O paso das candorcas polas costas galegas entra na súa recta final

Alfredo López, científico da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), pide aos navegantes que alerten de avistamentos ou interaccións con candorcas a través da páxina web de Orca Ibérica.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 29/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As candorcas veñen pasando pola costa galega dende o pasado mes de xuño, cando comezaron a abandonar a zona do Estreito e a subir pola costa portuguesa cara Galicia rumbo ao norte. Así nolo conta Alfredo López, científico da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que asegura que está chegando a recta final deste paso, pois o periodo de migracións vai de xuño a outubro.

Candorca interactuando cunha embarcación
Candorca interactuando cunha embarcación | Fonte: Youtube - Arquivo

'Catro candorcas atacan a un veleiro fronte á illa de Sálvora' (21 de agosto); 'Ondada de ataques de candorcas en augas galegas esta fin de semana' (27 de agosto); 'Remolcado un veleiro que sufriu danos a causa dunha interacción con candorcas' (26 de agosto); 'As candorcas destrozan o timón doutro veleiro a dúas millas ao sur de Fisterra' (28 de agosto)... Estes son só algúns dos titulares recollidos na prensa sobre numerosos encontros de candorcas con barcos, especialmente veleiros, que non remataron ben.

Pero, a que se deben esas interaccións con barcos? Declaráronnos a guerra aos humanos? Alfredo López asegura que as candorcas "saben perfectamente o que é un barco, non o confunden con nada, saben como é, como funciona, como é por fóra, como é por dentro... Saben todo porque levan moito tempo navegando ao redor deles". Con todo, "aínda non se sabe por que fan isto de interactuar cos barcos, nin como paralo, pero a súa intención real non é ferir, nin moito menos matar". 

As candorcas, pertencentes ao grupo dos cetáceos, parentes dos delfíns, e son animais enormemente intelixentes, os máis intelixentes que hai no mar a día de hoxe. O seu paso por Galicia, ao igual que por outros lugares, vén determinado pola ruta do atún. O seu tamaño, duns cinco ou seis metros, aínda que os exemplares máis grandes de candorca ibérica poden chegar a sete, impresiona. É por iso que, como explica o investigador do CEMMA, ás veces os barcos poden dar xiros bruscos para esquivalas e iso é o que provoca feridos.

"Non sabemos a razón exacta de por que se 'lanzan' contra os barcos, pero hai dúas hipóteses sobre a orixe dese comportamento", explica Alfredo López. Por unha banda, pode ser "un comportamento autoinducido, é dicir, que elas inventasen un novo comportamento e o estén repetindo, algo que coincidiría co perfil das candorcas xuvenís ou adolescentes, que son a maioría"; por outra, pódese tratar dun "comportamento de resposta ante unha situación adversa vivida, unha dificultade que viviron con algunha embarcación, o que correspondería con exemplares máis adultos, pero descoñecemos cal foi ese barco número un".

Candorcas
Candorcas | Fonte: EUROPA PRESS - CIRCE - Arquivo

Sexa como fóra, as primeiras interaccións con barcos (o CEMMA fala de interaccións, non de ataques, porque non os considera como tal) remóntanse a xullo de 2020. "Algunha situación agresiva tiveron que vivir cun veleiro (os ataques más recurrentes danse a este tipo e embarcacións) que as deixou traumadas", afirma, asegurando que "todo nos leva a que nese ano pasou algo onde había tres elementos: atún, veleiros e candorcas". Polo tanto, conclúe que as insteraccións actuais "non son en venganza, non queren facer dano, só queren que non lles volva a pasar" o que queira que lles pasase.

Para previr interaccións con barcos que poidan acabar en desenlaces non desexados, Alfredo López explica que "o CEMMA forma parte do grupo de traballo Orca Atlántica, asesor do Goberno portugués, que ten un comité onde hai representantes da administración, científicos e mesmo da Armada portuguesa, porque alí Salvamento Marítimo depende da Armada portuguesa". Ese comité informa continuamente do paso de candorcas por Portugal cara o norte, e dende o CEMMA informan a Salvamento Marítimo de Fisterra, Vigo e A Coruña.

O obxectivo, como apunta, é "que estén previdos". Na mesma liña, existe a web de avistamentos e interaccións (tamén hai aplicación móbil) para ver cales son os puntos quentes de paso das candorcas. "Non temos unha bola de cristal, por eso insistimos aos navegantes para que nos trasladen a información de onde vén candorcas, porque pode ser útil para outros navegantes", conclúe o investigador do CEMMA. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta