Prisión provisional para catro dos seis detidos polo alixo de cocaína nun pesqueiro de Camariñas

A decisión de ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza adóptase "fundamentalmente por detectar risco de fuga".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2024 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para catro das seis persoas que pasaron este xoves a disposición xudicial tras ser detidas na localidade coruñesa de Boiro, en Portugalete e Madrid. Dúas delas foron postas en liberdade.

Todas están relacionadas cun cargamento de 1.400 quilos de cocaína intervido o pasado mes de agosto nun barco pesqueiro cando se atopaba amarrado no porto de Camelle, en Camariñas. Están investigados por un delito contra a saúde pública, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A decisión de ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza adóptase "fundamentalmente por detectar risco de fuga". Mentres, nos dous casos de posta en liberdade "non hai probas contundentes da súa presunta participación nos feitos".

O TSXG especifica, ademais, que durante as entradas e rexistros levados a cabo este martes, nas que foron detidas este seis persoas -- e unha máis que quedou en liberdade en dependencias policiais--, comisáronse 20.000 euros en efectivo, "pero non foron intervidas sustancias estupefacientes".

Estas detencións súmanse á do home arrestado o pasado mes de agosto, días despois de ser interceptado o pesqueiro 'Nuevo Furuno', supostamente implicado nunha operación de transvasamento de cocaína realizado en alto mar, e á do propietario do buque, que se produciu o pasado 30 de novembro. Ambos continúan en prisión.

O 'Nuevo Furuno', que ten porto con base na localidade da Costa da Morte de Camelle, é un pesqueiro de casco de madeira de 12,6 metros de eslora, que foi dado de alta no rexistro do Ministerio de Pesca en xuño de 1997.

Os axentes interceptaron o barco na contorna do porto de Santa Mariña sobre as 20,00 horas do mércores 8 de agosto de 2023. O dispositivo contou coa participación do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco), da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional, así como de Vixilancia Aduaneira.

Arquivo - O buque 'Novo Furuno', precintado, no peirao de Santa Mariña de Camariñas.. César Arxina - Europa Press - Arquivo
Arquivo - O buque 'Novo Furuno', precintado, no peirao de Santa Mariña de Camariñas.. César Arxina - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta