Aumenta a violencia de xénero en Galicia: 20 vítimas ao día en 2022, un 7,6% máis

Case un 25% das denuncias non son das vítimas, senón de atestados policiais, partes de lesións ou o entorno das afectadas. Aumenta o número de mulleres que tras unha denuncia, non quere declarar.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/03/2024 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

A lacra da violencia de xénero segue aumentando en Galicia, tanto o número de denuncias como o de mulleres vítimas. Entre xaneiro e decembro contabilizáronse 7.438 vítimas, é dicir, máis de 20 ao día, o que supuxo un incremento interanual do 7,6 %, aínda que a  taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia foi de 53,1, a segunda máis baixa do Estado, cuxa media se situou en 79,4. Ademais, en 2023 rexistráronse 78 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, un menos que en 2022. Neste último dato contabilízanse aos fillos/as de vítimas sobre os que o maltratador exerceu violencia de forma directa.

Muller dicindo 'non' á violencia de xénero
Muller dicindo 'non' á violencia de xénero | Fonte: Commons

Durante o período estudado, os xulgados galegos rexistraron 7.483 denuncias por violencia de xénero, fronte ás 6.995 de 2022, o que supón un incremento do 7 %. A gran maioría (5.743), o 76,7%, foron presentadas polas propias vítimas, ben nos xulgados ou en dependencias policiais, cifra que segue sendo moi superior á das denuncias presentadas polo contorno da vítima, apenas un 1,9 % do total. As denuncias derivadas directamente de atestados policiais representaron o 14,8 %; as orixinadas por partes de lesións, o 5,2 % e as interpostas por terceiras persoas alleas ao contorno da vítima, o 1,2 %.

ORDES DE PROTECCIÓN

Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon o ano pasado 1.299 ordes e medidas de protección e seguridade, un 2 % máis que en 2022. En total, recibiron 1.928 peticións destas medidas protectoras -un 2,5 % máis que en 2022-, das cales foron concedidas o 67,3 %; mentres que os xulgados en funcións de garda incoaron 492, das que adoptaron 320, o 65 %, segundo os datos estatísticos feitos públicos polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Os xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e as audiencias provinciais de Galicia ditaron entre xaneiro e decembro en procesos de violencia de xénero 2.415 sentenzas, das cales 1.976, é dicir, o 81,8 %, foron condenatorias. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron a 16 persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, fronte ás nove de 2022, é dicir, un 77,8 % máis.

AUMENTAN AS QUE NON QUEREN DECLARAR

Segundo os datos estatísticos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en 2023 en Galicia aumentaron un 36,6 % os casos de vítimas que se acolleron a dispensa para non declarar, pois optaron por esta opción 493 mulleres, fronte ás 361 que o fixeron en 2022.

Por outra banda, os órganos xudiciais ditaron 679 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. As máis frecuentes foron as relacionadas coa prestación de alimentos (197), que representaron o 29 % do total de medidas civís adoptadas. Ademais, adoptáronse 121 relativas á atribución da vivenda; 167 sobre suspensión do réxime de visitas; e 90 sobre suspensión da garda e custodia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta