Máis fondos para impulsar o emprego das persoas con discapacidade en Galicia

O Goberno galego destinará máis de 2 millóns a incentivos para impulsar a presenza de mulleres en sectores masculinizados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2023 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia destinará ao longo de 2024 máis de 33 millóns de euros para apoiar e impulsar o emprego de persoas con discapacidade, tal e como destacou o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández. Así o sinalou no acto de posta en marcha do Hub Diversidade Dixital Galicia, un evento organizado pola Confederación galega de persoas con discapacidade (Cogami), a Fundación Integralia, DKV e o Clúster TIC Galicia co apoio da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, da que informou a Xunta nun comunicado, Fernández destacou a oportunidade da posta en marcha do novo Hub, que permitirá fomentar a cualificación dixital das persoas con discapacidade mediante a formación e o desenvolvemento de itinerarios de inserción.

Tal e como recalcou o secretario xeral "o emprego é a mellor contribución á política social" e nesta liña, sinalou que a Xunta traballa en políticas que faciliten ás persoas con dificultades as ferramentas necesarias para contar con máis e mellores oportunidades. "Trátase de darlles motivacións e tamén as competencias e capacidades para a súa inserción no mercado común", indicou.

En concreto, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará en 2024 un total de 33,4 millóns de euros a apoiar e impulsar o emprego inclusivo. Así, disporá axudas á creación e mantemento do emprego en empresas de inserción e á creación e mantemento de postos de traballo en centros especiais de emprego. Ademais, seguirá promovendo a formación dual para persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental.

Máis de tres millóns de euros destinaranse aos incentivos que a Administración autonómica concede para a contratación de persoas con discapacidade nas empresas. O secretario xeral mostrouse partidario, ademais, de seguir impulsando, por outra banda, os modelos inclusivos que promove a economía social por situar ás persoas no centro (antepondo os beneficios sociais e colectivos á rendibilidade financeira) e pola súa aposta pola igualdade de oportunidades e a diversidade.

FEMINIZACIÓN DE SECTORES MASCULINIZADOS

Por outra banda, a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, destacou que a Xunta seguirá impulsando a igualdade laboral e de oportunidades en 2024 con iniciativas para impulsar a presenza de mulleres en sectores masculinizados. Indicouno durante a xornada Impacto da igualdade organizada pola Cámara de Comercio da Coruña, para o fomento do liderado feminino e a igualdade de oportunidades co obxectivo de visibilizar referentes empresariais que destaquen polas súas boas prácticas.

No seu discurso, Vázquez destacou o novo plan que estreará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade o ano que vén para fomentar a presenza feminina en profesións fortemente masculinizadas. Tal e como indicou, o Goberno autonómico destinará máis de 2,2 millóns de euros a formar e contratar mulleres para que se incorporen a estes sectores.

O emprendemento feminino será outro dos focos aos que este departamento autonómico prestará atención. Así, indicou que este 2023 a consellería investiu máis de 4,8 millóns de euros en 362 axudas para crear e consolidar 800 empregos ocupados por mulleres. Esta iniciativa, Emega, que conta con 27 anos de traxectoria, supuxo neste tempo un investimento de máis de 23 millóns para apoiar proxectos empresariais femininos que crearon 2.400 postos novos e mantiveron case 1.100.

Nesta liña, a secretaria xeral de Igualdade, a Xunta implantará en 2024, por outra banda, a cota cero para todas as novas altas de autónomos entre o 30 de setembro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024 e durante doce meses. Esta medida, á que poden optar as novas autónomas, sumarase ao reforzo do programa de Promoción do emprego autónomo xa existente e elevará ata case os 29 millóns de euros os apoios para as traballadoras e traballadores por conta propia con actividades que botan a andar.

A ONCE forma a unhas 7.350 persoas con discapacidade para atopar emprego
A ONCE forma a unhas 7.350 persoas con discapacidade para atopar emprego | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta