Prisión provisional para o detido en Santiago acusado de agredir á súa muller cun coitelo o pasado sábado

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2023 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o detido na rúa Salgueiriños de Abaixo este sábado por presuntamente tentar matar á súa muller. Segundo trasladaron fontes xudiciais, as declaracións das partes e demais dilixencias practicadas, tal e como consta no auto emitido pola titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, revelan indicios da posible comisión dun delito de homicidio en grao de tentativa, xa que apuntan a que a vontade do arrestado era matar á súa muller, a pesar de que as lesións foron de escasa entidade.

Así, a xuíza adoptou a medida de prisión, ademais de para protexer á vítima, tamén para protexer ás testemuñas, posto que asegura que o investigado podería tentar interferir nas súas declaracións. Ademais, a maxistrada tamén apreciou un elevado risco de fuga e/ou reiteración delituosa. Afirma no auto que podería optar tanto por tratar de eludir a acción da Xustiza, xa que a cualificación dos feitos é grave e leva aparellada unha alta penalidade, como por finalizar os feitos iniciados.

Tanto o Ministerio Fiscal como a acusación particular solicitaron o ingreso en prisión provisional decretado pola titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago. O home foi detido o sábado na rúa Salgueiriños de Abaixo da capital galega. Ao parecer, vítima e detido atopábanse na rúa cando chegaron os efectivos policiais. A muller tiña feridas na cara e os brazos e o home portaba un coitelo. A vítima non tivo que ser trasladada ao hospital e foi atendida no punto polos servizos sanitarios.

Xulgados de Santiago, en Fontiñas
Xulgados de Santiago, en Fontiñas | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta