Lores convocará unha cuestión de confianza tras non chegar a un acordo co PSdeG nos orzamentos

Di que están en risco "moitisimas cousas", entre elas, as colaboracións publicitarias cos medios de comunicación, o Mundial de Loita ou o Campionato de Europa de Ciclocrós.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2023 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este mércores que se no pleno extraordinario convocado para este venres, día 29 de decembro, non saen aprobados os orzamentos, convocará unha moción de confianza para facilitar que saian adiante.

Nunha comparecencia, o alcalde da capital expresou a súa confianza en que "renda a sensatez e se facilite a aprobación" das contas do próximo ano 2024 xa que, en caso de non facelo, "están en perigo" os fondos europeos, as obras urbanas, as subvencións deportivas, as festas, os eventos deportivos do ano, o convenio coa piscina olímpica ou o festival Río Verbena, entre outras cuestións que enumerou.

O alcalde reiterou que é "imprescindible e urxente" aprobar estas contas. Por tanto, de non aprobarse, "sen perder un minuto convocarei a aprobación dos orzamentos vinculada a unha cuestión de confianza", avanzou. Unha situación que se dá tras non aceptar o BNG as propostas do PSdeG --partido co que gobernou na anterior lexislatura-- a estas contas.

Segundo explicou Fernández Lores, prorrogar unha segunda vez os orzamentos municipais supón "cuestións moi graves", xa que "están en risco moitísimas cousas" polo que "non se podería facer ningún investimento das previstas", como o sete millóns dos fondos europeos, a nave de piragüismo, o Parque da Parda, os 290.000 euros das subvencións deportivas, as axudas culturais, eventos como o Mundial de Loita ou o Campionato de Europa de Ciclocrós, as subvencións do transporte público, ou as colaboracións cos medios de comunicación, apuntou. "Non aprobalos implicaría consecuencias que son dramáticas para moitísima xente", engadiu.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Arquivo - Europa Press

PLENO

"Por tanto, non imos perder un minuto" e ese mesmo día 29, se non se aproban as contas do goberno local do BNG "de maneira inmediata, tentaremos convocar un pleno para aprobación dos orzamentos unidos a unha cuestión de confianza" que está contemplado no artigo 197 bis da Loreg (Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral), tal e como lembrou o propio alcalde. "Espero que non se chegue a esa situación, pero como alcalde teño a responsabilidade de utilizar todos os mecanismos que a lei me permite para que Pontevedra teña orzamentos", sentenciou Lores.

A partir da presentación da moción de confianza, a oposición (PP e PSOE) tería un prazo dun mes para presentar un candidato alternativo para a alcaldía e, en caso de non acordar un nome, o orzamento do goberno do BNG quedaría automaticamente aprobado e daríase por outorgada a confianza da corporación.

Cabe lembrar que o PSOE apoiou a investidura de Lores como alcalde de Pontevedra o pasado xullo e gobernou con el o pasado mandato, a pesar de que no actual non formen parte do executivo municipal. Por tanto, estes antecedentes fan pouco probable que os socialistas logren un acordo cos populares para desbancar ao rexedor nacionalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta