O 78% das xornalistas sufriu en primeira persoa comentarios ou actitudes machistas no traballo

O Colexio de Xornalistas reclama a incorporación de editoras de xénero aos medios galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2023 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O Colexio de Xornalistas de Galicia tamén ve necesario lembrar que "a loita contra o machismo comeza no interior das redaccións". Para Xornalistas, os medios teñen que facilitar tamén a supresión dos teitos de cristal e brechas salariais, a presenza das mulleres nos postos de responsabilidade e de maior visibilidade e a protección das xornalistas contra todo tipo de abusos e agresións sexistas.

Segundo unha enquisa publicada estes días pola entidade, o 78% das comunicadoras de Galicia sufriu en primeira persoa comentarios ou actitudes machistas no traballo.

Así, o Colexio de Xornalistas de Galicia volve facer un chamamento ás direccións de todos os medios de comunicación galegos para que incorporen editoras de xénero ou figuras equivalentes, comprometéndose con iso a dar novos pasos na consecución da igualdade tanto dentro como fóra das redaccións.

Redacción.. COLEXIO DE XORNALISTAS
Redacción.. COLEXIO DE XORNALISTAS | Fonte: Europa Press

Con motivo da conmemoración do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, este 25 de novembro, a xunta de goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia reclama a incorporación de editoras de xénero nos medios galegos como "garantes do compromiso tanto coa loita contra a violencia machista nos contidos como contra a existencia de agresións e abusos de poder contra as propias xornalistas dentro das redaccións".

Nunha nota de prensa, o Colexio manifestou que é necesario continuar dando pasos para que o xornalismo "siga o ritmo dunha sociedade que quere avanzar no rexeitamento a todas as violencias sexistas".

Por iso, lembrou que a entidade reclama a necesidade de crear, nos medios de comunicación, unha figura que vele polo correcto tratamento das cuestións relacionadas co xénero. A presenza de editoras ou comités xénero, destacou, pode ter unha utilidade dobre para os medios de comunicación. En primeiro lugar, vixiar para que se dea un tratamento non sexista a toda a información independentemente do xénero ou sección, eliminando todo tipo de estereotipos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta