Alberto Varela: "o Estado subiu un 15% os fondos para os concellos e a Xunta ten os seus conxelados desde 2010"

Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, foi reelixido presidente da FEGAMP o 15 de novembro pasado. Desde a súa posición reclama a desconxelación dos fondos de cooperación local da Xunta logo de trece anos. Non entende a postura do PP definindo a Federación organización 'partidista' logo das decisións que se toman por consenso. Preguntado sobre a corrupción no ámbito da administración local, cre que é un fenómeno cada vez máis controlado coas ferramentas de transparencia.

Por Moncho Mariño | Santiago | 02/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Logo da súa reelección que puntos programáticos vai manter e cales incorporará para os vindeiros catro anos?

O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, e o recentemente elixido vicepresidente da Fegamp, Alberto Varela. XOÁN CRESPO
O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, e o recentemente elixido vicepresidente da Fegamp, Alberto Varela. XOÁN CRESPO | Fonte: XUNTA

As reivindicacións do municipalismo galego, desde sempre, son unha maior financiación para poder exercer as cada vez maiores competencias que se nos trasladan por outras administracións. En segundo lugar, queremos ter voz antes de que nos asignen esas novas competencias para poder dicir se temos recursos abondo e levar adiante o seu exercicio e como exercer esa competencia, en definitiva, ter voz na elaboración desa norma. Terceiro, algo que reivindicamos desde 2006, delimitar as competencias que non son propias dos concellos por normativa, como son sanidade, educación ou mesmo da dependencia.

-Tamén entra a participación dos concellos na elaboración das contas autonómicas destinadas a eles?
Si, porque é de sentido común. Se son os concellos quen finalmente reciban competencias en calquera ámbito, é lóxico termos voz como acontece noutras comunidades autónomas. Noutras autonomías os concellos teñen voz desde o comezo da elaboración das normas para as administracións locais. Aquí en Galicia aos municipios trátasenos como a calquera administrado con dereito a facer as súas alegacións no momento correspondente. Por tanto, é lóxica a existencia de certa coordinación e termos voz desde o inicio porque a norma sería moito mellor e máis acaída se os entes municipais tivesemos esa posibilidade desde o comezo.

Aquí en Galicia aos municipios trátasenos como a calquera administrado con dereito a facer as súas alegacións no momento correspondente

-Na sesión de clausura no acto en que vostede foi reelixido, o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, reclamaba máis orzamentos ao Goberno central para “ofrecermos servizos de máis calidade” desde os concellos. É como se quixensen pasar a pelota uns a outros.
Existe unha federación a nivel nacional, FEMP, quen leva unha interlocución co goberno do Estado representando os concellos de toda España e que durante a presidencia de Abel Caballero se conseguiron moitas cousas e se reivindicaron outras moitas. Agora entedemos que se seguirá reivindicando ao Goberno do Estado unha maior financiación para o municipalismo, regular ou reformar a Lei de Base de Réxime Local, etc. Mais iso tamén é trasladable desde as federacións autonómicas aos gobernos autonómicos. A realidade é que segundo a Constitución os concellos nos financiamos cos nosos impostos e coa financiación que deben trasladarnos o Estado e as CC.AA. A realidade é que durante estes últimos anos os 313 concellos galegos vemos incrementada a participación nos ingresos estatais, porque nestes últimos tres anos a participación nos ingresos do Estado se incrementou un 15%. Porén, o Fondo de Cooperación Local, fondos que nos traslada a Xunta de Galicia con criterios obxectivos aos concellos galegos, está conxelado desde 2010. Esa é unha reivindicación da FEGAMP cada catro anos, ano tras ano, e non é atendida pola Xunta de Galicia. A nós parécenos ben revindicar máis fondos ao Estado, mais antes de criticar deben facer unha autorreflexión sobre a financiación que recibimos os 313 concellos galegos que non aumentou polo menos na mesma proporción que a participación do Estado.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha rolda de prensa
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha rolda de prensa | Fonte: Fegamp.

-Cal é a explicación da Xunta para manter o Fondo de Cooperación Local conxelado? Debido a isto, incrementouse a débeda dos concellos?
Cada realidade municipal é diferente unha da outra. Non é a mesma porcentaxe de débeda dun concello a outro pois non temos a mesma capacidade de ingresos nin temos os mesmos gastos todos. Si nos afecta a todos por igual a conxelación dos fondos, termos cada vez máis problemas coa dependencia, a Lei de Dependencia ía ser asumida metade e metade polo Estado e as autonomías. A realidade, os concellos galegos cada vez temos que facer máis esforzos para atender os nosos veciños maiores, cada vez destinamos máis recursos á Atención Primaria desde os recursos sociais, iso non o di o municipalismo, iso dio o mesmo Estado. Se non se destinan os recursos suficientes para os concellos e ofreceren determinados servizos, non van poder seguir prestando ningún.

O Fondo de Cooperación Local, fondos que nos traslada a Xunta de Galicia con criterios obxectivos aos concellos galegos, está conxelado desde 2010.

-Desta volta non houbo unha lista unitaria para a presidencia da FEGAMP e o PP afirma que é unha federación partidista. Considera estes dous puntos como consecuencia do momento preelectoral autonómico?
Primeiro direi que na Federación están representadas as formacións maioritarias en Galicia, o mesmo que en anos anteriores. Aquel con máis votos ten a presidencia, PSdeG, a vicepresidencia segunda é para o PP e a terceira para o BNG, o esquema segue sendo o mesmo. A vontade de non levar listas unitarias, a ruptura dese acordo por parte do PP, corresponderalles a eles explicala. Teño claro que se debe a influencias da dirección nacional desde Madrid e o momento de crispación dentro da política nacional coa dereita e a extrema dereita tensionando. E por suposto, aínda que non debería afectar á federación, que teñamos unhas eleccións en pouco tempo. Sería enganarnos a nós mesmos non admitir que iso ten unha influencia na maneira de proceder. Con todo, cometeriamos un erro se non continuaramos co traballo feito pola Ferderación nestes últimos catro anos na defensa do municipalismo. Ademais, todos os acordos aos que chegamos foi por unanimidade ou por asentemento de todo o mundo, por tanto, se houbo acordos non sei por que falan de uso “partidista” da Federación, de ser así, non habería acordos nin repetirían as mesmas persoas salvo un vicepresidente do PP.

-Cre que esta actitude por parte do PP busca presentar unha FEGAMP rupturista ou contraria ás políticas do executivo autonómico?
Todo canto se leva reivindicado desde a FEGAMP e aquilo que se reivindique durante os vindeiros catro anos, responde aos relatorios aprobados en asemblea por todas as formacións políticas, por unanimidade o 98% das veces, só houbo unha enmenda que se discutiu, o resto aprobouse e futuras reivindicacións van ser no camiño polo que imos todos os concellos galegos. Por tanto, á Xunta non debería sorprenderlle o aprobado en asemblea polos 313 concellos.

-Volvendo aos fondos para os concellos. Cre que a Xunta aparcará toda posibilidade de negociación até despois das eleccións autonómicas ou será a FEGAMP quen aparque este punto?
O clima político nestes momentos é terrible. Oímos frases como “Vai romper España”, insultos ao presidente do Goberno ou dicir que debera saír de España na caixa de atrás dun vehículo, quen iso di non lle fai ningún favor á democracia neste país e tampouco axuda a termos acordos e menos aínda axuda á convivencia. Todos os acordos dependen das dúas partes neste caso. A FEGAMP non ten intención de aparcar as súas reivindicacións porque nos urxe. Entendemos que un acordo de máximos leva o seu tempo. Veremos a vontade de chegar a acordos durante as vindeiras semanas.

Cada vez destinamos máis recursos á Atención Primaria desde os recursos sociais, iso non o di o municipalismo, iso dio o mesmo Estado


-En 2019 asináronse unha serie de acordos entre a FEGAMP e as deputacións para crear protocolos para evitar a corrupción en administracións locais. Considera como alcalde que a administración pública municipal é máis feble ou susceptible fronte a determinadas presións económicas?
A debilidade de alguén ou a súa susceptibilidade de non actuar correctamente dáse en calquera ámbito da vida, desde a administración local como na administración estatal, en empresas, etc. Todo depende da persoa, se é honrada ou non. Eu estou convencido. cada vez máis, que quen busca actuar dunha maneira ilegal na administración ten por diante ferramentas que llo farán moi difícil. O control e as esixencias sobre calquera actuación que se queira facer desde a administración local obriga a unha actuación correcta. Ademais, a administración local nunca foi tan transparente como o é agora, sabemos cal é o salario da alcaldía, de concellarías, o adxudicado pola Xunta de Goberno Local, os plenos son públicos, retransmitidos, non se pode ser máis transparente. A pesar diso, sempre haberá alguén corrupto e iso acontece en todos os ámbitos da vida, mais son minoría. Tamén hai xente que traballa no ámbito local sen cobrar. Por iso poría en valor o traballo de persoas con vocación de servizo.

-As deputacións teñen sentido no actual estado autonómico e, por outra parte, debería dárselle máis impulso á comarcalización?
As deputacións cumpren o seu papel e son consciente das diferentes opinións sobre estes organismos e desde FEGAMP representamos os concellos e as catro deputacións. As administracións provinciais son de axuda para concellos moi pequenos aos que atenden principalmente. Por tanto, mentres estean dentro da nosa organización territorial, debemos seguir potenciando a figura das deputacións, ao mellor dándolle unha volta sobre as competencias que exercen ou deberan exercer. Outro papel tamén o poden xogar as mancomunidades de concellos, que son organizacións voluntarias, axudan a aforrar custos e a xestionar de maneira máis eficaz determinados servizos. Sobre a comarcalización direi que agora mesmo temos outras prioridades. Mais todas as liñas de acción que buscan organizar un territorio entre diferentes administracións non me parece mala idea.

-Desde a FEGAMP teñen propostas de cara a unha solución arredor dos parques de bombeiros comarcais?
O primeiro, xa o dixen aos representantes dos bombeiros que viñeron á Asemblea da FEGAMP. O máis conveniente é que todas as partes senten para negociar e chegar a un acordo canto antes. Probablemente axudase unha maior delimitación das competencias. Hai concellos que, polas competencias asignadas na Lei de Bases, temos obriga de contar con servizos de emerxencias propios. O problema está en lugares onde, por normativa, non contan con ese servizo mais como trascende o ámbito municipal deses lugares, deben chegar a unha solución canto antes e seguidamente, como son parques de bombeiros que trascenden ámbitos locais, é lóxico que sexan as administracións cun ámbito máis amplo, deputacións e Xunta, xestionen a negociación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta