Pobreza II. A fame non é exclusiva das guerras, tamén é unha loita que se libra en Galicia

Os galegos que non poden permitirse unha comida de carne, peixe ou polo cada dous días aumentou do 2,1 % ao 4,4 % no 2022. A delegada territorial en Galicia de Acción contra el Hambre, Paloma Gallego, pide á sociedade que sexa considerada, porque "calquera persoa pode atoparse nesa situación de vulnerabilidade e, de súpeto, atoparse nesa búsqueda activa de emprego tras perder a súa fonte de ingresos, vendo que a súa vida se cambalea".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un dos primeiros signos que se asocian á pobreza é a fame. Non é estraño ver nas rúas das grandes cidades a xente pedindo esmola, ou nas portas dos supermercados aceptando comida, así como facendo cola nos comedores sociais. A pobreza é un mal endémico da sociedade capitalista no que, para que uns teñan moito, necesariamente outros deben ter pouco ou nada. Así, e a pesares de que o informe 'Estado da pobreza en Galicia 2023', elaborado por EAPN Galicia, a Rede Galega contra a Pobreza, mostra unha disminución da pobreza no último ano en Galicia, no que respecta á fame os datos non son tan positivos. A porcentaxe de persoas que non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días aumentou do 2,1 % ao 4,4 % o pasado ano.

Foto do programa de axudas para a loita contra a pobreza infantil e a exclusión social
Foto do programa de axudas para a loita contra a pobreza infantil e a exclusión social | Fonte: FUNDACIÓN A CAIXA - Arquivo

O informe revela que máis de 636.000 persoas, o 23,6 % da poboación galega, estaba en risco de pobreza ou exclusión social no 2022, cifra inferior á do ano anterior. Os datos reflicten o proceso de recuperación tras a pandemia, os efectos da inflación e a guerra de Ucraína, pero tamén o relativo éxito das medidas de choque contra a pobreza tanto a nivel estatal (ERTE ou Ingreso Mínimo Vital) como da Xunta (mantemento da RISGA ou, sobre todo, a Tarxeta Básica), concellos e organizacións do Terceiro Sector de Acción Social. Deste xeito, 226.000 galegos non caeron na pobreza grazas ao papel das administracións. Pero, con todo, a privación material e social severa agrávase en Galicia, ata situarse no 6,3 % da poboación, lixeiramente superior ao dato do ano anterior (6,2 %).

De feito, dende a asociación Acción contra el Hambre, a súa delegada territorial en Galicia, Paloma Gallego, asegura que "non vemos moita diferenza" no número de persoas que chegan a pedir axuda. Tanto é así que asegura que "os índices que indican o acceso aos alimentos básicos, como pode ser o da inseguridade alimentaria, estamos vendo que se manteñen". Dende esta asociación están a realizar un estudo piloto de promoción de vida saudable e acceso a eses alimentos básicos e os primeros resultados están a mostrar que "o 53 % das persoas nos nosos programas de empregabilidade sofren algún tipo de nivel de inseguridade alimentaria". Trátase dunha cifra alarmante, pois é máis da metade. Ademais, "un 7,5 % atópase nunha situación de privacidade alimentaria severa". Case oito de cada cen persoas, polo tanto.

Isto, como é lóxico, xera unha presión sobre as familias que desemboca en grandes problemas de saúde mental, xa que, como expón Gallego, "repercute directamente sobre todo o fogar, especialmente nos nenos e nas mulleres, pois vemos que o 60 % das persoas que participan nos nosos programas son mulleres". E é que nunha sociedade na que as persoas teñen que destinar gran parte dos seus salarios ao alquiler e, en segundo lugar, a unha cesta da compra cuxo prezo cada vez é máis elevado, non é de estrañar que aquela xente que non ten traballo se atope na máis absoluta miseria. Pois, incluso os que o teñen "semella que deben elixir entre ter unha vivenda adecuada, quente e cunha temperatura boa, ou unha alimentación saudable".

"PARA LOITAR CONTRA A INSEGURIDADE ALIMENTARIA NECESÍTASE EMPREGO"

Pobreza. Persoa pedindo esmola
Pobreza. Persoa pedindo esmola | Fonte: EP - Arquivo

Por iso, desde Acción contra el hambre, que tamén se atopa en calidade de organización humanitaria traballando na fronteira en Ucraína, piden non esquecer que en Galicia tamén se libran guerras de fame. "Temos que traballar tamén aquí, porque, de feito, vemos que o conflito directa ou indirectamente está a xerar un impacto sobre os prezos das materias primas, tanto no caso das enerxéticas como das industriais ou das agricolas, e isto está a disparar a inflación", afirma. Con todo, Gallego concede que "é certo que en Galicia as medidas que se tomaron dende a administración a partir da crise da covid para conter esta inflación estanse a notar agora, seguen a ser permeables á sociedade galega".

Neste senso, a delegada territorial de Acción contra el Hambre considera que "a ferramenta esencial para loitar contra a inseguridade alimentaria e a desigualdade social é o emprego decente". Pero conseguilo non é tarefa sinxela, supón unha "elevada carga emocional" para as persoas que están nesa búsqueda activa, algo que dende a asociación tratan de mitigar a través de profesionais multidisciplinares. "É corresponsabilidade de toda a sociedade que todas as persoas gocen dun emprego digno", afirma Gallego, que se mostra consciente de que "a autoestima sempre é moi necesaria na búsqueda de emprego e na vida en xeral".

Para aquelas persoas que se atopan nunha maior situación de vulnerabilidade, a asociación tamén destina uns cartóns con diñeiro que poden cambiar por alimentos básicos en supermercados cos que teñen acordos de colaboración e, como nova forma de loitar contra a pobreza e a fame, están a desenvolver unha experiencia piloto xunto con pequenas empresas que "non queren que os seus residuos acaben no lixo, porque son alimentos en perfecto estado, que serven para comer", polo que se reparten a estas persoas que máis o necesitan e que, doutro xeito, non os poderían adquirir e rematarían no lixo.

"AS PERSOAS PARA ESTAR SÁS DEBEN COMER CARNE OU PEIXE CADA DOUS DÍAS"

Pero, que se entende por unha alimentación saudable? Tal e como recalca Gallego, "as persoas para manterse sás deben ter unha comida de carne ou peixe cada dous días". En Acción contra el Hambre contan con grupos de expertos en alimentación que acompañan aos membros nos seus itinerarios cara a procura de emprego para ensinarlles pequenos 'tips' de alimentación saudable, para que logren comer o máis san posible, e rachar con ese estigma que di que comer san é caro, cando non é certo, pois os ultraprocesados tamén teñen un elevado custe. Ademais, para ter un estilo de vida saudable e unha boa saúde mental tamén é moi necesario realizar algo de exercicio físico, beber a auga necesaria e ter un descanso adecuado, durmindo as horas correspondentes.

Finalmente, Gallego pide á sociedade que sexa considerada con todas estas persoas que están en situación de pobreza ou de pobreza severa, que pasan fame e o están a pasar mal, porque "calquera persoa pode atoparse nesa situación de vulnerabilidade e, de súpeto, atoparse nesa búsqueda activa de emprego tras perder a súa fonte de ingresos, vendo que a súa vida se cambalea". Acción contra el Hambre acompañou en Galicia dende o ano 2017 a 2.317 persoas que estaban na procura activa de emprego, acadando o 40 % delas un emprego de calidade. Do total, o 60 % son mulleres e o 40 % son migrantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta