Premiado un proxecto do hospital de Ferrol para seguir o colesterol dos pacientes que sufriron un infarto e evitar que volva ocorrer

A aplicación monitora a persoas que sufriron un infarto de miocardio e o médico pode actuar directamente na medicación sen unha cita presencial.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 18/03/2024 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O proxecto 'Vixía e Actúa', desenvolvido no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e destinado ao seguimento de pacientes con síndrome coronaria aguda, recibiu a semana pasada un premio ao mellor proxecto innovador no marco do XXVII Congreso Nacional de Informática na Saúde 'Infors@lud', celebrado en Madrid.

A responsable de Cardioloxía do CHUF, Raquel Marzoa, reivindicou este traballo conxunto coa subdirección de texnologías da información da área Sanitaria de Ferrol, como Javier Rey Carbón e Javier Quiles del Río, creadores desta ferramenta que permite a detección precoz de pacientes que precisan unha intervención médica.

Con este proxecto, segundo informa a área ferrolá nun comunicado, as persoas que pasasen unha síndrome coronaria aguda estarán aínda máis controladas. 'Vixía e Actúa' ten catro obxectivos principais: a autoevaluación de procesos de asistencia, o desenvolvemento dun sistema intelixente que permita identificar precozmente a doentes que non realizasen o control de colesterol, a súa integración no sistema de historia clínica e a avaliación da mellora obtida no proceso.

Raquel Marzoa destaca a importancia de implicar a profesionais de "distintos ámbitos", tanto no centro de saúde como no hospital, así como no puramente sanitario e fóra del, por exemplo os técnicos informáticos. A clave desta ferramenta é controlar, a través da historia clínica electrónica, o nivel de colesterol dos pacientes que sufrisen un infarto para evitar que volva ocorrer. Así, identifícase aos que non realizan a analítica no período marcado ou que teñen un nivel de control de colesterol subóptimo e o médico pode intervir directamente no tratamento, sen ter que esperar a unha cita de seguimento presencial.

Este sistema monitorou a 180 pacientes de síndrome coronaria aguda entre setembro de 2023 e febreiro de 2024. En total, houbo 55 alertas. Esta dinámica serviu para intensificar o tratamento farmacolóxico do 77,5 por cento dos doentes que presentaban niveis altos de colesterol e comprobouse como, tras esta intervención, a súa situación melloraba nun 83,3 por cento. Ademais, case o 40 por cento alcanzaba niveis óptimos tras unha única intervención. O proxecto partiu da alta prevalencia do infarto de miocardio na área ferrolá, con entre 400 e 450 casos ao ano.

A responsable de Cardiología do CHUF, Raquel Marzoa, no XXVII Congreso Nacional de Informática na Saúde 'Infors@lud', celebrado en Madrid.. CHUF
A responsable de Cardiología do CHUF, Raquel Marzoa, no XXVII Congreso Nacional de Informática na Saúde 'Infors@lud', celebrado en Madrid.. CHUF | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta