18F.- PPdeG lograría a maioría absoluta con 39 deputados, o BNG con 22 e o PSdeG con 13, segundo unha enquisa

Entraría Democracia Ourensá e quedarían fóra do Parlamento galego a Sumar, Podemos e Vox.

Por Europa Press / Redacción | | 20/01/2024 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O PPdeG volvería repetir maioría absoluta en Galicia ao alcanzar 39 deputados, mentres que á oposición non lle chegaría a subida do BNG ata os 22 escanos, xa que o PSdeG descendería a 13 e Sumar e Podemos quedarían fóra, segundo unha enquisa de EM-Analytics para Nós Diario recollida por Europa Press, que tamén prevé a entrada de Democracia Ourensá no Parlamento de Galicia.

Así, os populares retrocederían tres escanos en relación aos comicios galegos de xullo de 2020, situándose no 46% dos sufraxios. Por circunscricións, mantén o oito tanto en Lugo como en Ourense e descende a 13 na Coruña e a 10 en Pontevedra.

Pola súa banda, o BNG aumentaría a súa representación en tres actas e a súa intención de voto en 2,5 puntos, conseguindo 22 deputados e o 26,3% dos sufraxios. Os nacionalistas sumarían unha acta máis na Coruña, Lugo e Pontevedra, con oito, catro e sete deputados, respectivamente. Mentres, en Ourense o Bloque mantería tres escanos.

Así mesmo, o PSdeG quedaría en 13 deputados e o 18,3% dos sufraxios, o que representa unha perda dun escano -- pola provincia de Ourense-- en relación ás eleccións de fai catro anos.

A enquisa para Nós Diario, realizada entre o 1 e o 18 de xaneiro, reflicte tamén que Democracia Ourensá alcanzaría un escano na súa provincia, alcanzando o 5,8% dos sufraxios. Mentres, Vox quedaría fóra do Parlamento de Galicia, cun 2,7% dos votos, do mesmo xeito que Sumar e Podemos, que non superarían en ningunha das circunscricións o mínimo legal do 5% necesario pola lexislación electoral para entrar na Cámara galega.

Varias persoas exercen o seu dereito a voto na mesa electoral do local parroquial de Recelle/ Carlos Castro - Europa Press  / Europa Press
Varias persoas exercen o seu dereito a voto na mesa electoral do local parroquial de Recelle/ Carlos Castro - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta