O PP de Santiago ve "unha tomadura de pelo" que Raxoi solicite zonas de aluguer tensionado "a través dos medios"

Borja Verea sinala que se o fora alcalde "o último que querería é que a Xunta definise" a súa política de vivenda na cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2024 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O PP de Santiago considera "unha tomadura de pelo" que o goberno local solicite a declaración de zona de aluguer tensionado "a través dos medios de comunicación", pero "non é capaz de seguir as canles administrativas correspondentes". "Se eu fora alcalde, o último que querería é que a Xunta definise a miña política de vivenda na cidade, e menos aínda que decidisen eles cales deberían de ser as zonas tensionadas", sinalou o portavoz dos populares locais, Borja Verea.

Neste sentido, trasladou que "o primeiro que ten que facer o goberno do BNG" é "porse a traballar e deixar de criticar a outras administracións". "Se o que queren é que outros lles fagan o traballo, o que deberían facer é deixar paso aos que si temos ganas de crear un Santiago de futuro e de xestionar con seriedade e rigor a capital de Galicia", reivindicou o líder popular.

Así, Verea cualificou de "tomadura de pelo" as declaracións da alcaldesa, Goretti Sanmartín, que este luns mostraba as súas dúbidas sobre a intención da Xunta de solicitar zonas de aluguer tensionadas e dicía crer que, "faga o que faga" o concello compostelán, a administración autonómica "non quere". A rexedora tamén insistiu en que o goberno local fará o seu traballo e o departamento de Urbanismo prepara xa a documentación, que "require informes exhaustivos" e, tal e como recoñeceu Sanmartín, "non se fan en dous días, nin en 15, nin nun mes".

"Como é posible que se queixen de que terán que redactar informes moi exhaustivos que levarán semanas de traballo? É que diso se trata gobernar, non só de saír nas fotos e lanzar mensaxes nos medios, hai que traballar, señores do BNG", manifestou Verea. Neste contexto, o portavoz popular explicou que o PP non está a favor "do control dos prezos do aluguer por imperativo legal", xa que "ese intervencionismo levará a moitos propietarios a sacar do mercado os seus pisos por non cubrir gastos ou considerar que non lles compensa ante a falta de seguridade xurídica coa que se atopan a diario".

A xuízo de Borja Verea, se desaparece oferta de pisos en zonas tensionadas, "os que estean dispoñibles en zonas libres verán aumentado o seu prezo de aluguer", o que provocaría "o efecto contrario ao que pretenden con esta medida".

Para o PP, a solución pasaría por promocionar a colocación no mercado dos "miles de pisos que están baleiros na cidade". Así, Verea destacou as medidas do seu programa de goberno nas eleccións de 2023: "Creariamos un bono aluguer que daría garantías ao propietario ao pasar a xestión dos pisos a mans do concello e garantindo unha renda mensual; e posibilitaría o acceso á vivenda de familias, maiores, xente nova e persoas con escasos recursos cunha bonificación do aluguer".

O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, en rolda de prensa.. PP SANTIAGO
O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, en rolda de prensa.. PP SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta