25N- Pontón: "Hai gobernos que queren volver cara atrás, cando tiñamos que aguantar caladas na casa"

O feminismo galego volverá saír á rúa este sábado, 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero, para expresar a súa repulsa pola violencia machista e baixo o lema: "A nosa loita é pola vida". Estas son as reaccións dos principais partidos políticos e dirixentes galegos sobre a violencia de xénero, con motivo do Día Internacional.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 24/11/2023 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O feminismo galego volverá saír á rúa este sábado, 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero, para expresar a súa repulsa pola violencia machista e baixo o lema: "A nosa loita é pola vida". As marchas, convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, chegarán a 23 localidades das catro provincias, entre elas as cidades galegas.

Decenas de cargos do PP de Galicia van ao cinema a ver 'Matria' para conmemorar o 25N.. PPDEG
Decenas de cargos do PP de Galicia van ao cinema a ver 'Matria' para conmemorar o 25N.. PPDEG

En concreto, na Coruña, a mobilización será ás 19,00 horas no Obelisco, mentres que en Santiago está convocada unha manifestación ás 20,00 horas na Praza 8M con posterior concentración ás 21,30 horas en Pratarías. En Ferrol, a concentración sairá da Praza do Himno ás 19,00 horas; en Lugo, ás 20,00 horas do Multiusos da Xunta e en Ourense haberá unha acción protesta ás 12,30 horas na Rúa do Paseo-Concordia e unha manifestación ante a subdelegación do Goberno ás 19,30 horas.

En Pontevedra, a marcha será pola mañá, ás 12,00 horas, desde a Praza de Ourense; e en Vigo está convocada a partir das 20,00 horas no cruzamento de Vía Norte con Urzáiz. Ademais, as marchas percorrerán ao longo da xornada do 25N As Pontes, Ames, Carnota, Catoira, Cee, Lalín, Monforte, O Porriño, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribadavia, Val Miñor, Vilagarcia de Arousa e Vilalba.

Este xoves, o colectivo Feminismo Unitario Vigo fixo un chamamento a "ocupar as rúas" o sábado ante o "avance do discurso negacionista" en materia de igualdade. Feminismo Unitario subliñou a necesidade de facer unha "forte mobilización" nun día "relevante" para "mostrar a forza do feminismo galego", e os seus representantes advertiron de que seguirán saíndo ás rúas ata que ningunha muller sexa asasinada o feito de selo, segundo incidiu Mónica Bernárdez. Por outra banda, Puri Bernández lembrou que, segundo a ONU, en 2021 unhas 45.000 mulleres e nenas foron a asasinadas as súas parellas ou familiares próximos e, en contextos bélicos, a desigualdade aumentan e a violencia contra elas tamén.

PAULA PRADO: "AS MULLERES TEMOS MOITA FORTALEZA, MÁIS DA QUE CREMOS"

Decenas de representantes do PP de Galicia, entre deputados autonómicos, estatais e membros de Novas Xeracións, quedaron este venres, véspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para ir aos cinemas do centro comercial As Cancelas, en Santiago, a ver 'Matria'.

Desde alí, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou as políticas de igualdade dos populares, pondo como exemplo a nova lei aprobada esta semana no Parlamento autonómico coa abstención da oposición (BNG e PSdeG), fronte ao "compromiso de postureo" que, ao seu xuízo, practica o Goberno de Pedro Sánchez e a xa exministra de Igualdade Irene Montero.

A entrada de Cinesa nas Cancelas viviu unha inusual mañá de venres coa visita desta ampla dotación do PP galego, ata o punto de decorar as pantallas co actual lema do partido, 'Galicia non para'. Algúns non dubidaron en achegarse ata os mostradores non para comprar as entradas, xa que o acceso era libre ata completar aforamento, senón para facerse con flocos de millo, refrescos e algún café mañaneiro para poder gozar da película do director vigués Álvaro Gago e protagonizada por María Vázquez.

'Matria', en palabras de Prado, mostra a loita do 25N e as discriminacións que sofren as mulleres desde diversos ámbitos a través do seu protagonista, Ramona: "Tennos que axudar a dicir alto e claro que as mulleres temos moitísima fortaleza, moita máis da que moitas veces cremos e que tamén a nosa capacidade de resistencia é importante e moito máis forte do que cremos algunhas veces e do que a sociedade pensa".

BESTEIRO: "TODOS OS DÍAS DO ANO TEÑEN QUE SER 25N"

A corporación do Concello de Santiago leu este venres na Praza do Obradoiro a declaración institucional con motivo do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller
A corporación do Concello de Santiago leu este venres na Praza do Obradoiro a declaración institucional con motivo do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, apelou á "loita constante" contra a violencia de xénero e asegurou que "todos os días do ano" teñen que 25N, en referencia á conmemoración do Día Internacional contra a violencia machista. En declaracións aos medios este venres, o tamén deputado no Congreso por Lugo lembrou que, desde que hai estatísticas, en Galicia morreron "68 mulleres" só polo feito de "ser mulleres".

Besteiro, que puxo en valor o investimento do Goberno de Pedro Sánchez para combater esta lacra, "con máis de 60 millóns transferidos á Xunta" desde 2018, considerou necesario combater esta problemática "todos os días do ano" con educación, compromiso e "dándolle as costas" ás políticas "da dereita e a ultradereita" que negan a violencia de xénero.

O BNG ALERTA: "QUEREN VOLVER A CANDO TIÑAMOS QUE AGUANTAR CALADAS"

O BNG pon o foco na súa campaña polo 25 de novembro nas "vidas esnaquizadas" detrás de "a terrible realidade" dos datos de feminicidios, polo que apela a combater desde as institucións e as organizacións políticas os discursos "negacionistas" da extrema dereita. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, presentou este venres nun hotel de Santiago a campaña da formación frontista.

"Loitar contra a violencia machista é unha decisión política. Cando hai gobernos que o negan poñen ás mulleres nunha situación de vulnerabilidade, queren volver cara atrás cando as mulleres tiñan que aguantar caladas en casa a violencia de xénero", sentenciou a líder frontista. A líder nacionalista subliñou que na actualidade hai na Comunidade galega máis de 4.600 casos de violencia machista en seguimento a través do sistema VioGén, o equivalente aos residentes na Illa de Arousa, o que a levou a preguntarse "que reacción social habería" se "todo un concello" necesitase protección e estivese vixiada por algún motivo de seguridade.

Para Pontón, é necesario pór de manifesto estes datos "terribles" como forma de facer fronte "ás mentiras" dos discursos negacionistas da violencia contra as mulleres que promove a extrema dereita e que "normaliza" e "branquea" o Partido Popular. Deste xeito, o Bloque quere coa súa campaña reflectir que os feminicidios "son a punta dun iceberg brutal" porque "detrás de cada dato hai unha muller coa vida rota á que impiden vivir con normalidade".

JOSÉ TOMÉ: "HAI QUE FACER MÁIS ESFORZOS NO RURAL QUE NO MEDIO URBANO"

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, mostrou este venres o seu "total apoio" ás organizacións que loitan contra a violencia machista e mostrou a súa preocupación polas "máis de 4.000 mulleres" galegas que, dixo, atópanse actualmente "en risco" de sufrir violencia a mans das súas parellas ou ex parellas. "É lamentable o número de persoas que falecen simplemente polo feito de ser mulleres", manifestou, en declaracións a Europa Press, o líder do Executivo provincial, antes de asegurar que "mentres haxa unha vítima" os poderes públicos farán "todo o posible para protexela".

Consultado polos casos de violencia machista rexistrados na provincia de Lugo no que vai de ano, José Tomé recoñeceu que a alarma é maior "cando as cousas pasan máis preto", pero insistiu na importancia de desenvolver ferramentas e protocolos de protección porque todas, matizou, "son persoas e son vítimas". "Ao final dá igual que morran en Lugo que en Alxeciras", exemplificou. Antes de participar nun percorrido polas rúas de Lugo xunto a outros membros da Corporación Provincial con motivo do 25N, tamén incidiu na maior vulnerabilidade á que están expostas as vítimas de violencia nas áreas rurais.

"Hai que facer os esforzos en todos os sitios, pero máis no rural que no medio urbano. No rural as vítimas están máis distantes dos servizos públicos e por tanto dos elementos de protección e teñen un dobre risco", apuntou. Na xornada previa á conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a deputada provincial Marisol Morandeira foi a encargada da lectura dun comunicado co que a corporación mostrou o seu rexeitamento unánime á violencia machista.

"PREOCUPACIÓN" POLO REPUNTE DE MULLERES ASASINADAS

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia mostra a súa preocupación por "un importante repunte de mulleres asasinadas por violencia machista". Nunha declaración institucional con motivo do 25 de novembro, alerta de que, no que vai de ano, foron asasinadas polo menos 52 mulleres (con dous casos en investigación) e unha nena. "Uns crimes terribles que custaron a vida de, polo menos, 1.237 mulleres desde 2003 e 49 menores desde 2013", agrega.

Igualmente, pon o foco sobre que "resulta imprescindible abordar a gravísima crise humanitaria internacional que se está producindo e o seu innegable impacto psicolóxico nas persoas que o viven directamente". Chama a mirar con perspectiva de xénero conflitos como os de Palestina e Ucraína, onde mulleres e fillos "sofren formas específicas de violencia que non sempre se visibiliza".

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA: LECTURA DUNHA AXENTE DA GARDA CIVIL

A Deputación de Pontevedra conmemorou o 25 de novembro, coa lectura dun manifesto previa á celebración do pleno e que consistiu na lectura dun manifesto por parte da axende da Garda Civil Irene García. Así, a coordinadora do Equipo Muller-Menor da unidade orgánica da Policía Xudicial da Comandancia de Pontevedra, pediu "sumar forzas desde todos os ámbitos" para conseguir a "erradicación da violencia contra as mulleres" e "alcanzar unha provincia que vaia a máis no que todos queremos: igualdade".

No seu discurso, tras o que actuou a pianista Andrea González, asegurou que "grazas ao traballo histórico do feminismo, nas últimas décadas foron moitos os avances na posta en marcha de medidas e aprobación de lexislación en todos os niveis administrativos". Con todo, tamén alertado de que, "a pesar dos grandes esforzos realizados, as medidas postas en marcha desde os poderes públicos non están a dar os froitos desexados".

Do mesmo xeito, incidiu en que "tal e como se recolle na normativa vixente, é responsabilidade destes poderes habilitar todos os recursos necesarios para investigación e análise desta realidade", para así coñecer as súas causas. Nesta liña, tamén defendeu "analizar a resposta actual así como o sentir da cidadanía con respecto a esta problemática", para "articular unha resposta que verdadeiramente actúe contra os alicerces da violencia machista".

O manifesto tamén fai especial fincapé na coeducación como "ferramenta de prevención e sensibilización" e tamén incide na importancia de "deixar á marxe discursos divisivos ou apropiacións partidistas". "A clave está en sumar forzas desde todos os ámbitos", rematou este manifesto da Deputación de Pontevedra.

O CONCELLO DE SANTIAGO, PREOCUPADO POLO "AGRAVAMENTO" DA VIOLENCIA

A corporación do Concello de Santiago leu este venres na Praza do Obradoiro a declaración institucional con motivo do 25N. Nela condenan "todas as violencias" e poñen o foco na "expansión dunha onda reaccionaria que nega a violencia machista". Fronte á Catedral, os portavoces municipais foron lendo por quendas o manifesto, que concluíu a alcaldesa, Goretti Sanmartín.

A rexedora tamén foi a encargada de abrir o acto e fíxoo referíndose á muller achada morta no Porriño este xoves e que a Garda Civil investiga como un caso de violencia de xénero, "aínda que se manteñen todas as hipóteses abertas". "Esperamos saber cales son os avances xudiciais a este respecto pero, como sempre, nunha morte violenta queremos expresar a nosa condena e rexeitamento a esta morte e tamén mandarlle un forte abrazo e moito ánimo a familiares e amizades", comentou.

Xa na declaración, a Corporación destaca que observan "con preocupación" o "agravamento" dalgúns tipos de violencias contra as mulleres e a "expansión dunha onda reaccionaria que nega a violencia machista e pon en cuestión a necesidade de que as administracións traballen a favor da igualdade". "Mentres uns negan a violencia machista, a realidade da desigualdade, a discriminación e a violencia contra as mulleres indica que segue sendo necesario centrar os nosos esforzos na prevención e actuación fronte ás violencias machistas", afirman.

MANIFESTACIÓN EN LUGO EN RECORDO DA ASASINADA CRISTINA CABO BUJÁN

A Plataforma Feminista de Lugo anunciou este venres a convocatoria dunha "gran manifestación" o sábado ás 20.00 horas para denunciar todos os tipos de "silencios cómplices" da violencia machista no marco do 25N. A manifestación, que partirá desde o edificio da Delegación Provincial da Xunta en Lugo, concluirá na Praza de Santa María contará coa lectura dun manifesto por parte da cineasta e escritora Margarita Ledo e con "referencias moi claras" a Cristina Cabo Buján, a muller asasinada en Lugo o ano pasado vítima de violencia machista.

"O de Cristina é un buraco enorme que aínda temos no corazón e que non ten explicación nin palabras. Esperamos que a asistencia á manifestación sexa máxima, non só por Cristina senón por todas as mulleres lucenses asasinadas", manifestou respecto diso, na presentación dos actos vinculados ao 25N, a portavoz da Plataforma, Ana Torrón.

Baixo o lema 'Xuntas rompendo os silencios cómplices', a plataforma lucense pretende pór o foco este ano na "secuela do silencio" que rodea á violencia de xénero. "En Lugo temos moitos casos. Lembremos o caso da nena de Baleira que estivo desde os 7 aos 13 anos violada pola súa familia nun pobo. Como é posible que se cubrise con silencios cómplices tal barbaridade?", preguntouse en voz alta Torrón, que fixo tamén un chamamento a combater, dixo, os "silencios institucionais" e "todos os tipos de silencios".

O EQUIPO DE BALONCESTO MOMBUS OBRADOIRO SÚMASE Á LOITA

O Concello de Santiago presentou este venres, xunto ao Monbus Obradoiro, a campaña 'O Machismo sen prórroga', que vestirá o partido deste sábado, 25 de Novembro entre o equipo compostelán de baloncesto e a Fundación Club Baloncesto Granada. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presentou a iniciativa en rolda de prensa xunto á concelleira de deportes, Pilar Lueiro; o delegado do Obradoiro, Rafa Silva; e o adestrador, Moncho Fernández.

Segundo explicaron, en todas as instalacións deportivas haberá lonas co lema da campaña, que conta ademais co seu propio hashtag #SenPrórroga. Os participantes animaron ao público asistente ao partido a compartir as súas fotos, vídeos e mensaxes con el. Antes de arrincar o encontro, os dous equipos sairán á cancha coas lonas da campaña e durante o descanso farase unha homenaxe aos catro colectivos implicados na campaña que o Concello lanzou con motivo do 25N e na que se relatan testemuños de violencia no ámbito deportivo na boca das súas propias protagonistas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a deputada Noa Díaz presentan a campaña do 25N
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a deputada Noa Díaz presentan a campaña do 25N | Fonte: BNG
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto en Gondomar
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto en Gondomar | Fonte: PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta