Adega querélase contra un excargo da Xunta por unha suposta condonación de débeda a Greenalia

A Fiscalía arquivou en 2023 unha querela similar, feito ao que se remite a Xunta para asegurar que Adega "só ten fins electoralistas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2024 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) presentou este venres unha querela criminal ante o Xulgado de Instrución de Santiago contra a ex directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Uría, pola suposta comisión de dous delitos de prevaricación e malversación ao condonarlle a Greenalia unha débeda con facenda de 12 millóns de euros.

Segundo apuntan no comunicado, esta débeda condonouse "de forma arbitraria e en contra do ordenamento xurídico". Explican que os feitos tiveron lugar en xullo de 2021, cando Uría asinou unha resolución administrativa pola que aceptaba a proposta de Greenalia de modificación do plan industrial asociado á adxudicación de megawatts para o parque eólico Campelo no concurso do bipartito de 2010.

Naquel concurso, lembran, a promotora inicial do parque, Kaekias Eólica S.A., alcanzara a potencia eólica solicitada para a construción deste parque coa condición de executar o plan industrial asociado ao mesmo. Con todo, argumentan, Kaekias Eólica optou por non executar o plan industrial proposto e, "no seu lugar, decidiu monetizalo, quedando obrigada a ingresar 11.721.971 euros no fondo de capital-risco (Sodiga) do Igape, no prazo dun mes desde a posta en funcionamento do parque eólico Campelo".

En 2017, a titularidade do proxecto e das obrigacións ligadas ao plan industrial asociado pasaron a Greenalia. En novembro de 2019, Greenalia "rexeitou facer fronte á monetización do plan industrial que formulara a súa antecesora e, por conseguinte, ao pago dos case 12 millóns de euros á facenda pública".

Presentou entón unha nova proposta ante a Dirección Xeral pola que solicitaba dar por executado o plan industrial vinculado ao parque eólico Campelo. Para probar a execución efectival do plan, apuntan, presentaron tres actuacións que xa desenvolveran no pasado, entre 2015 e 2019, "e que nada tiñan que ver co plan industrial acollido no concurso de 2010". O 21 de xullo de 2021, Uría "aceptou o cambio de monetización polo efectivo desenvolvemento do plan industrial" e "validou, a fin de dar por executado tal plan", as tres actuacións de Greenalia que non se correspondían co plan industrial proposto en 2010.

Concretamente, o plan industrial proposto por Kaekias Eólica consistía nun proxecto de secado térmico de barro e fabricación de pellets e Greenalia "solicitou que se tivese por executado tal proxecto en base ao desenvolvemento dun negocio hoteleiro, un proxecto de buque para a exportación do sector forestal e un proxecto de xestión de biomasa".

"Ao amparo da regulación do concurso eólico de 2010 non tiña cabida legal unha modificación dos proxectos industriais como a referida. Con todo, a resolución administrativa asinada por Uría deu por executado o plan industrial á vez que condonó a Greenalia unha débeda de 11.721.971 euros, coa consecuente lesión á facenda pública", indican.

Adega argumenta que Uría podería estar a incorrer en supostos delitos de prevaricación administrativa e malversación de fondos públicos e que actuaría "con radical arbitrariedade e total ausencia de base legal, desviándose da normal praxe administrativa dunha maneira flagrante, notoria e patente".

DENUNCIA ARQUIVADA EN 2023

En 2023, a Fiscalía da área de Santiago arquivou outra denuncia presentada por Adega contra a Xunta de Galicia por este caso, que cualificaron no seu momento de "indulto millonario" cara a Greenalia. Neste sentido, a entidade anunciou que recorrerá á Fiscalía Xeral do Estado. Precisamente a este arquivo referiuse a Xunta de Galicia que, consultada por Europa Press, considera que a actuación de Adega "só ten fins electoralistas". "Só así se pode entender que presente a semana antes das eleccións ante o xulgado de instrución exactamente a mesma querela que xa presentara ante a Fiscalía", argumentan. Esta querela, rexistrada en novembro de 2022, foi arquivada en marzo de 2023.

Zonas de afección do parque eólico  Bustelo – Campelo – Monte Toural
Zonas de afección do parque eólico Bustelo – Campelo – Monte Toural | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta