A música nas campañas electorais: no BNG cobrou forza dende a chegada de Pontón, vencellada a 'Mini' e agora á Banda da Loba

O actual deputado do BNG no Parlamento de Galicia Xosé Luís Rivas Cruz, compuxo varios temas de carácter electoral para a formación nacionalista, acompañado pola súa filla María Rivas e polo integrante da banda Nao 'Jásper'. Pero isto só sucedeu a partir do ano 2016, cando chegou Pontón como candidata. Os seus predecesores non lle prestaban tanta atención á banda sonora da campaña.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/02/2024 | Actualizada ás 22:24

Comparte esta noticia

De seguro tendes escoitado esa frase tan manida que di que nesta vida todo é política. E ben é certo. Os propios políticos o saben e os candidatos a presidir a Xunta de Galicia cada catro anos non deixan escapar a oportunidade de atraer votantes, algo que fan indo máis aló dos habituais anuncios e promesas electorais. Canto máis avanzamos no tempo, semella que os líderes das formacións galegas se foron volvendo expertos nisto de viralizarse, creando vídeos de campaña controvertidos, con frases moi dignas de meme e con músicas moi pegadizas. E é que ao final, 'dá igual o que falen de min, o caso é que falen', e máis en tempo de campaña, cando o que interesa é darse a coñecer e que o nome de cada candidato resoe na mente da xente. As redes sociais chegaron para dar un paso máis aló nesa exposición preelectoral.

Mini e María Rivas
Mini e María Rivas | Fonte: BNG - Arquivo

E aínda que uns son máis mañosos nisto de empregar as redes, os vídeos de campaña de todos teñen algo en común: o uso da música cun marcado carácter emotivo, tratando de chegar ao corazonciño da xente. Dende o Galicia Confidencial quixemos facer unha serie coa que expoñer as bandas sonoras de cada candidato ao longo da evolucións dos partidos políticos galegos. Se na anterior entrega falabamos do PSdeG de Touriño con 'Quen poidera namorala' e da aposta de Besteiro polo 'The best' de Tina Turner, nesta ocasión é a quenda do BNG, un partido nacionalista liderado por Ana Pontón dende o 2016 (no 2012 estaba á fronte Francisco Jorquera e no 2009 Anxo Quintana). Que música lle gusta a Ana Pontón? E, máis aló de gustos, cal é a que empregou e está a empregar o BNG como banda sonora durante as campañas electorais?

Ana Pontón confesaba a pasada semana nunha entrevista radiofónica que a ela sempre lle gustou a música moi variada, e que non ten un estilo no que se poida encasillar, porque escoita moitas cousas. De feito, preguntada por que lle parecen os novos ritmos que chegan aos mozos, como é o caso do 'trap', Pontón considera que é algo bo, e asegura estar empapándose máis deses novos ritmos, porque as novas xeracións tamén están a transformar a música. Proba do seu variado gusto musical está na música que escoitaba cando estaba no instituto: dende Madonna ou Mecano ata Siniestro Total, pasando polos Resentidos. E fai aínda menos, nunha entrevista concedida ao xornalista Rodri Míguez, aseguraba que "non teño unha canción favorita, depende moito do momento da vida, vai por épocas". En concreto, na última etapa se tivese que quedarse con unha sería con 'Matriarca', de Guadi Galego. E o concerto máis emotivo ao que asistiu foi cando as Tanxugueiras foron capaces de encher o Coliseum da Coruña.

Agora ben, cando falamos de Ana Pontón asociada ao BNG falamos, indubidablemente, de música tradicional galega, con sons moi propios da cultura celta e coa muiñeira por bandeira. Sen ir máis lonxe, cando foi revalidada no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela como candidata do BNG á presidencia da Xunta, estivo acompañada musicalmente pola canción 'Fábrica da luz', de Banda da Loba (como tamén o están agora os seus mitins), un grupo galego integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais no 2016 para crear un proxecto colectivo no que se mesturan ritmos como o pop, o blues, o folk, o rock e, sobre todo, sons tradicionais galegos. A canción fala do cambio: 'A maquinaria ponse en marcha e as engranaxes a xirar, cinco motores moven as pezas, é o noso xeito de crear. Do máis pequeno faise progreso, dun elemento un volcán, sen medo ao lume sen medo á idea, sentirnos libres fabricando luz. Fabricando luz... Soar sen teito, prender candeas, a escuridade iluminar, soltar as vendas, soltar cadeas, sentirnos fortes fabricando luz...'.

E, hoxe por hoxe, o vídeo da candidatura do BNG aos comicios autonómicos de 2024 ten moito do seu estilo (aínda que oficialmente non hai nada escrito sobre quen está detrás da canción). Tendo en conta que o lema deste ano é o 'Agora!', no vídeo, mentres falan diferentes persoas que reclaman o que queren para a Galicia futura, escóitase de fondo un ritmo muiñeira con aturuxos incluídos no que predomina o 'eeeeaaa'. 

Tamén hai que lembrar que o BNG sempre puxo moi no centro dos seus temas musicais a Xosé Luís Rivas Cruz, máis coñecido como 'Mini', que formou parte da banda Fuxan os ventos e agora, dende as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2016, é diputado do BNG (este mesmo ano no último pleno antes de Nadal agasallou aos seus compañeiros de Parlamento cunha panxoliña). Xunta á súa filla, Navia Rivas (responsable internacional de Galiza Nova e concelleira en Santiago), e a Pablo Carracedo, coñecido como 'Jásper' (mestre e integrante do grupo NAO), e a ritmo de sons tradicionais como a muiñeira, lanzaron nos pasados comicios autonómicos de 2020 o tema 'Este país', que fala da necesidade de abrir un tempo novo nunha Galicia aínda por construír.

A canción di: 'Este país de néboas e esperanzas, esta razón que move o que vai vir. No soño compartido, na confianza. Na loita do camiño a construír. Galicia, casa, berce, lar, pasado. Galicia, vento, mar, ceo, paixón. A matria que rebole en novo estado. Futuro, artesa, pan, auga, canción. Xanela aberta, peirao de abrigo, centeo e trigo para alimentar. A nova esperanza e a man aberta. A fonda aberta e novo cantar. Porque o país non ten nada perdido, que no país está todo por facer. Ninguén está de máis serás benvida. A casa do común, do ben querer. Coa necesaria ansia colectiva, co ben común que habemos conquistar. Nos beizos, no camiño, na porfía, na fala, na fachenda, no cantar... Cantar que busca voces diversas, novas conversas para compartir, a nova matria máis libre e nosa, meta orgullosa para ir e vir. Xanela aberta, peirao de abrigo, centeo e trigo para alimentar, a nova esperanza e a man aberta e a fonda aperta e novo cantar...'.

Nos comicios ao Parlamento de Galicia de 2016, o BNG de Ana Pontón apostou por Xavi Castro (do grupo Raiba) e novamente pola filla de Mini, Navia Rivas, para poñer a banda sonora ao seu vídeo electoral: 'Construír Galiza con ilusión. Galiza contigo'. A canción, titulada 'Un tempo novo!', con música de Marcos Paino, versaba así: 'Irei á selva como cada luns, na miña aldea somos fans de Robin Hood. Nada de gando nin carne de canón, buscar traballo de Finlandia a Nova York. Quen dixo medo habendo hospitais, é o momento de berrarlles nunca máis. Facer cos dedos o V da vitoria, escribiremos unha páxina da historia. Que non digo nunca nada por dicir, entón escoita agora e aquí. Os homes que odian desaparecerán e o poder do pobo ao pobo voltará, que non te enreden vendedores de seguros, tes dereito a escoller o teu futuro. Non compraremos billetes para o barco, sabes que hai unha praia baixo o asfalto. Un tempo novo depende de nós, un tempo novo pasa por nós!'. E, como pode verse, falaba de todo o que vai mal en Galicia e que se consideraba preciso cambiar.

Pero nese mesmo ano tamén Mini sacou outro tema: 'O soño necesario', acompañado de Nao. Moi na liña do tema elixido como banda sonora do vídeo electoral de Pontón, a canción falaba dunha Galicia que ten que soñar con ir a mellor: 'Porque este soño é necesario para un soño, cando un país se ergue para soñar, porque a esperanza aloumiña as nosas almas, por iso estamos resoltos para loitar. Camiñaremos coa forza que nos une, Galiza enteira nunha mesma canción, compartiremos solpores e amenceres, de nós para nós que viva a nosa unión. Porque entre nós teremos que facelo, porque de novo debemos comezar. Porque esta matria non atura máis olvidos, seremos nós no bico dun cantar... Por nós, para nós, en nós, por sempre nós. Con nós, nun mesmo corazón...'.

Aínda que ollo, nisto de empregar cancións como forma de atraer o voto da xente o BNG vai con algo de atraso respecto ao PP. Se Feijóo sempre confiou, dende o 2009, na banda Los Limones, creando cancións moi emotivas que facían que quenes as escoitaban se emocionasen, naquel tempo anterior a Ana Pontón no BNG non se creaban temas con letra. De feito, se nos remontamos ao anuncio electoral do BNG de Anxo Quintana, precisamente no ano 2009, este só se basea no líder político falando á cámara (cunha música de fondo). E no vídeo electoral de Francisco Jorquera, candidato nacionalista á Xunta no 2012, nin sequera hai música de fondo. Ademais, hai que salientar que os vídeos electorais destes dous candidatos baseábanse máis no ataque directo ao Partido Popular, mentres que os de Ana Pontón falan de cambiar Galicia. De feito, todos os vídeos secundarios que se están a crear dende o BNG de cara a estes comicios levan música de fondo, ata o punto de que tamén recorren a cancións de 'stock', é dicir, de recurso, como 'Feel So Lucky', de Cody Francis, que se pode escoitar no vídeo titulado 'Por que votar ao BNG?'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta