Galicia, epicentro dun narcotráfico 'aceptado' socialmente: sabemos que existe pero ninguén di nada

As producións televisivas e as novelas de ficción teñen moito que ver coa aceptación social do narcotráfico en Galicia, Colombia ou México. Nos países latinoamericanos esta tradición ven de lonxe, e convertiu aos narcos en auténticas estrelas mediáticas, admiradas en moitos casos. En Galicia, a serie 'Fariña' supuxo o comezo desta nova narcocultura, marcada polos Charlín ou os Oubiña.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/11/2023 | Actualizada ás 21:14

Comparte esta noticia

O narcotráfico na sociedade actual atópase arrodeado dunha aura de utopía. Téndese a pensar no narcotraficante como un home (nunca como unha muller) que está bañado en riqueza, con varios coches de alta gama, casas de luxo, roupa de deseñador, xoiais por moreas e as mulleres máis fermosas ao seu carón, sempre de festa en festa e vivindo a vida, co respecto dunha parte da sociedade e co medo da outra. Nunca se pensa nel como unha persoa que rematará, moi probablemente, os últimos anos da súa vida no cárcere, ou tendo que ocultarse en agochadoiros do menos elegante, sempre preocupado e sen durmir pola noite pensando en que en calqueira momento lle pode caer a policía. En Galicia, nomes como Marcial Dorado, Sito Miñanco, Manuel Charlín ou Laureano Oubiña foron (e algúns aínda o seguen a ser) altamente admirados no século pasado. Nesta década, as súas familias, atópanse entre xuízo e xuízo e son os fillos os que seguiron cos tentáculos destas organizacións, onde o relevo xeracional se instalou. Paráchedesvos algunha vez a pensar por que temos esa imaxe do narco como home exitoso?

Sexto capítulo de Fariña
Sexto capítulo de Fariña | Fonte: Arquivo

Pois o certo é que as investigacións apuntan a que pode ter moito que ver coa súa representación nas producións de ficción. En Galicia non tiveron moito éxito ata fai ben pouco. 'Fariña' foi a que explotou o tema e, despois dela, semella que xa non paran de saír. Pero a cousa en Latinoamérica ben de lonxe. As telenovelas de países como Colombia ou México sempre estiveron moi centradas na figura do narco, ao que representaban como un home de éxito, gran coñecedor do mundo dos negocios e moi elegante, mesmo guapo en moitos casos. En países como estes, acostumados a convivir día a día entre as drogas, romantizouse aos narcos para non ter que pelexar fronte a fronte coa dura realidade: decenas de vítimas mortais ao día a mans dos carteles, miles de falecidos ao ano a causa da drogadicción ou pelexas continuas que rematan en disparos cara inocentes entre bandos contrarios. Todas estas telenovelas foron consumidas tamén en Galicia, onde a xente podía sentirse de certo xeito identificada, pois non hai ninguén que non coñeza un 'camello', un narco ou un amigo que compra e pasa droga na nosa terra. E é algo normal, ninguén se escandaliza.

Así as cousas, o narcotráfico non é unha realidade nova en España, pero si que carecía de producións culturais tales como novelas, series de televisión, películas e pezas musicais tan comúns como as populares en América Latina. Pódese dicir que ás nosas fronteiras o boom chegou co estreno da serie de Netflix 'Narcos', fai tan só uns anos, no 2015. Sen embargo, na última década deixamos a un lado o protagonismo dos narcotraficantes colombianos e mexicanos para centrarnos no dos nosos propios narcotraficantes, como materia autóctona da terriña. Galicia ocupa un centro a nivel simbólico do narcotráfico en España, e nela hai moitas figuras que non precisan de decoración na narrativa audiovisual para ser moi xugosas para o cinema e a literatura. Este boom arrincaría, sen lugar a dúbidas, co fenómeno 'Fariña', o texto xornalístico de Nacho Carretero que destapou todo un escándalo político que tratou de taparse por parte das altas esferas censurando o libro, e que logo daría lugar á serie de televisión homónima. 

Con todo, xa antes desta obra, tal e como o propio Nacho Carretero recoñecía no prólogo do seu libro, houbo auténticas xoais publicadas nos 90, ás que, por contra, non se lles deu tanto bombo mediático. Bos exemplos son 'La conexión gallega, del tabaco a la cocaína' (1991), de Perfecto Conde, ou 'La Operación Nécora' (1997), de Felipe Suárez. Mesmo no ámbito da ficción podemos destacar 'Vivir sin permiso', de Manuel Rivas, adaptada á televisión no pasado 2018. Só un ano despois, no 2019, estreábase a película de Paco Plaza 'Quien a hierro mata', e no 2021 Ledicia Costas publicaba a excelente novela 'Golpes de Luz'. Así, a bagaxe foise ampliando ata o punto de que película de narcos que sae hoxe en plataformas como Netflix ou Prime Video, película que se catapulta directamente ao top 10. Ao público gústalle vivir a través das personaxes unha vida que non teñen, pero que saben de quen si a ten, ou sospéitano, dos seus veciños, dos seus coñecidos ou de figuras públicas. O drama está servido.

DOS 30 ASASINATOS DENDE OS 90 EN GALICIA AOS MILES AO ANO EN MÉXICO

O xornalista Nacho Carretero, autor de 'Fariña'. MIQUEL GONZÁLEZ - Arquivo
O xornalista Nacho Carretero, autor de 'Fariña'. MIQUEL GONZÁLEZ - Arquivo

Deste xeito, Galicia é o punto axial da narcocultura española. E é que conta con todos os elementos para desenvolver o que o propio Nacho Carretero no epílogo de 'Fariña' define como a "explotación narrativa e cultural dunha realidade". Galicia desenvolveu a súa 'mitoloxía narca' grazas a apelidos 'ilustres' como Charlín, Oubiña ou Bugallo, á espectacular Operación Nécora, á valente xesta librada polas nais de aditos á cocaína, ás fotos do expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo no iate con Marcial Dorado, á traxedia das mozas vidas perdidas pola droga, aos 'gorrillas' que piden limosna para a droga nos aparcadoiros dos concellos da ría de Arousa e ata a descomunal planeadora Patoca que tanta fama lle valeu ao seu piloto, Baltasar Vilar Durán, apodado como 'Saro' e que saltou aos medios como o 'Hamilton' galego das narcolanchas. Non hai quen ao ver unha planeadora pola ría non se pregunte que haberá no seu interior, se peixe ou fardos de droga (antigamente tabaco).

O narcotráfico en Galicia está aí, todos o sabemos, como un mundo paralelo que non pon en risco a quenes están fóra del, sempre que se respecten os límites e non se intente saber de máis. Os problemas só comezan no momento en que se trata de entrar en terreo dos narcotraficantes ou xogar coa súa mercancía. Este feito supón unha diferenza radical con respecto aos xeitos de representación do narcotráfico mexicano, por exemplo. Así, en 'Fariña', Nacho Carretero computa un total de 30 asasinatos relacionados co narcotráfico dende a década dos 90 ata a actualidade, cifra ínfima comparada coa dos miles de mortos que ano tras ano contabiliza México. Na narrativa mexicana, e tamén na realidade do país, a violencia está en todas partes e ninguén se atopa realmente a salvo, calquera pode ser unha vítima colateral dado o descontrol absoluto da violencia entre carteles.

O MERCADO EUROPEO QUERE O PRODUTO, PERO NON A VIOLENCIA QUE TRAE

Ademais, o mercado europeo é moi diferente ao latinoamericano. Non funciona sobre a base de masacres e execucións públicas. Volvendo sobre 'Fariña', isto é algo que se evidencia nun dos seus capítulos, nos que Sito Miñanco esta a punto de concretar unha descarga cando recibe un chivatazo: a policía sabe da entrega e hai un operativo en curso para detelos coas mans na masa. Miñanco decide entón cambiar o sitio da operación, pero o seu socio colombiano suxírelle ademais asasinar ao soplón porque "en Colombia non nos gustan as ratas". A resposta de Sito Miñanco é contundente: "Quero que che quede unha cousa moi clara a ti e aos teus xefes: estamos en Galicia". Así, a resposta do narco galego marca unha fronteira moi clara entre Galicia e o resto de Europa, que esquivan usar a violencia como método ou produto, e Colombia e México, onde esta impera. 

Por mencionar solo unha aberración, o narcotráfico documenta en vídeo as súas violentas execucións para posteriormente exhibilas de forma masiva a través de plataformas dixitais como o 'Blog do Narco'. Este espazo xurdiu grazas á iniciativa de dous estudantes que comezaron a recopilar artigos e reportaxes sobre a guerra contra o narcotráfico decretada polo entón presidente mexicano Felipe Calderón. Máis adiante xornalistas de todo o país comezaron a enviar de maneira anónima notas sobre a guerra que por medo ou por censura non podían publicar nos medios de información habituais. Así, o 'Blog do Narco' entrou nunha segunda etapa na que xa non só se recopilaba material aparecido previamente en distintas fontes, senón que publicaba tamén material exclusivo. Pero despois, veu unha terceira etapa, na que tribus de asasinos incluían entre os seus escuadróns da morte a camarógrafos e fotógrafos para que se encargasen de tomar imaxes dos seus crimes e logo enviarllas ao blog.

EN GALICIA IMPORTA MOSTRAR A REALIDADE DA VÍTIMA, DO ADICTO

Así, pódese afirmar que en México a violencia si é consustancial ao narcotráfico: os carteles producen, distribúen e propagan violencia como unha estratexia de empoderamento para garantir o control total dun territorio e a sumisión absoluta da súa poboación. En Galicia é evidente que o narcotráfico ofrece unha estampa radicalmente diferente. De feito, a supervivencia do mesmo depende de certo xeito da súa capacidade para evitar a violencia. Europa desexa o produto, pero non a violencia que este pode traer consigo. Ademais, tamén existe unha notable diferenza cultural entre narcotraficantes. O capo mexicano repite ao típico macho que precisa reafirmarse como home mediante o emprego da violencia, chegando mesmo a cometer accións tan absurdas como xogar á ruleta rusa só por demostrar a súa temeridade.

Finalmente, como contraparte da ausencia da violencia, as ficcións galegas sobre o narcotráfico ofrecen unha dimensión de todo ausente nas narrativas latinoamericanas: o drama das persoas adictas. Coñecido é o devastador efecto da dobre pandemia de heroína e VIH entre a mocidade de Vilagarcía de Arousa, O Salnés, Vilanova de Arousa e outras tantas rexións de Galicia durante as dúas últimas décadas do século pasado, nas que se fala da 'xeración perdida', pois chegou a todas as casas, daba igual que fosen ricos ou pobres, fogares felices ou disfuncionais... Exemplo da época foi o hoxe tristemente célebre equipo de fútbol 'Deixádenos vivir', formado por un grupo de mozos rebeldes de Vilanova no 1982 que anos despois morreron un a un por sobredose, side e outros accidentes directamente relacionados co consumo de drogas. Hoxe só tres integrantes quedan con vida.

PRODUCIÓNS NAS QUE REFLEXA O NARCOTRÁFICO GALEGO MÁIS ALÓ DE 'FARIÑA'

- 'Conduce rápido', de Diego Ameixeiras (2018)

Un mozo chamado Bruno pasa a noite na praia tras unha tarde de festa: ao despertar observa un fardo envolto en lona atrapado entre as pedras, e dentro descobre varios quilos de farlopa. Contacta con Samuel para tratar de vender a droga e repartirse as ganancias. Mafiosos, sicarios e rapaces de todo tipo desfilan pola novela tratando de facerse co botín. A obra está ambientada principalmente en Santiago, pero lonxe de mostrar a parte amable da cidade e o seu patrimonio artístico, adéntrase nos despoxos da cidade: 'yonquis', 'camellos', rateiros de pouca monta... É unha boa mostra de que o narcotráfico convive en paz coa sociedade ata que hai persoas que tratan de pisar o seu terreo e xogar coa súa mercancía.

- 'O medo dos ourizos', de Manuel Rivas (2017)

Dous pescadores que se fan chamar Os Ourizos atópanse de casualidade con droga flotando no mar á espera de ser recollida, e deciden roubala. O texto ambiéntase na Costa da Morte. Os protagonistas circulan nunha carcacha á que chaman o 'Dous Cabalos', o sarxento da Garda Civil que persegue aos mozos é apodado Ben-Hur, o mecánico que mantén en circulación a barca é coñecido como Doutor Futuro e nun intre da narración aparece unha panadeira chamada Elvira á que as personaxes lle atribúen cualidades de feiticeira. Ata o fortuíto atopo da cocaína flotando no mar, a vida dos Ourizos transcorre nunha Galicia pobre pero feliz. Unha vez que rouban esa droga, comezan a ser asediados pola mafia colombiana e, desesperados, agóchanse un tempo no taller do Doutor Futuro. Durante o encerro, un obsesiónase polas teorías da conspiración e o crime organizado, e pasa longas xornadas navegando na rede, alimentando o seu medo, de aí o título. Outro exemplo de que narcos e persoas de a pé non deben cruzar camiños para que todo siga indo ben, sen violencia.

- 'Vivir sin permiso', de Manuel Rivas (2018)

A serie retrata a angustia dun poderoso narcotraficante galego diagnosticado de Alzhéimer. Ante a imposibilidade de reverter os efectos da enfermidade, Nemo Bandeira concentra os seus últimos días de relativa lucidez para tratar de herdar aos seus fillos un imperio comercial libre do contrabando de cocaína. Sen embargo, a perda das súas habilidades cognitivas convírtese no menor dos seus problemas cando irrumpe en escena o sanguento narcotraficante mexicano Germán Arteaga. O obxectivo deste é moi sinxelo: apropiarse do imperio e do patrimonio persoal de Bandeira. Na serie todo o que ten que ver co narcotráfico galego é tratado como algo discreto e sensato, fronte ao exceso e o grotesco encarnado polo narcotráfico mexicano: vestimenta, linguaxe, ostentación das riquezas, modos de exercer a sexualidade e, dende logo, a obsesión de apoderarse de todo a través da violencia.

- 'Narcos', de Carlos Reigosa (2001)

A novela comeza cunha singular entrevista entre o xornalista Carlos Conde e un acaudalado empresario chamado Mario Cendán. Este último preséntase ante o xornalista como "o pai dunha rapaza de 22 anos que foi enterrada fai 15 días, morreu de sobredose, despois de vivir, ela e nós, un auténtico inferno". O obxectivo de Cendán era conseguir que o xornalista escribise sobre os narcotraficantes para "axudar a desfacer esa impunidade na que viven e da que se amosan tan orgullosos". A partir dese momento, a novela convírtese nunha pesquisa detectivesca que eclipsa o drama das vidas perdidas pola droga. Pero non deixa de ser significativo que unha das novelas fundacionais da narcoliteratura galega comece coa imaxe dunha familia mutilada pola adicción, poñendo os ollos e o punto de mira sobre as vítimas.

- 'La marea roja', de José Manuel del Río (2018)

Pon en escena un cadro familiar igualmente marcado polo consumo de drogas. A novela comeza coa liberación de Dani Gasolina, quen cumpriu unha condea de varios anos por crímenes de narcotráfico. Ao saír de prisión, Dani ten dous obxectivos na mente: vingarse dos contrabandistas para os que trapicheaba nas planeadoras e alonxar ao seu primo-irmán Hugo das drogas. De novo outra obra mestra da narcoliteratura galega e española céntrase de xeito innegable nas vítimas desta lacra.

- 'Quién a hierro mata', de Paco Plaza (2019)

Na cinta, un narcotraficante cunha enfermidade dexenerativa ingresa a unha residencia para persoas anciás. O xefe da enfermaría, responsable de atender ao antigo narcotraficante, finxe coidalo cando en realidade se adica a torturalo física e psicolóxicamente para vingar a vida do seu irmán falecido varios anos antes durante a dobre pandemia de VIH e heroína. Outro exemplo de película contada dende a visión das vítimas no narcotráfico. 

- 'Golpes de Luz', de Ledicia Costas (2021)

Unha xornalista chamada Xulia prepara unha reportaxe sobre a evolución do consumo e do tráfico de drogas en Galicia dende os 80 ata a actualidade (99). O anterior supón non só unha investigación documental extensa, senón, ante todo, confrontar á súa propia memoria como testemuña da dobre epidemia de sida e heroína que asolou á xuventude galega na penúltima década do século pasado. Ao respecto, a xornalista entrega a seguinte conclusión: "Naquel momento caían coma moscas, había semanas en que nalgunhas vilas galegas se enterraban tres ou catro mozos. Os que non morrían de sida morrían de sobredose ou por inxectarse heroína adulterada. Cuadrillas enteiras de tipos que apenas chegaban aos trinta anos, ocupando nichos que non lles correspondían". 

Fariña
Fariña | Fonte: ATRESMEDIA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta