Rueda pon en valor a gratuidade do bus para os maiores: "É unha cuestión de xustiza"

Considera que axudará a romper o seu illamento e a "socializar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2023 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo este venres en valor a gratuidade do bus para os maiores de 65 anos a partir do 1 de xaneiro próximo, e sinalou que "merece a pena o esforzo económico" para implementar esta medida: "Meréceno e é unha cuestión de xustiza".

Así o manifestou nun acto celebrado na estación intermodal de Vigo, onde chegou Roda en autobús acompañado, entre outras persoas, polas conselleiras Ethel Vázquez e Fabiola García, e representantes do colectivo de persoas xubiladas. Na súa intervención, Alfonso Rueda sinalou que o goberno galego "cre" no transporte público por autobús e recalcou que a gratuidade para os maiores non só facilitará a súa mobilidade, senón que axudará a romper o seu illamento e a "socializar".

Así mesmo, lembrou que, nestes momentos, os usuarios de transporte por estrada e do transporte de ría xa poden beneficiarse de "importantes aforros" nas súas viaxes, "en todos os concellos, menos nun", en alusión a Vigo, cuxo goberno local rexeitou incorporarse ao convenio de transporte metropolitano. "Como en tantas outras cousas (en Vigo) non é posible esta mellora, pero seguirémolo tentando", afirmou o presidente galego.

Alfonso Rueda proclamou que a gratuidade do bus para maiores de 65 anos é unha forma de "devolver" aos maiores algo do que achegaron ao longo da súa vida. "É unha cuestión de xustiza", subliñou, á vez que recalcou que Galicia "é a primeira Comunidade Autónoma onde os maiores non terán que pagar o bus": "merecédesvolo e é o que tiñamos que facer". 

Alfonso Rueda coas conselleiras Ethel Vázquez e Fabiola García. DAVID CABEZON @ XUNTA
Alfonso Rueda coas conselleiras Ethel Vázquez e Fabiola García. DAVID CABEZON @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta