O Concello de Verín remunicipaliza definitivamente o servizo de auga para "corrixir as deficiencias"

Terá que pagar á concesionaria 875.000 euros distribuídos en catro cotas anuais.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 15/03/2024 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

O Concello de Verín celebrou este venres un pleno extraordinario no que se aprobou definitivamente a remunicipalización do servizo de auga e saneamento, co obxectivo de realizar unha xestión directa "máis sustentable e eficiente".

Tal como informou o goberno local, ata agora este servizo estaba en mans dunha empresa concesionaria, coa cal se chegou a un acordo que suporá o pago de 875.000 euros, distribuídos en catro cotas anuais.

En concreto, este montante comprende o canon adiantado no momento da privatización, os intereses correspondentes, o valor do inmobilizado material da empresa e unha compensación polo lucro cesante. "Cabe destacar que este importe será financiado coa xeración de ingresos do servizo de auga municipalizado, que se estima en 500.000 euros anuais no próximos catro exercicios", reivindicou o Concello.

O alcalde, Gerardo Seoane, celebrou esta iniciativa, que permitirá "corrixir as deficiencias estruturais na rede de saneamento" que provocan, segundo lamentou, "a deterioración ambiental do río Támega" e dificultan a prestación dun servizo "óptimo" á cidadanía.

Imaxe da votación no pleno.. CONCELLO DE VERÍN
Imaxe da votación no pleno.. CONCELLO DE VERÍN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta