Citados varios activistas de Ecoloxistas en Acción ao xulgado por unha acción fronte a Cámara Mineira

Os ecoloxistas acusan de que esta denuncia "forma parte dunha campaña de intimidación por parte do lobby mineiro co que pretende silenciar as protestas utilizando o acoso xudicial".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2023 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

Varias persoas activistas de Ecoloxistas en Acción foron citadas esta semana polo Xulgado de instrución número 2 da Coruña por mor dunha acción protagonizada fronte á Cámara Oficial Mineira de Galicia. Segundo a entidade ecoloxista, presentou "unha denuncia falsa atribuíndolles un inexistente delito de coaccións" que tería lugar o 6 de setembro cando membros da organización levaron á sede da cámara botellas de auga contaminada procedente das minas de San Finx, en Touro.

Con todo, fontes da Cámara Mineira aseguran que non foi esta entidade, senón as traballadoras que estaban nese momento, as que presentaron as denuncias por ver "violada a súa intimidade ao estar a gravar un vídeo sen o seu permiso".

Estas mesmas fontes indicaron que o día da acción, avisouse á Policía Nacional, que identificou as persoas que se atopaban na protesta e que "entraron enganando ao persoal de ExpoCoruña" para acudir ás oficinas da cámara, ao acceder "mentindo sobre quen eran e sobre que querían".

Con todo, Ecoloxistas en Acción defendeu que coa entrega das botellas, as ecoloxistas saían ao paso das declaracións públicas da Cámara Mineira nas que afirmaba que "nunca houbo problemas coa calidade das augas" en San Finx, a pesar de que as analíticas do pasado mes de agosto realizadas por Augas de Galicia, que depende da Xunta, revelaron niveis de cadmio, sustancia tóxica e canceríxena, 78 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. De feito, estas analíticas foron as que levaron a Augas de Galicia a iniciar un proceso sancionador contra a mina.

Ecoloxistas en Acción defende que a acción "non demorou máis de tres minutos" e "foi totalmente pacífica", a pesar de que a Cámara o cualificou como "asalto violento", incluso asegurando que se forzou ás administrativas a beber auga contaminada.

"CASO MÁIS RECENTE E DISPARATADO DUNHA CAMPAÑA"

Para a entidade ecoloxista, esta denuncia é o "caso máis recente e disparatado dunha campaña continua e sistemática de acoso xudicial por parte do lobby, utilizando acusacións falsas e infundadas para intimidar e silenciar as organizacións que veñen denunciando as ilegalidades mineiras".

Así mesmo, os ecoloxistas acusan de que esta denuncia "forma parte dunha campaña de intimidación por parte do lobby mineiro co que pretende silenciar as protestas utilizando o acoso xudicial".

Activistas de Ecoloxistas en Acción levan botellas de auga recollida das verteduras das minas de San Fins e Touro á sede da Cámara Oficial Mineira de Galicia, e convidan a bebela ao representante deste organismo / Ecoloxistas en Acción  / Europa Press
Activistas de Ecoloxistas en Acción levan botellas de auga recollida das verteduras das minas de San Fins e Touro á sede da Cámara Oficial Mineira de Galicia, e convidan a bebela ao representante deste organismo / Ecoloxistas en Acción / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta