O patrón maior de Muxía: de dicir que no Prestige a todos se lles pagou "ben" a atacar a ministros do PSOE e ecoloxistas

Acompañado polo conselleiro do Mar, Daniel Castro, dixo que o Prestige foi o "mellor paro biolóxico da historia". Da xestión que o PP fixo entón ten dito que "nin foi boa nin mala" e que "á xente pagóuselle cada 15 días, e iso fíxose ben". Lembramos as polémicas declaracións que ten feito nos últimos meses.

Por Galicia Confidencial | Muxía | 10/01/2024 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

O patrón maior de Muxía, Daniel Castro, está no foco mediatico. Un foco mediatico ao que chegou por méritos propios. Acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e outros cargos do PP, este mariñeiro foi moi crítico este martes cos ecoloxistas "de tres ao cuarto" e co actual Goberno central, especialmente, con ministros do PSOE. Iso si, non houbo nin a menor crítica ao Partido Popular.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, xunto co patrón maior de Muxía, Daniel Castro
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, xunto co patrón maior de Muxía, Daniel Castro | Fonte: X

"Era mellor que se preocupasen dá súa vida e non querer gañar unhas eleccións coas boliñas", asegurou en declaracións aos medios na mesma xornada na que o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, visitou a confraría. Castro, que denunciou que se lles está "sacando ou prestixio aos pescadores", referiuse tamén ao feito de que se compare o que ocorre agora coa situación provocada polo accidente do petroleiro Prestige. "O Prestige, a touro pasado, foi ou mellor paro biolóxico que tivemos na historia. Os percebes chegaron ao monte e ou peixe tamén. Collíalo en todos os lados", dixo. 

"Son puñeteros nadies", dixo dos voluntarios e ecoloxistas que son os que están limpando a costa. "Viven nun mundo de fantasía do que lle conta un ministro que foi asinar a amnistía, aquel bobo, aquel petardo", criticou diante do conselleiro do Mar que en ningún momento quixo intervir. Con todo, este mesmo mércores tamén o conselleiro tentaba restarlle importancia a este verquido e aseguraba que os plásticos, se se inxiren, "entran por onde entran e saen por onde saen".

 

O QUE PENSA DO PRESTIGE

É ben curioso que un patrón e mariñeiro diga que un desastre ecolóxico coma o Prestige foi positivo. Pero non é a primeira vez que mantén esta afirmación. Hai uns meses, en novembro, coincidindo co 20 aniversario do afundimento do petroleiro, Castro era protagonista en varios medios de comunicación. 

Nunha entrevista na Ser aseguraba que lembraba o desastre como "algo terrible". "Omar estaba cheo de merda. Ti ías navegando e atopabas toda a merda, os barcos manchados, os aparellos, as rodas, todo", apuntaba. Pero, a pesar dos momentos "tan horribles", aprendeu unha lección importante: "Ensinounos que o mar é recuperable e que a touro, toureado".

Unha idea que mantén noutra reportaxe de RTVE. "Recordo que cando se afundiu o Prestige, todos pensamos que aquilo era a peor cousa do mundo, o desastre total", dicía. "Transcorrido o tempo, o que pasou foi o mellor paro biolóxico que tivemos na historia", repetia xa entón e engadía que "o Prestige ensinounos unha cousa: que todo é recuperable, e a natureza rexenérase por si mesma, pero o que non podemos facer é unha pesca industrial, senón que ten que ser artesanal".

 

OS CARTOS DE POR MEDIO

 

Daniel Castro non critica a xestión que a Xunta ou o Goberno central de entón, do PP, fixeron da castástrofe do Prestige.  "A xestión política non foi nin boa nin mala, fixeron o que souberon. Non se pode criticar a alguén que se atopa cun problema que non sabe como enfocalo", dicía. O que si deixou claro é que a solución dada polo Goberno popular de entón, a de dar cartos e subvencións, foi moi boa. "Non nos faltaron os recursos económicos nunca, que é o principal. Á xente pagóuselle cada 15 días, e iso fíxose ben", lembraba

 

Hai que lembrar que, coa chegada do fuel, as autoridades decretaron que os pescadores estivesen catro meses sen traballar, mentres que as mariscadoras, oito. Acordou indemnizar con 1.200 euros mensuais a todos os homes e mulleres de mar que non puideron saír a traballar. Aquela subvención, que podía completarse con outros 800 euros se acudían a realizar labores de limpeza da vertedura coa empresa pública Tragsa.

 

Na reportaxe da RTVE, tamén intervén Nacho Castro, irmán de Daniel, e secretario da confraría, pero a súa opinión sobre o desastre do Prestige é completamente diferente. "É a historia dun abandono, dunha clase política que desatende completamente á súa cidadanía". "Todo o financiamento e todo o material houbo que conseguilo desde aquí, e foi tremendamente caro. Aos voluntarios houbo que buscalos desde aquí, porque o único que fixo o Goberno foi crear unha axencia de voluntariado o 23 de xaneiro de 2003, dous meses despois, pero para cargarse o voluntariado, non para xestionalo", lembraba.

 

Durante a catástrofe, Daniel, ademais destacar as axudas do goberno tamén agradeceu a visita do entón rei español, hoxe emérito, Juan Carlos tras visitar as praias. "Estamos moi agradecidos de que viñese para presenciar directamente o problema... Chegou e enlamou os pés. A única forma de solucionar un problema é meterse de cheo nel", dicía.

 

OUTRAS DECLARACIÓNS POLÉMICAS

Aínda que o patrón maior de Muxía coidase moito de non criticar á Xunta ou ao PP, non ten problema en atacar duramente a ecoloxistas, ao goberno de Pedro Sánchez ou á UE. Noutra entrevista en Radio Nordés o pasado outubro valoraba a nova regulación pesqueira da UE e aseguraba que a situación vén provocada por “uns tontos con garavata que gobernan a pesca en Europa. Non podes ter un pastor de renos dirixindo a pesca e un tonto dun ecoloxista que non saben que é este mundo. Gustaríame saber que estudios fixeron para protexer a flora, non a fauna” manifestaba.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Galicia, socioloxicamente, non difire moito de Madrid. Os que están no goberno son os de sempre: catro pijos con autoodio que nunca traballaron. A xente "diferente" que coñecen son os seus criados, as súas "chicas" que recollen os nenos na escola, e as inmigrantes que limpan as cacas dos seus vellos.