A Galicia do medievo: unha sociedade máis igualitaria na morte que na vida

Carla Aboal Barreiro, arqueóloga da Universidade de Santiago, asegura que "a igualdade de xénero nos mortos da Idade Media é total, e a diferenza entre homes e mulleres só é cousa da historia". Por iso, considera que "hai que sacar á luz a todas esas personaxes esquecidas, que levan nese saco rachado moito tempo".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/10/2023 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Ao longo da Historia as mulleres foron invisibilizadas. Unha sociedade patriarcal da que aínda quedan escollos na actualidade relegábaas a un segundo plano, cando non a un terceiro, e isto deixouse notar tamén nos estudos arqueolóxicos. Poucos foron os que analizaron o pasado cunha perspectiva de xénero e non foi ata o ano 1984 cando aparecería o concepto de arqueoloxía de xénero. En España, esta disciplina pode datarse por alá polos anos 70 do século pasado, encadrada dentro do movemento feminista antifranquista que tratou de visibilizar á muller como parte fundamental da Historia, pero non sería ata a reunión celebrada pola Universidade de Santiago (USC) en 1992 cando se empezaran a abordar os estudos de xénero, moi escasos no ámbito galego dende o punto de vista arqueolóxico e algo máis abundantes dende o punto de vista histórico.

Excavacións na necrópole da Lanzada
Excavacións na necrópole da Lanzada | Fonte: Turismo de Sanxenxo

A nivel estatal, os estudos de xénero realizados están moi adicados á Prehistoria, pero esquécense da Idade Media, que tan só aparece nalgúns documentos nos que se estuda ás mulleres da nobreza, esquecéndose do resto das mulleres da poboación medieval. Carla Aboal Barreiro, arqueóloga da Universidade de Santiago (USC) participante no 'Encontro Novas Investigadoras en Arqueoloxía Romana e Medieval' celebrado esta semana en Santiago, quixo estudar esas mulleres esquecidas, e fíxoo a través, inicialmente, de 12 xacementos, que logo tivéronse que ver reducidos a cinco porque só estes últimos contaban con estudio histolóxico: A Capela da Lanzada no Grove, A Capela do Pilar en Lugo, as igrexas de Santa María A Maior e San Bartolomeu O Vello en Pontevedra e a catedral de Santiago.

Para comprender o que nos din os enterramentos situados nestas necrópoles, como explica a arqueóloga, é importante "comprender que estamos ante unha sociedade binaria, na que se falaba de homes e mulleres, é dicir, na Idade Media, na Galicia medieval, había unha sociedade cristiá que só diferenciaba entre homes e mulleres", non como na actualidade, onde os xéneros poden ser fluídos. Na Alta Idade Media (entre os séculos V e XI), durante os comezos, prodúxose un declive do mundo rural e foi predominando o asentamento en altura, é dicir, a construción das cidades, polo que os asentamentos máis abertos pasaron a ser zonas adicadas ao enterramento. Isto vese moi ben, como apunta Aboal, na Capela da Lanzada, onde os esqueletes aparecen de cúbito súpino, é dicir, boca arriba, e as tumbas oriéntanse de oeste a leste. Alí, as fosas simples adoitaban ser de homes e as delimitadas por laxas de mulleres.

Xa en plena Idade Media, prodúcese o proceso de asentamento dos grandes señoríos e o abandono do mundo rural. As persoas desta época xa non viviron tanto do campo. Exemplo disto está nos enterramentos da necrópole da catedral de Santiago, da que forman parte persoas que viviron maioritariamente en centro urbán e foron enterradas no gran edificio cristiá de referencia. Nela, diferenciáronse tres zonas distintas de enterramento, a unha e a dúas para os individuos máis privilexiados e a zona cero para os demais. Foi na cero na que se puideron identificar os sexos dos individuos e, polo tanto, a máis interesante neste estudo. Todos eles aparecían enterrados boca arriba e de leste a oeste, o máis frecuente, diferenciándose catro tipos de tumbas, entre elas as antropomórficas foron empregadas máis para homes e as rectangulares foron empregadas máis para mulleres.

E, finalmente, na Baixa Idade Media (dende o século XI ata o XV), os señoríos quedan totalmente consolidados. Exemplo desta época é a Capela do Pilar en Lugo, na que parece que os enterramentos eran de persoas pertencentes a familias nobres. Os individuos enterrados aparecen en diferentes posicións, algúns enterrados anatómicamente e outros en posicións secundarias aos pés das tumbas, crese que porque se trataba dunha especie de panteóns familiares e que deste xeito conseguíase reaprobeitar o espazo, poñendo aos antigos mortos aos pés dos novos enterramentos.

Tumbas medievais da catedral de Santiago
Tumbas medievais da catedral de Santiago | Fonte: Catedral de Santiago

E xa nas igrexas de Santa María e San Bartolomeu, en Pontevedra, tamén se reflexan estes enterramentos en posicións secundarias, para reaprobeitar o espazo nunha cidade que está en auxa naquela época e que adica pouco espazo aos cemiterios. En concreto, en San Bartolomeu os enterramentos están menos coidados, pode que polas canalizacións que os afectaron ou por ser de xente de menor 'status', sexa como fose, aparecen os mortos boca arriba e orientados de oeste a leste, enterrados directamente na terra. O que se pode concluír destes achados e análises é que "vaise homoxeneizando a forma e a maneira de enterrar aos mortos, sen facer diferenzas entre ambos os xéneros". 

TUMBAS SEN AXUARES ASOCIADOS A RITOS FUNERARIOS PARA MAIOR IGUALDADE

Polo que respecta ao axuar atopado nas tumbas, a diferenza do que acontece nas tumbas exipcias, por exemplo, nas galegas non se atopa axuar asociado ao rito funerario. Na Capela da Lanzada, en concreto, na zona dous de enterramento non se atopa axuar, pero na un si. Que logo os enterramentos comezasen a realizarse sen axuar "móstranos un cambio profundo na mentalidade das persoas, omitindo obxectos como un xeito de igualar a todos os membros do grupo social ante a morte". En todos os xacementos da plena Idade Media xa non aparecerían, por tanto, obxectos asociados aos enterramentos. A única excepción son tres cunchas de carneiro atopadas en tres tumbas diferentes (unha avoa, unha nai e unha neta) da catedral de Santiago, pero hai que tomar este dato con cautela, pois pode ser que houbese algún erro de datación.

PATOLOXÍAS DE MOBILIDADE ASOCIADAS AO TRABALLO NO CAMPO

Con todo, o máis interesante é saber o que nos din os propios esqueletes sobre as diferenzas entre homes e mulleres na Idade Media. "Na Lanzada as patoloxías que reducen a mobilidade das persoas afectaban por igual tanto a homes como a mulleres, o que nos vén a indicar que ambos os xéneros se adicaban a actividades moi similares, cunha alta carga física, sobre todo vinculadas ao campo", expón a investigadora. Ademais, a dieta da época baseábase fundamentalmente en cereais e peixe, sen diferenciación tampouco neste aspecto entre xéneros. Aínda así, a investigadora resalta un dato sobre a Capela do Pilar, en Lugo, onde "nos resultou curioso atopar a varios homes que posuían marcas de ter tido dietas copiosas, con carne, mentres que a única muller que había para analizar presentaba un maior consumo de cereais". 

Xa no caso da catedral de Santiago, a paleopatoloxía relacionada coa redución da mobilidade afectaría en maior medida ás mulleres, que tiñan na súa dieta máis cereais como o mijo que carne. En Pontevedra, en Santa María e San Bartolomeu, as enfermidades relacionadas cunha menor calidade alimenticia terían afectarían na súa totalidade a mulleres, mentres que as actividades con carga física estarían relacionadas con ambos xéneros, é dicir, ambos traballaban nas tarefas do campo. Na zona de Pontevedra atopouse que en ambos individuos, tanto mulleres como homes, a dieta estaría relacionada en maior medida co consumo de peixe e mijo que co de carne.

"A FORMA DE ENTERRAR VAISE HOMOXENEIZANDO CO PASO DO TEMPO"

Deste xeito, o traballo realizado pola investigadora Aboal foi "un primeiro paso no estudo de xénero das necrópoles medievais", pero atopouse coa problemática de que "había un baixo número de xacementos para o seu estudo". Con todo, entre as principais conclusións, Aboal destaca o feito de que "a forma de enterrar vaise homoxeneizando co paso do tempo, como se os grupos sociais se igualasen ante a morte, sendo todos os mortos membros dunha mesma comunidade", algo que non semellaba ser así en vida. Ademais, e aínda que a dieta parecía ter sido similar para os individuos de ambos os xéneros, destaca o caso da muller atopada na Capela do Pilar en Lugo, que presentaba ese maior consumo de cereais con respecto aos homes.

Por que podería suceder isto? "Pola teoría dos humores, que foi manexada polas altas esferas da sociedade medieval, e que recomendaba un maior consumo de cereais ás mulleres, porque considerábase que estas eran húmidas e frías; mentres recomendaba máis a carne aos homes". En conclusión, "a igualdade de xénero nos mortos é total, e a diferenza entre homes e mulleres só é cousa da historia", ou de como nola contaron. Por iso, "hai que sacar á luz a todas esas personaxes esquecidas, que levan nese saco rachado moito tempo", conclúe Aboal.

Detalle de 'Pequeno Xardín do Paraíso', de Upper Rhenish (c. 1410-20, Frankfurt, Alemania)
Detalle de 'Pequeno Xardín do Paraíso', de Upper Rhenish (c. 1410-20, Frankfurt, Alemania) | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta