18F.- Pontón ve a un Rueda "nervioso" que "xa fai oposición" ao BNG en campaña

Di que está "preparándose" para o que ocorrerá despois das eleccións galegas.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 08/02/2024 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, atribuíu ao "nerviosismo" o endurecemento do discurso de Alfonso Rueda contra a formación nacionalista, e constatou que o candidato do PP "xa fai oposición" ao BNG en campaña electoral, "preparándose" para o que ocorrerá despois das eleccións galegas, tras as que pasará a ser oposición no Parlamento de Galicia.

Así o trasladou a candidata nacionalista este xoves, nun acto con delegados sindicais de industria en Vigo, no que subliñou varias veces que Alfonso Rueda se mostra "moi nervioso". "A súa campaña baséase en atacar ao BNG, porque non teñen proxecto", afirmou.

"Sabe que somos a alternativa, que lle estamos disputando a presidencia, e que se hai unha gran mobilización das persoas que queren o cambio, o próximo 18 de febreiro Rueda vai estar na oposición, e o BNG, por primeira vez, liderando o futuro deste país", proclamou Ana Pontón.

Segundo subliñou a candidata, a actitude de Alfonso Rueda e do PP denota que están "a se preparar quizais para o que vén partir do 18 de febreiro". "Xa nos fan oposición en campaña, e a partir do 18 de febreiro espero que estean na oposición no Parlamento", aseverou.

Por outra banda, volveu a retar a Rueda a participar no debate de TVE do próximo 14 de febreiro e que "deixe de esconderse" porque un candidato que se esconde e "non dá a cara", é que ten "algo que ocultar". Respecto diso, constatou que o PP pasou "dunha campaña na que quería ocultar as súas siglas, a unha na que quere ocultar ao seu candidato".

Ana Pontón insistiu en que, coa súa ausencia, Alfonso Rueda non dá "plantón" ao BNG, senón que "a quen dá plantón é a Galicia, e os galegos e galegas merecen candidatos que estean dispostos a debater".

Acto de Ana Pontón en Vigo, con delegados de industria, a 8 de febreiro de 2024.
Acto de Ana Pontón en Vigo, con delegados de industria, a 8 de febreiro de 2024. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta