Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 07/11/2023 | Actualizada ás 15:52
Mariscadores das rías Muros-Noia e Arousa traballan este martes para tentar recuperar cría de marisco despois do "desastre" de toneladas de bivalvos arrastradas ás praias polo paso da borrasca Domingos. O presidente da agrupación de mariscadores a pé en Noia, Quico Pérez, explica que se "está tentando recuperar un pouco" das toneladas de cría de ameixa e berberecho, que non é de tamaño comercial.
"O que sobreviva vai ser moi pouco", avisa. Apunta a Testal, en Noia, como zona máis afectada, pois "tanta cantidade como esta nunca se viu". Estas toneladas de marisco morto chegan despois dunha mala campaña marisqueira. "Xa o ano pasado foi mala e tivemos que pechar polas riadas de auga doce. Sabiamos que esta campaña ía ser moi mala, non creceu nada no verán, pero había unha esperanza de que había moitísima cría", explica.
"Sabiamos que non toda a cría vai sobrevivir e vai morrer moita, pero isto é un mazazo novo", lamenta Pérez. "A pequena boa noticia que tiñamos de que había moita cría, pois estes días estamos a ver que está a morrer toda", apunta este mariscador. Agora quedará facer mostraxes en próximos días para saber como afectou á cría. "Levamos 25 días con borrascas unha detrás doutra, aínda mañá vén outra", quéixase.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.