dirección de arte (Melania Freire); Mellor maquillaxe e barbaría (Bárbara Brouke, Lorena Calvo e Silvia Neira); Mellor son (Sérgio Silva e David Machado); Mellor vestiario (Uxía Vaello) e Mellor longametraxe. A directora alzouse cos premios a Mellor dirección e Mellor guión.

Pola súa banda, o equipo de 'Matria' recolleu os galardóns a Mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan) e dirección de produción (Nati Juncal) e fixo pleno nas categorías de interpretación nas que era finalista, con recoñecementos para María Vázquez como Mellor interpretación feminina protagonista; Susana Sampedro como Mellor interpretación feminina de reparto e Santi Prego como Mellor interpretación masculina de reparto.

'Rapa', votada polas académicas e académicos como Mellor serie de TV, tamén gañou os premios a Mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey, Lucía Iglesias) e Mellor música orixinal (Xavi Font). Dentro da ficción seriada, 'O arte de ser mal pai', da produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo a Mellor serie web.

TAMAR NOVAS E LUCÍA VEIGA

Así mesmo, Tamar Novas volveuse a subir ao escenario da gala por segundo ano consecutivo para recibir o premio a Mellor interpretación masculina protagonista, polo seu papel en 'Salta!'.

Tamén se volveu facer cun Mestre Mateo a intérprete e humorista coruñesa Lucía Veiga, nesta ocasión, como Mellor comunicadora, polo seu traballo no programa da TVG 'Malicia Noticias'. Completan a listaxe de profesionais galardoados Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias na categoría de Mellor Realización, polo seu traballo en 'O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo'.

Ademais, 'Os espazos en branco' impúxose na categoría de Mellor documental. Pola súa banda, 'Cos pés na terra' logrou o premio a Mellor programa. O videoclip de C. Tangana para o R.C Celta de Vigo 'Oliveira dos cen anos' venceu na súa categoría e 'Chama a miña neta' alzouse co trofeo a Mellor anuncio publicitario.

A cerimonia de entrega de premios foi presentada por Lidia Veiga e Miguel Canalejo, que estiveron acompañados sobre o escenario por Fillas de Cassandra, encargadas de pór a música ao evento, coa colaboración de Mondra e os peliqueiros de Laza.

Outro dos momentos da gala foi o protagonizado por Xosé Ramón Gayoso, que entregou o Premio de honra Fernando Rei a Eva Veiga. Deste xeito, a gala dos Mestre Mateo reuniu, 39 anos despois, a dous dos presentadores que formaron parte da primeira emisión da Televisión de Galicia o 25 de xullo de 1985.

Arquivo - Fotograma de O Corno, de Jaione Camborda. CURTOCIRCUITO - Arquivo
Arquivo - Fotograma de O Corno, de Jaione Camborda. CURTOCIRCUITO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta