O porto de Raxó contará cun banco lineal de 93 metros de lonxitude e zonas de prioridade peonil

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 23/10/2023 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

Portos de Galicia investirá 830.000 euros nas obras de adecuación e humanización do acceso ao porto de Raxó, no municipio pontevedrés de Poio. O presidente do ente público, José Antonio Álvarez, visitou este luns a zona de actuación acompañado polo alcalde de Poio, Ángel Moldes.

Durante o encontro institucional, Álvarez Vidal anunciou ao rexedor que a previsión do seu departamento é que as obras poidan comezarse "nun par de semanas". "E esperemos que en marzo estea xa acabado", dixo, xa que o prazo de execución previsto é de cinco meses, polo que poderán estar finalizados para a próxima primavera.

"A idea é facelo de acordo coas pretensións que o Concello nos expuxo de favorecer un espazo compartido coa cidadanía e os usos portuarios", explicou o presidente de Portos de Galicia. "Este proxecto o que busca é integrar unha instalación portuaria para goce e convivencia dos veciños", engadiu o alcalde, "somos un pobo mariñeiro, que vive do turismo e do mar".

"O obxectivo fundamental é favorecer a seguridade peonil", destacou José Antonio Álvarez desta actuación que vai humanizar o viario, con criterios máis "amables" para os peóns. Entre as accións concretas que se recollen no proxecto de ordenación de usos no acceso ao porto de Raxó, figura a nova distribución do espazo viario a través da construción dunha nova plataforma única de circulación con prioridade peonil. Ademais, renovarase a capa de rodaxe na baixada ao porto, no tramo inicial do viario actual.

O presidente de Portos de Galicia tamén sinalou que o proxecto "contempla outras obras complementarias como a substitución de firmes, a renovación das redes de servizo, nova iluminación pública e a instalación de novo mobiliario". Concretamente, prevese a instalación dun banco lineal de 93 metros de lonxitude, ademais de varandas e papeleiras.

Porto de Raxó
Porto de Raxó | Fonte: Commons

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta