Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/12/2023 | Actualizada ás 18:45
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, anunciaron este martes a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense, que recibirá 3 millóns de euros da Xunta de Galicia.
O titular do Departamento educativo da Xunta de Galicia comunicou que o Comité de Avaliación emitiu un informe favorable á acreditación como campus de especialización, centrado en promover actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento en temáticas de auga e alimentación. "É o terceiro campus que consegue este recoñecemento, sumándose ao industrial de Ferrol e ao campus Terra de Lugo", indicou o conselleiro, que destacou que o Goberno autonómico comprométese a acompañar ao campus "neste camiño á excelencia".
Foi neste marco no que anunciou que a Xunta e a Universidade de Vigo asinarán un protocolo e un convenio de colaboración por un importe "aínda por determinar, pero que previsiblemente superará os 3 millóns de euros en tres anos", sendo "unha aposta estratéxica" para "impulsar" este campus como "un dos motores económicos" da provincia.
MOVE ECONOMÍA E XERA EMPREGO
A conselleira de Promoción do Emprego, Elena Rivo, pola súa banda, destacou que o Campus de Ourense, conformado por 5.000 persoas entre alumnado, profesorado e persoal administrativo, "move economía, xera emprego e achega, por tanto, riqueza para a provincia e para Galicia". Neste sentido, incidiu na importancia de apostar pola investigación para captar e reter talento. A maiores, o conselleiro de Educación detallou que un grupo de expertos está a redactar un informe ampliado que fixará as prioridades e as liñas estratéxicas, que deberán seguir desenvolvendo no Campus de Ourense no próximos tres anos, a través dun plan operativo "con indicadores medibles e cuantificables".
A finalidade desta folla de ruta será profundar nos obxectivos do campus e en concreto na formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coa auga, "que son as que diferencian este campus a nivel nacional e internacional", explicou Román Rodríguez, engadindo que tamén se profundará na internacionalidade da investigación multidisciplinar e na promoción da transferencia do coñecemento a aplicación coa sociedade, a industria e as institucións, entre outros aspectos. A previsión é que este plan operativo estea terminado nos primeiros meses do próximo 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.