Novos avances desafían os actuais estudos sobre a abordaxe do alzhéimer

A investigación coordinada por Pablo Aguiar dende o CiMUS da USC e o IDIS demostra que as persoas que presentan tauopatía primaria relacionada coa idade non sempre desenvolven a enfermidade de Alzhéimer.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/10/2023 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Dende hai tempo, a comunidade científica sabe que cando se atopa ante un paciente cunha acumulación anormal de proteína tau no cerebro, conxuntamente coa presenza de placas de amiloide, están ante un diagnóstico de enfermidade de Alzheimer. Con todo, algunhas persoas maiores sofren acumulación anormal desta proteína tau en ausencia de placas de amiloide, unha condición chamada tauopatía primaria relacionada coa idade (PART). Ata o de agora, enfrontábanse a varias preguntas respecto a esta condición: acabarán estes pacientes desenvolvendo a enfermidade de Alzheimer? Ou trátase dunha patoloxía diferente? 

Investigacións sobre o Altheimer no CIMUS
Investigacións sobre o Altheimer no CIMUS | Fonte: USC

Unha investigación internacional coordinada por Pablo Aguiar desde o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), conseguiu responder a esta pregunta e abrir novas vías terapéuticas para esta enfermidade neurodexenerativa altamente prevalecente na poboación envellecida.

O equipo demostrou que estes pacientes continuaron acumulando tau patolóxico ao longo do tempo, pero a un ritmo moito máis lento que as persoas con alzhéimer e nunha zona restrinxida do cerebro.

METODOLOXÍA

Os resultados da comparación entre grupos mostraron que, ao comezo do estudo, as persoas con alzhéimer presentaban acumulación de tau xeneralizada nos lóbulos temporal, parietal e frontal, mentres que nos pacientes con PART esta acumulación limitábase principalmente ao lóbulo temporal medial. Durante os tres anos de seguimento, os participantes con PART acumularon pouco tau e restrinxido aos lóbulos temporais. En cambio, as persoas con alzhéimer acumularon case tres veces máis tau anualmente en toda a cortiza cerebral.

REPERCUSIÓN INTERNACIONAL 

Dende a súa publicación, o traballo tivo unha repercusión importante entre a comunidade científica global, con editoriais, comentarios e aproximacións de distinta índole de especialistas de entidades de diferentes puntos, como a Universidade de California, Berkeley, a Facultade de Medicina da Universidade de Stanford ou a propia Universidade de Gotemburgo sobre o alcance deste traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta