O PP de Pontevedra advirte de que a posibilidade dunha moción de censura a Lores seguirá vixente

O portavoz municipal dos populares está convencido de que "o Goberno local está nun fin de ciclo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2024 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do PP no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, advertiu ao goberno local, do BNG, que a posibilidade de prensentar unha moción de censura contra o rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, seguirá vixente todo o mandato.

"Hoxe non se acaba a posibilidade de asinar unha moción de censura que o PP e o PSOE podemos asinar en calquera momento do mandato", manifestou Domínguez despois de que os orzamentos tivesen que vincularse cunha cuestión de confianza.

Rafa Domínguez compareceu ante os medios este mércores, un día antes de que expire o prazo dun mes para que os grupos da oposición presentasen unha moción de censura ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que perdeu a cuestión de confianza exposta no pleno extraordinario do pasado 8 de xaneiro. O portavoz popular asegurou que, aínda que se aprobe o orzamento municipal, "o Concello seguirá paralizado mentres o PSOE queira soster a Lores no cargo".

Rafa Domínguez, como portavoz do partido "gañador das eleccións municipais", ofreceu o 10 de xaneiro ao PSOE, "a terceira forza política da Corporación", a posibilidade de "pactar un acordo baseado nos programas electorais de ambas as formacións, en beneficio, única e exclusivamente, de Pontevedra", antes de presentar unha moción de censura contra o BNG.

Segundo Rafa Domínguez, o portavoz municipal dos socialistas, Iván Puentes, "deixou a porta aberta a un posible pacto programático", despois das eleccións galegas do 18 de febreiro que, en base ao exposto polo portavoz do PP, "permitiría un cambio de goberno no Concello de Pontevedra" para lograr, "a curto prazo", a reapertura do Reina Vitoria, o traslado do mercadillo ambulante á Alameda ou retomar a negociación cos funcionarios municipais.

Mesmo, admitiu Rafa Domínguez, ese pacto abriría a posibilidade de executar, de acordo co Goberno de España, os proxectos ambientais que se consideren necesarios a beiras do río Lérez, é dicir, a chamada estratexia 'Pontevedra Flúe', que abandera o PSOE, aínda que engade: "témome que iso é moito fume e eu chámoo Pontevedra Bluff".

O portavoz municipal dos populares está convencido de que "o Goberno local está nun fin de ciclo", con nove concelleiros "que puxeron o piloto automático, sen traballar, sen preparar novos proxectos" e, o que ao seu xuízo é máis preocupante, "sen ilusión". Por último, admitiu que "fose preferible para a cidade que se puxeron de acordo (BNG e PSOE) e traballasen conxuntamente, que non esta situación na que estamos", concluíu.

Concello de pontevedra
Concello de pontevedra | Fonte: E.P. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta