Máis de 16.000 persoas concorren esta fin de semana á OPE do Sergas de auxiliar de enfermaría e servizos xerais

Todas as probas selectivas realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, onde por causa do temporal habilitarase unha zona de aparcamento adicional que contará con lanzadeiras ata o propio recinto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2023 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

Máis de 16.000 persoas concorrerán esta fin de semana na realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais (persoal administrativo que traballa nos centros de saúde e PAC) e técnico en coidados auxiliares de enfermaría.

Segundo detallou a Consellería, ofértanse, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 196 prazas para a categoría de persoal de servizos xerais, das cales 76 corresponden á quenda de acceso libre, 97 a promoción interna, nove a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual. Para a categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría, ofértanse 789 prazas das cales 337 corresponden á quenda de acceso libre, 395 a promoción interna, 43 a discapacidade xeral e 14 a discapacidade intelectual.

OPE do Sergas en Silleda.
OPE do Sergas en Silleda. | Fonte: XUNTA

Así, estas 985 prazas engádense ás 294 prazas ofertadas mediante o sistema de concurso de méritos para estas dúas categorías de persoal estatutario, correspondendo 17 á categoría de persoal de servizos xerais e 277 á categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría. Foron admitidos, con carácter definitivo, un total de 16.241 aspirantes, 6.700 persoas na categoría de persoal de servizos xerais e 9.541 na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría. Así mesmo, o 87,36 % das persoas admitidas son mulleres.

Un 9,5 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas deste exercicio, por non estar en posesión do Celga 3 ou certificado correspondente acreditativo do coñecemento do idioma galego.

PROBAS

Todas as probas selectivas realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda. En concreto, o sábado 4 de novembro, ás 15,30 horas, examinaranse 6.715 persoas aspirantes da categoría de persoal de servizos xerais. Tamén se examinarán este día as persoas aspirantes pola quenda de discapacidade intelectual das categorías de técnico en coidados auxiliares de enfermaría e persoal de servizos xerais.

O domingo 5 de novembro, ás 15,30 horas, abriranse as portas cunha previsión de localización nas mesas de aproximadamente unha hora. Está previsto que se examinen 9.526 aspirantes inscritos da categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría, polas quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral. Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.gal) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

PROTOCOLO

A acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas. Este código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón e porta de acceso do aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter en conta para o acceso dos aspirantes e no desenvolvemento das probas. Non se realiza o chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas.

APARCADOIRO ADICIONAL POLO TEMPORAL

Ademais, ante a previsión de que as condicións meteorolóxicas adversas da fin de semana dificulten o aparcadoiro nas inmediacións do recinto feiral, a dirección habilitará un espazo de estacionamento adicional no polígono industrial de Silleda. Así, desde alí haberá lanzadeiras con autobuses gratuítos para desprazarse ao lugar de realización dos exames. Sairán cada 10 minutos e a partir das 12.00 horas. De igual modo, habilitaranse lanzadeiras para volver ao aparcadoiro do polígono desde as 17.30 horas da tarde (tamén cada 10 minutos) e ata que finalicen os exames.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta