Pontevedra súmase ás cidades galegas que pedirán a declaración como zona de mercado residencial tensionado

Pontevedra é a urbe galega con "menos oferta de vivenda" en aluguer e a terceira cos alugueres "máis caros de Galicia", cun prezo medio que se sitúa nos 852 euros mensuais, segundo o INE.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/03/2024 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O grupo municipal do PSOE no Concello de Pontevedra levará a pleno unha moción na que se insta ao goberno local a iniciar os trámites para que a cidade sexa declarada zona de mercado residencial tensionado. O BNG, ante os trámites xa iniciados para solicitar tal declaración ao ter encargado un estudo e segundo confirmou este mércores, votará a favor desta proposta.

A declaración de zona de aluguer tensionada abrirá a porta a que o Instituto Galego do Vivenda e Solo (IGVS), poida topar aos prezos do aluguer. Así o explicou este xoves o portavoz do PSOE, Iván Pontes, que indicou que "espera contar co apoio unánime" de toda a corporación para contribuír a atallar "o grave problema de acceso" á vivenda que padece a cidade do Lérez, con "un descontrolado incremento dos custos de compra e aluguer". Por iso, os socialistas pediron á concellaría de Urbanismo que "poña en marcha" os traballos e estudos necesarios.

URBE GALEGA CON "MENOS OFERTA" DE VIVENDA

Segundo os datos facilitados polo PSOE na rolda de prensa, o Instituto Nacional de Estatística (INE) sinala que Pontevedra é a urbe galega con "menos oferta de vivenda" en aluguer e a terceira cos alugueres "máis caros de Galicia", cun prezo medio que se sitúa nos 852 euros mensuais. Iván Puentes explicou que Pontevedra é a capital galega na que máis subiu a vivenda usada en 2023, un problema ao que tampouco escapa a vivenda nova, que subiu ata catro veces máis que a media galega no pasado ano.

Nesta liña, considerou que esta realidade, combinada cun salario medio dos pontevedreses duns 1.300 euros netos ao mes (segundo o IGE), unha renda media por fogar e ano de 28.682 euros e un prezo medio da vivenda de 160.656 euros, "implica un esforzo desorbitado" e mesmo, ás veces, unha "imposibilidade manifesta" para que moitas persoas accedan a unha vivenda no municipio. Os pontevedreses, engadiu, teñen que destinar de media 5,6 anos do seu salario neto íntegro para poder adquirir unha vivenda na cidade.

A declaración de zona de mercado residencial tensionada esixirá que, con carácter previo á presentación da correspondente solicitude ante o IGVS, o Concello de Pontevedra constitúa unha mesa sectorial na que se analizará a proposta municipal de declaración, así como o proxecto de plan específico que inclúa as medidas correctoras e o calendario de desenvolvemento das mesmas.

Letreiro de Pontevedra xunto á Praza da Ferrería, na cidade de Pontevedra
Letreiro de Pontevedra xunto á Praza da Ferrería, na cidade de Pontevedra | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta