Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 03/11/2023 | Actualizada ás 12:27
O Grupo Socialista expresou a súa "sorpresa" polo "boato" co que o goberno provincial da Deputación de Pontevedra e o seu presidente, Luís López, "revestiron" a presentación do novo logotipo da institución provincial, unha imaxe de "cuestionable valor estético e que foi anunciada con moita máis relevancia que o avance do propio orzamento provincial para 2024", que "quedou reducido a catro pinceladas grosas".
Os deputados socialistas, ademais, lamentaron que este deseño do logotipo e da nova imaxe "fose adxudicado, directamente, a unha empresa externa nun claro desprezo ao equipo de profesionais da casa do departamento de comunicación". Neste sentido, lembra que se trata dun equipo humano que foi o encargado de deseñar o logotipo e a imaxe utilizada no últimos oito anos, así como de todo o material gráfico empregado na comunicación institucional dos diferentes departamentos provinciais da deputación nos últimos mandatos.
O portavoz provincial socialista, Carlos Font, afirmou que o principal acto político dun presidente que leva case catro meses no cargo foi a "presentación dun logotipo que se parece bastante ao do PP e, con isto, queda dito todo". Ao fío diso, apuntou que merece unha "cuestión aparte a utilización do slogan 'Tendendo pontes' por parte do presidente provincial", xa que se trata dunha lema que foi usado nunha campaña política doutro partido en 2016 e que actualmente o usan empresas, colectivos sociais e programas educativos da Consellería de Educación, polo que a "orixinalidade brilla pola súa ausencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.