Sabes cales son os concellos costeiros que non votaron ao PP nos pasados comicios autonómicos?

Spoiler: cóntanse cos dedos dunha man. Galicia Confidencial descúbreche o curioso caso da Illa de Arousa ou o do municipio de Soutomaior.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/02/2024 | Actualizada ás 22:10

Comparte esta noticia

Galicia politicamente foi ata o de agora sinónimo de PP, aínda que a uns lles guste máis e a outros menos. Dende que Alberto Núñez Feijóo se puxera á fronte do partido popular aló polo ano 2009 os votos para a formación non pararon de medrar en practicamente todos os concellos do territorio. Por iso, e de cara a estas eleccións do vindeiro 18 de febreiro, resulta interesante coñecer cales son os concellos que tradicionalmente non votaron polo PP e deron o seu apoio a outras formacións políticas. Neste caso, dende o Galicia Confidencial facemos un repaso pola costa galega, que conta con 1.500 quilómetros de litoral repartidos entre 73 municipios. A quen votaron nos pasados comicios autonómicos estes concellos? Cantos non o fixeron ao PP? Descubrámolo. Spoiler: cóntanse cos dedos dunha man. 

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Así, retrotraéndonos ata os comicios do ano 2020, cabe lembrar que por aquel entón foi o ano do sorpaso do BNG, que adiantou ao PSdeG como segunda forza. Pero tamén foi o ano da cuarta maioría absoluta de Feijóo, cando o PP logrou 42 escanos, fronte aos 19 do BNG e aos 14 do PSdeG. Para facer isto posible, é lóxico pensar que a maioría dos concellos galegos votaron como primeira opción ao PP, e así foi. No caso dos municipios costeiros, a maioría da súa poboación elixiu a Feijóo como presidente, aínda que houbo catro curiosas excepcións: Soutomaior, O Grove e A Illa de Arousa, na provincia de Pontevedra; e Corcubión, na da Coruña. En concreto, tanto Soutomaior como O Grove e Corcubión elixiron na súa maioría ao BNG de Pontón, quedando o PP relegado ao segundo lugar e o PSdeG ao terceiro. Mentres que A Illa decantouse polo PSdeG como primeira opción, seguido do PP e o BNG en terceiro lugar.

Máis curioso aínda resulta que a súa poboación se decantase no 2020 polo BNG no caso de Soutomaior, O Grove e Corcubión porque nos comicios que precederon a esas eleccións (2016), a forza máis votada nos tres concellos fora o PP, ao igual que tamén fóra o partido máis apoiado catro anos antes (2012) e oito anos antes (2009). Algo cambiou nestes municipios, sen dúbida. Nese 2016, ademais, só Soutomaior tiña ao BNG como segunda forza; mentres que O Grove se decantara por En Marea e Corcubión polo PSOE. Sexa como fose, o certo é que só a Illa de Arousa se mantivo fiel á súa forza máis votada no 2020 ao longo da súa historia electoral: o PSdeG foi a forza máis votada na localidade pontevedresa tanto no 2020 como no 2016, no 2012 e no 2009. Trátase do único municipio costeiro de Galicia que nunca apoiou a Feijóo.

Por se quedaba algunha dúbida, o feito de que só 4 de 73 concellos costeiros elixisen como forza máis votada un partido diferente do PP supón que os 69 restantes votaron maioritariamente á formación de Feijóo. Foron: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Ribadumia, Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Catoira e Valga, na provincia de Pontevedra; Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Porto do Son, Noia, Outes, Muros, Carnota, Cee, Fisterra, Muxía, Camariñas, Vimianzo, Laxe, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Malpica de Bergantiños, Carballo, A Laracha, Arteixo, A Coruña, Oleiros, Sada, Bergondo, Paderne, Miño, Pontedeume, Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Neda, Narón, Ferrol, Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, na da Coruña; e O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo, na de Lugo.

O PSDEG, SEGUNDA FORZA NO 2020 EN SÓ 13 DOS 73 CONCELLOS COSTEIROS

Agora ben, partindo desa base de que o PP foi a forza máis votada en todos eles no ano 2020, tamén é preciso sinalar que o esquema de voto máis repetido foi PP como primeira opción, BNG como segunda e PSdeG como terceira, é dicir, exactamente o mesmo esquema que a nivel galego en xeral. Sen embargo, houbo algunhas localidades, dentro das costeiras analizadas, que supuxeron unha excepción, e que intercambiaron as posicións do BNG e do PSdeG, situando a este último como segunda forza e á formación nacionalista como a terceira. Esta situación deuse en Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Ribadumia, na provincia de Pontevedra; e en Muxía, Camariñas, Vimianzo, Paderne, Miño, Valdoviño, Cariño e Mañón, na da Coruña. Na de Lugo non houbo ningún concello que rachase co esquema repetido a nivel galego.

Como curiosidade, a maiores, e dado que o BNG experimentou un crecemento sen precedentes dende o ano 2009 ata a actualidade, cabe sinalar que no ano 2012 a tendencia de voto na maioría dos concellos de costa galegos era PP como primeira forza, PSdeG como segunda e AGE ou BNG como terceira. Pero xa había algúns que apostaban polo BNG como segunda. Era o caso de Soutomaior, Moaña, Bueu e Poio, na provincia de Pontevedra; da Pobra do Caramiñal, Carnota e Carballo, na da Coruña; e de Xove, na de Lugo. E no 2016, cando a tendencia de voto era PP como primeira forza, En Marea como segunda e PSdeG como terceira, o BNG logrou rascar o segundo lugar en Soutomaior, na provincia de Pontevedra; en Carnota e Carballo, na da Coruña; e en Barreiros, na de Lugo. E, retrotraéndonos ao 2009, cun esquema claro de voto PP, PSdeG, BNG, os nacionalistas chegaron a ser segunda forza en Soutomaior, Cangas e Bueu, na provincia de Pontevedra; e en Corcubión, na da Coruña. 

ELECCIÓNS MUNICIPAIS: 24 MUNICIPIOS DE ESQUERDAS ELIXIRON AO PP

E aínda que xa se sabe que nas autonómicas pouca influencia teñen os resultados das municipiais ou o alcalde que goberne en cada concello, non está demais lembrar os cambios que houbo tras as eleccións municipais do pasado 2023 nos municipios costeiros. Foi un ano de bonanza para o PP no que se refire a alcaldías, pois a meirande parte das que ostentaba o PSdeG pasaron ás súas mans, aínda que logo mediante pactos houbo algúns concellos nos que aínda sendo a lista máis votada a do PP, rematou gobernando o PSdeG ou o BNG. Así, un total de 35 concellos costeiros elixiron como forza máis votada ao PP para dirixilos: A Guarda, O Rosal, Baiona, Redondela, Cangas, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Ribadumia, Cambados, A Illa de Arousa (un cambio histórico), Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Porto do Son, Noia, Outes, Muros, Fisterra, Laxe, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, A Laracha, Arteixo, A Coruña, Bergondo, Paderne, Cabanas, Ferrol, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Barreiros e Ribadeo.

Deles, había a frioleira de 24 que históricamente non votaran ao PP: A Guarda (PSOE), O Rosal (BNG), Baiona (PSOE), Redondela (PSOE), Cangas (partido propio), Pontevedra (BNG), Ribadumia (partido propio), Cambados (PSOE), A Illa de Arousa (PSOE), Vilagarcía de Arousa (PSOE), A Pobra do Caramiñal (partido propio), Outes (partido propio), Fisterra (PSOE), Malpica de Bergantiños (PSOE), A Coruña (PSOE), Bergondo (PSOE), Padrenda (PSOE), Cabanas (PSOE), Ferrol (PSOE), Cariño (PSOE), Ortigueira (PSOE), Viveiro (PSOE), Barreiros (BNG) e Ribadeo (BNG). Pola contra, o BNG só gañou como lista máis votada ao PP en Soutomaior, ao PSOE en Catoira, e tamén ao PSOE en Corcubión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta