Besteiro apoia a petición a PP e Vox para que se unan ao recoñecemento das linguas oficiais do Estado na UE

O candidato socialista reúnese co ministro de Exteriores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse en Madrid co ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, ao que lle mostrou o seu respaldo á petición feita a PP e Vox para obter unha postura unánime de España para o recoñecemento das linguas oficiais do Estado na Unión Europea.

No encontro, do que informou o PSdeG nun comunicado e no que abordaron diferentes asuntos relacionados coa imaxe e presenza de Galicia no estranxeiro, Besteiro agradeceu ao ministro o traballo realizado polo Goberno para facer do galego unha lingua oficial da Unión Europea. "É un apoio rotundo para unha iniciativa que pon ao galego en pé de igualdade en relación con outras linguas", manifestou con orgullo. Ademais, dirixiuse a Rueda para que convenza ao seu partido "no respaldo do Goberno de Pedro Sánchez" para que a lingua dos galegos e galegas "sexa falada e escoitada nas institucións europeas".

"Que rompa ataduras coa dependencia que ten de Feijóo e Madrid, que non queren que a nosa lingua, a nosa cultura, o máximo símbolo da nosa identidade, traspase fronteiras e poida falarse en Bruxelas", censurou.

Besteiro considerou que Rueda, como representante dos galegos, debe "rectificar o vergoñoso rexeitamento" tamén mantido polo PP a que o galego se falase nas Cortes de España ao votar en contra. "Que deixe de mostrar vergoña pola nosa lingua e senta o orgullo de falala e de que se fale", manifestou.

REFORZAR A IDENTIDADE GALEGA NO MUNDO

Besteiro, ademais, asegurou que no tres primeiros meses da nova lexislatura porá en marcha 25 actuacións que reforzarn a identidade galega no mundo. "Serán catro anos para elevar o peso e presenza de Galicia no mundo. A nosa terra, a nosa cultura e o noso idioma formarán parte da axenda real do meu goberno", sinalou para criticar as "supostas estratexias aprobadas polo PP que quedaron en papel mollado porque nunca houbo vontade real de realizalas".

EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL

Besteiro e Albares abordaron tamén o respaldo do Executivo estatal á creación da macrorregión atlántica que incrementará as opcións de desenvolvemento económico e industrial de Galicia. Ambos, segundo destacou o PSdeG, lamentaron que o "PP estea a frear tamén esta alianza entre Galicia e Portugal, xa que para os socialistas potenciar as relacións co país veciño reforzará a presenza e participación desta eurorrexión na UE e propiciará o seu progreso.

Isto, indicou, permitiría a defensa de asuntos tan sensibles como a política enerxética, a pesca ou a política agraria común, todos eles intereses que afectan por centos de miles de galegos. Ademais, ambos os socialistas coincidiron na importancia da conexión ferroviaria entre Vigo e O Porto, recuperada polo Goberno de Sánchez, tras "máis de 15 anos de abandono por parte do PP".

O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, e o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. PSDEG
O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, e o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta