O Goberno galego afirma que o investimento de Augas de Galicia en municipios "triplica" o recadado polo canon da auga

Fíxoo en resposta ao presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, que reclamou que reinvista nos concellos parte do que recada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2023 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A Consellería de Infraestruturas manifestou que o investimento de Augas de Galicia en municipios "triplica o importe do recadado polo canon da auga", sinala nun comunicado en resposta ao presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, que reclamou que reinvista nos concellos parte do que recada.

Nun comunicado, o Goberno galego insta ao presidente da Deputación provincial da Coruña "a cumprir co deber que ten o organismo que preside de prestar apoio aos concellos nas súas competencias, como é o caso do saneamento, a depuración e o abastecemento de auga". "Convídaselle, nese camiño, a seguir o exemplo de Augas de Galicia", engade tras afirmar que no orzamento da Xunta de 2023 "a previsión de ingresos de Augas de Galicia polo canon da auga é de 57 millóns".

"Sobre un orzamento de 150 millóns de investimentos previstos en distintas actuacións de saneamento, abastecemento e depuración para axudar aos concellos nestas competencias municipais", engade. "Co recadado polo canon da auga, a Xunta financia única e exclusivamente actuacións relacionadas coa auga, tanto de abastecemento, como de saneamento, a explotación das depuradoras, a xestión e o coidado dos ríos, investimentos en obras que se consideran prioritarias para axudar aos concellos nas súas competencias en materia de auga", recalca.

Ademais, afirma, e citando municipios gobernados polos socialistas, que "os maiores investimentos da Xunta nestes momentos están a impulsarse en concellos como o de Pontedeume, onde a Xunta está a investir máis de oito millóns en distintas actuacións para mellorar o saneamento da ría, a pesar de ser o saneamento e a depuración competencias municipais". "Tamén en Betanzos, ten a Xunta un investimento en curso de 1,2 millóns para a mellora da potabilizadora municipal", cita, ademais de aludir a investimentos noutros como Viveiro ou Vilagarcía de Arousa, fóra xa do ámbito da provincia coruñesa.

Auga saíndo do cano dunha fonte
Auga saíndo do cano dunha fonte | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta