O PSOE local propón á alcaldesa de Santiago un pacto para "pór fin á alarma" no sector hostaleiro

Bouza insta a Rueda a explicar aos veciños de Santiago por que se opón a asumir o custo do aparcadoiro do CHUS.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2023 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, propuxo á alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, alcanzar un "pacto" entre todas as forzas políticas para "pór fin á alarma" que, segundo indicou, existe no sector hostaleiro ante a instrución na que a concellaría de Urbanismo puxo en marcha un plan de inspección de locais.

A proposta dos socialistas pasa por actualizar o plan de inspeccións de locais aprobado en 2014 "escoitando ás diferentes partes implicadas". "Pedímoslle á alcaldesa que poña unha solución política a este problema e, nós, non contribuiremos a xerar malestar, senón que nos ofrecemos a sentarnos nunha mesa para atopar unha solución", dixo. Bouza censurou a instrución do departamento de Urbanismno ao asegurar que "non clarifica o que se vai a supervisar" e acusouno de non "saber como rectificar unha decisión non se debería de adoptar".

"Demostramos a altura de miras que o resto de forzas non souberon ter no pasado mandato", dixo Bouza, que destacou, ademais, o acordo ao que chegaron as tres forzas da esquerda para presentar unha moción conxunta no pleno do próximo xoves para reclamar á Xunta que asuma as súas competencias en materia sanitaria e sufrague a construción do aparcadoiro do Hospital Clínico.

APARCADOIRO DO CHUS

"Reiteramos a nosa oferta para crear un aparcadoiro na parcela que cedeu o goberno socialista pero se a Xunta ten outro proxecto, que asuma o investimento necesario", apuntou. Bouza pediu "claridade" e esixiulle ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que explique "por que segue tratando aos veciños de Santiago como cidadáns de segunda".

Nunha rolda de presa ofrecida na sede local e despois de que este xoves o portavoz do PP, Borja Verea, insistise na proposta dos populares, que pasa por que o Consistorio asuma un total de 4 millóns, o 25 % do total, e a Xunta sufrague 15 millóns, o 75 %, Aitor Bouza referiuse ao proxecto do PP como unha "falta de compromiso" cara aos composteláns.

"No canto de apostar por defender os intereses dos veciños e veciñas de Compostela, ponse ao lado da Xunta nun interese claramente partidista", sostivo Bouza. Fronte a iso, subliñou que os intereses do PSOE non serán outros que os dos composteláns, polo que trasladou o "apoio absoluto" ao proxecto defendido polo Consistorio e que, segundo indicou, puxo encima da mesa o goberno do socialista Xosé Sánchez Bugallo. O secretario xeral do PSOE compostelán insistiu no diálogo necesario entre ambas as institucións para buscar unha solución consensuada, pero deixando claro que a Xunta "ten que asumir as súas competencias".

PACTOS CON BNG E COMPOSTELA ABERTA

Precisamente, despois da fronte común da esquerda local para o aparcadoiro do CHUS e da proposta dun pacto para a hostalaría e preguntado sobre se estes acordos abren o camiño cara a un posible acordo de goberno co BNG e Compostela Aberta, Aitor Bouza arrefriou esta posibilidade ao sinalar que "nada cambiou" e que as posturas do PSOE débense ao seu compromiso de defender por encima de todo os intereses dos veciños. "Nós queremos achegar solucións, non como o PP, que está na crispación e pon paus nas rodas", dixo para lamentar que tanto BNG como Compostela Aberta non tivesen esta actitude co goberno de Bugallo.

O secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, nunha rolda de prensa na sede local da formación
O secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza, nunha rolda de prensa na sede local da formación | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta