Luís Menor pide unha "solución ambiciosa" para a N-541: "Ourense necesita unha saída máis preto da costa"

Os alcaldes e alcaldesas asinantes do Pacto de Pedre mantiveron este xoves unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, para solicitar o apoio da institución provincial na reivindicación da mellora integral da estrada N-541, unha vía de alta sinistralidade.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/10/2023 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

Os alcaldes e alcaldesas asinantes do Pacto de Pedre mantiveron este xoves unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, para solicitar o apoio da institución provincial na reivindicación da mellora integral da estrada Nacional 541, para a que o presidente provincial pediu "unha solución ambiciosa" con vistas a unir Ourense e Pontevedra "cunha vía de alta capacidade".

Menor lembrou que o tráxico accidente ocorrido en Noiteboa do 2022, con sete falecidos, demostrou "a crueza" da situación e "a falta de seguridade" que ten a estrada que "vertebra dúas provincias e une dúas capitais". "A estrada está igual que fai trinta anos, fóra dalgún remendo que en nada cambiou a situación", dixo, asegurando que a institución ourensá "non pode ser máis que solidaria e reivindicativa" coa necesidade desta mellora.

Así, dixo que son dous os motivos principais polo que é necesaria a reforma integral da vía. "Pediremos que garanta a seguridade das persoas, iso é ineludible", expuxo en primeiro lugar, pero tamén falou da importancia que ten a estrada para o desenvolvemento económico dos dous territorios.

"Diría que temos que ir pensando en unir as dúas provincias cunha vía de alta capacidade. Temos que ir a esa solución definitiva por cuestións de seguridade, pero tamén de desenvolvemento económico", manifestou, apuntando que "Ourense necesita ter unha porta de saída máis preto da costa" e a costa "tamén necesita relacionarse con todo o de Ourense". "Sexamos ambiciosos. Primeiro solucionamos os problemas ineludibles, os máis inmediatos, pero despois o goberno tense que pór ao choio para dotar a dúas capitais de provincia, dúas provincias, cunha conexión sólida, segura e de futuro", esixiu Menor.

DEFENDER AOS VECIÑOS

Pola súa banda, Jorge Cubela, o rexedor de Cerdedo-Cotobade falou en nome dos sete alcaldes asinantes do Pacto de Pedre e quixo subliñar que, aínda sendo de "distinta cor política", están "a ter unha única voz para defender os seus territorios desde a unanimidade, antepondo os intereses dos seus veciños". "É a primeira vez que os nosos territorios se unen para reclamar de forma única a mellora da Nacional", celebrou o alcalde de Cerdedo-Cotobade antes de agradecer o apoio da Deputación e a "sensibilidade" do seu presidente.

Cubela expresou que a "falta de adherencia", "o estado de conservación" e a "sinuosidade" da N-541 provoca "unha grave inseguridade" para as persoas, con "demasiados accidentes de tráfico". É por iso que sinalou como necesidade "inmediata" unha capa de rodaxe no seu trazado integral, a mellora nos accesos aos núcleos poblacionais e a mellor sinalización. "Estamos a pedir algo que é de xustiza", aseverou.

REUNIÓN CO CONCELLO

A maiores, os alcaldes do Pacto de Pedre reuníronse co rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o tenente de alcalde da cidade, Armando Ojea. Tras este encontro, o goberno municipal decidiu proporlle a todos os grupos políticos levar a pleno, como moción conxunta ou declaración institucional, un acordo de adhesión á reivindicación de a mellora integral desta estrada.

Nesa moción instarán ao Goberno Central a acometer "coa maior a urxencia posible" a mellora integral da N-541 na súa totalidade. Ademais, propoñen solicitar aos grupos políticos do Parlamento de Galicia que apoien as súas reivindicacións e demandar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España "o inicio dun estudo para a creación dunha autovía Pontevedra - O Carballiño con conexión a Lalín".

Reunión Luís Menor (Presidente da Deputación de Ourense) cos alcaldes do 'Pacto de Pedre'
Reunión Luís Menor (Presidente da Deputación de Ourense) cos alcaldes do 'Pacto de Pedre' | Fonte: ALBERTE PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta