Unha borrasca activa este sábado en Galicia alertas por temporal costeiro, choiva intensa e neve en zonas altas

Todo o litoral quedará en alerta laranxa ata as 15,00 horas do sábado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2024 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

Unha borrasca situada sobre Inglaterra activará este sábado en Galicia alertas por temporal costeiro, choiva intensa e neve en zonas altas. Segundo Meteogalicia, todo o litoral estará en alerta laranxa, desde a madrugada ata as 15,00 horas do sábado, ao esperarse mar combinado do noroeste con ondas por encima dos cinco metros.

Durante ese período tamén estará activa a alerta amarela no mar por vento do oeste de forza sete. Con todo, desde as 15,00 horas do sábado ata a madrugada, haberá aviso amarelo por ondas de entre catro e cinco metros.

En canto ao vento, o noroeste da Coruña e A Mariña están en alerta amarela ata as 6,00 horas do sábado por refachos puntuais superiores ao 80 km/h.

As intensas choivas tamén deixarán alertas en Galicia con acumulacións superiores aos 40 milímetros en Betanzos, Ferrolterra, Ortegal, na comarca do Eume e na de Tabeirós-Terra de Montes. Así mesmo, a montaña de Lugo e Ourense estarán en alerta amarela por acumulacións de máis de 15 e cinco centímetros, respectivamente, en 24 horas.

Durante a madrugada e primeiras horas do sábado cruzará Galicia unha fronte activa e deixará ceos anubrados e choivas ocasionalmente fortes e acompañada de treboadas e sarabia.

A cota de neve durante a mañá situarase nos 800 metros e baixará ao longo do día ata os 600-700 metros e as temperaturas descenderán.

Unha onda no mar, a 3 de xaneiro de 2024, na Coruña. M. Dylan - Europa Press / Europa Press / Europa Press
Unha onda no mar, a 3 de xaneiro de 2024, na Coruña. M. Dylan - Europa Press / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta