Canto inflúe o voto das grandes cidades galegas nos resultados finais das eleccións galegas?

As cidades de Lugo e Ourense supoñen algo máis de 4 escanos aos 14 totais das súas provincias. Mentres, as cidades da Coruña, Santiago e Ferrol deciden algo máis de 11 dos 31 deputados da provincia da Coruña. E as urbes de Pontevedra e Vigo deciden algo máis de 10 dos 26 deputados da provincia de Pontevedra. Nos pasados comicios, o esquema de voto foi en todas: PP, BNG, PSdeG, agás en Vigo, onde o PSdeG adiantou ao BNG e quedou a pouco do PP.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As sete grandes cidades galegas teñen un esquema de voto no que respecta ás eleccións autonómicas moi similar, e lévano tendo dende, alo menos, que Alberto Núñez Feijóo entrou na presidencia da Xunta. Así, nos pasados comicios do ano 2020 todas repetiron o guión de elixir ao PP como primeira forza, ao BNG como segunda e ao PSdeG como terceira, agás Vigo, que invertiu os papeis de BNG e PSdeG situando a esta última como segunda forza e deixando aos nacionalistas como terceira. Agora ben, aínda que en todas estas cidades a maioría da poboación votou ao PPdeG, non en todas o fixeron na mesma medida. Vexamos cidade por cidade o que sucedeu nas eleccións precedentes a este 18 de febreiro.

Urnas, eleccións, votos
Urnas, eleccións, votos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comecemos a análise pola cidade de Vigo, a única que situou como segunda forza ao PSdeG. Cabe destacar que nela o PP alzouse coa primeira posición por moi pouca diferenza, estando a piques de arrebatarlla o propio PSdeG. Así, o PP de por aquel entón Feijóo recibiu na cidade gobernada por Abel Caballero (PSdeG) 44.064 votos; mentres que o PSdeG de Gonzalo Caballero recibiu 43.332 (apenas uns 700 menos); e o BNG quedouse en 31.628. 

Seguidamente, é importante destacar a solvencia do PP fronte ao BNG en cidades como A Coruña, Lugo e Ourense, onde prácticamente os votos para os populares foron o dobre dos que recibiron os nacionalistas de Ana Pontón. En concreto, na cidade da Coruña, gobernada por Inés Rey (PSdeG), o PP alzouse con 52.249 votos, mentres que o BNG quedou nos 27.666; o PSdeG logrou 20.490. Na cidade de Lugo, gobernada por aquel entón por Lara Méndez (PSdeG) o PP de Feijóo obtivo 22.657 votos, fronte aos 10.403 do BNG; o PSdeG quedou en 7.785. Pola súa banda, na cidade de Ourense, gobernada por Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), o PP sacou 22.044 votos, e o BNG de Pontón obtivo 11.442; o PSdeG quedou en 10.184, pretiño dos nacionalistas.

Tamén na cidade de Ferrol, gobernada por aquel entón por Ángel Mato (PSdeG), aínda que na actualidade estea dirixida por José Manuel Rey Varela (PP), a diferenza de votos entre PP e BNG foi de máis do dobre, logrando 13.901 votos a formación de Feijóo fronte aos 6.593 da de Pontón; mentres o PSdeG quedou con 6.090. Pola súa banda, na cidade de Santiago, gobernada naquel entón por Xosé Antonio Sánchez Bugallo (PSdeG), aínda que na actualidade tomase o relevo Goretti Sanmartín (BNG), o PP obtivo 23.533 votos, e o BNG 14.158; quedando o PSdeG con 7,114. E, finalmente, na cidade de Pontevedra, gobernada por Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), o PP sacou 16.918 votos, o BNG un total de 10.708; e o PSdeG quedou con 7.478.

Indo aos comicios anteriores, aos de 2016, o esquema de voto foi exactamente igual en todas as grandes cidades: PP como primeira forza, En Marea como segunda e PSdeG como terceira. Algo máis de variedade houbo nas eleccións do 2012, nas que aínda que tres grandes partidos (PP, PSdeG e AGE) se repartiron o pastel, non o fixeron de igual maneira en todas as cidades: A Coruña e Santiago votaron PP, AGE, PSdeG; Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense votaron PP, PSdeG, AGE; e Pontevedra saiuse do patrón votando PP, PSOE, BNG. Mentres que no 2009 si que nas sete grandes urbes galegas houbo unanimidade á hora de elixir ao PPdeG como primeira forza, deixar ao PSdeG en segundo lugar (neste caso si que estivo máis desputado o primeiro posto) e ao BNG en terceiro.

CANTOS VOTOS VALE UN ESCANO AO PARLAMENTO EN CADA PROVINCIA?

Agora ben, cantos votos vale un escano ao Parlamento de Galicia? Pesan o mesmo os votos en todas as cidades galegas? E pesan o mesmo os votos de todos os partidos? A realidade é que non. O sistema electoral galego baséase nas mesmas regras de proporcionalidade corrixida que o modelo español, o que quere dicir que prímase ás provincias menos poboadas (Lugo e Ourense) e ao partido máis votado (o PP). É por iso que o peso en votos dun deputado ou dunha deputada por Lugo ou por Ourense é case a metade dun ou dunha por A Coruña ou Pontevedra.

Poñendo o exemplo novamente do acontecido nos comicios de 2020, mentres cada un dos nove escanos que obtivo o PP por Lugo custoulle 9.918 votos, ao PSOE cada un dos catro que logrou por A Coruña valéronlle 22.241. Mentres que o BNG pagou 19.000 votos por escano na Coruña (obtivo sete) e 18.000 por Pontevedra (seis), cando ao PP os oito que gañou en Ourense só lle custaron 10.300 sufraxios cada un.

O Parlamento de Galicia ten 75 escanos que a lei electoral de Galicia distribúe entregando directamente dez a cada unha das catro provincias, repartindo os 35 restantes en función da súa poboación: 25 para A Coruña, 22 para Pontevedra, 14 para Lugo e 14 para Ourense. Entre Lugo e Ourense súmanse 520.000 electores, o 23 % do censo electoral de residentes, pero eles elixen ao 37 % dos membros do Parlamento. Mentres, A Coruña (923.000 votantes) e Pontevedra (773.522) teñen máis do 76 % do censo, pero só elixen ao 63 % dos escanos.

Se o reparto fose proporcional puro, ás provincias interiores corresponderíanlles só nove diputados a cada unha, fronte aos 31 que terían A Coruña e aos 26 de Pontevedra. A distorsión que aplica a Lei D'Hont beneficiou ao PP no 2020 con catro escanos, un por provincia, en detrimento do PSdeG. Os populares leváronse o último deputado por Pontevedra na desputa co PSdeG por só 96 votos. Os socialistas tamén se quedaron a 1.291 sufraxios do último escano por Lugo e a 4.267 do último por Pontevedra. 

UN DEPUTADO DE LUGO CUSTA 10.000 VOTOS; UN DA CORUÑA SUPERA OS 22.000

Entón, tendo en conta a importancia das cidades de Lugo e Ourense na ecuación, é importante saber cal é o peso de votantes que teñen estas dentro do total de poboación da provincia. En concreto, Lugo cidade conta na actualidade con 98.189 habitantes (datos do Instituto Nacional de Estatística correspondentes a decembro de 2023), do total de 323.956 poboadores da provincia. É dicir, os cidadáns de Lugo cidade decidirán o 30 % dos escanos da provincia (4,2 dos 14 totais). Ourense cidade, pola súa banda, ten 104.250, do total de 304.550 da provincia, o que supón que os seus veciños decidirán o 34 % (4,76 dos 14) dos escanos da provincia.

Mentres tanto, na provincia de Pontevedra, onde residen 944.245 persoas, as cidades de Pontevedra (82.535) e Vigo (293.652) suman 376.187 habitantes, o que supón que estas dúas cidades decidirán case o 40 % dos escanos da provincia (10,4 dos 26). Finalmente, na provincia da Coruña, onde hai un total de 1.123.426 poboadores, as cidades da Coruña (247.350), Santiago de Compostela (98.716) e Ferrol (64.005) suman 410.071 habitantes, o que supón que estas tres urbes decidirán case o 37 % dos escanos da provincia (11,47 dos 31 totais).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta