Sanmartín e Pontón esixirán á Xunta a taxa turística para Santiago co BNG presionando no Parlamento

Despois das críticas do PP, Ana Pontón ironizou con que os populares están "moi preocupados" pola súa axenda, algo que enmarcou en que están no seu "fin de ciclo" e viunos "moi enfadados" ultimamente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A reunión entre a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, serviu para pór en común de maneira formal as preocupacións compartidas con respecto á cidade compostelá. Así, urxen á Xunta compromisos co financiamento adecuado da capitalidade, a posta en marcha da taxa turística e outras cuestións como o impulso á vivenda.

Nun receso do encontro entre ambas, compareceron ante os medios para explicar os asuntos abordados neste primeiro encontro de Ana Pontón na súa ruta polas cidades, que dixo que visitará en todos os casos --como xa fixo noutras ocasións-- tras as eleccións municipais sen desvelar por agora o concreto da axenda e sen pecharse a reunirse con responsables doutras cores políticas se así o solicitan.

A este respecto, e despois das críticas do PP --tanto do portavoz municipal, Borja Verea, como da secretaria xeral do PP galego, Paula Prado--; Ana Pontón ironizou con que os populares están "moi preocupados" pola súa axenda, algo que enmarcou en que están no seu "fin de ciclo" e viunos "moi enfadados" ultimamente, como o "pitufo rosmón da política".

Sanmartín, na súa intervención ante os medios, explicou que conversaron sobre os proxectos "transversais" que están na axenda municipal de forma "clara" como son a vivenda pública, o incremento do orzamento do estatuto de capitalidade, a dotación para equipamentos de novo edificio da escola de idiomas, a escola de Fontiñas e Santa Marta ou o conservatorio de danza, entre outras cuesiotnes, xunto coa necesidade de que se aborde a taxa turística.

Outro dos asuntos que se trasladaron foi a "necesidade dunha mobilidade" na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), coa necesidade de ter un aparcadoiro; xunto co rural e cuestións como o saneamento e o abastecemento, e a EDAR, para a que pedirán unha partida da Xunta, xunto co parque de bombeiros, na que se ten que comprometer --dixo-- a Deputación da Coruña. De feito, Sanmartín lembrou que o próximo 2 de outubro reunirase co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a ese encontro levará as demandas nas que a Administración autonómica ten competencias.

"IMPLICACIÓN DAS ADMINISTRACIÓNS"

Neste sentido tamén se pronunciou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen apostou pola "implicación das administracións" para liquidar os problemas da capital de Galicia, que "non están a ser atendidas".

Desta maneira, comprometeu o apoio da súa formación política no Parlamento, onde o BNG tratará de presionar para conseguir melloras de financiamento para Santiago e o impulso á vivenda pública, sobre o que ironizou con que as últimas vivendas de protección entregadas na capital galega fórono por parte dunha conselleira nacionalista, Teresa Táboas.

"Pasou o tempo das promesas e é necesario que a Xunta se comprometa con Santiago", reclamou Pontón, quen expresou a súa preocupación por eses mesmos asuntos: vivenda cun incremento do 10% dos prezos, a taxa turística, que permitirá "implantar unha medida que está a funcionar na contorna europea e español", e o estatuto da capitalidade, para contar cun "financiamento acorde" coa situación da cidade.

Unha visita pois, con "todo o ánimo construtivo, a favor dos veciños e tendo claro que o tempo das promesas pasou e que a Xunta debe darlle máis apoio aos veciños e traballar a favor de Compostela".

NON ENTENDERÍA "PARTIDISMO"

Preguntada por se teme un freo aos proxectos de Santiago por estar gobernada polo BNG, Pontón manifestou que a formación nacionalista traballará por que en Santiago "haxa avances" e reclamou "non confundir a dinámica política coa institucional" e a "obrigación das administracións é colaborar e non se entendería" que fose en función do que votan os veciños. "As institucións teñen que traballar polo ben común, en positiva, non se entendería un uso partidista", salientou.

Así as cousas, insistiu en que van traballar para que a axenda compostelá "estea no mapa" e "haxa solucións" e reclamar á Xunta as que dependan dela directamente.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reuniranse o xoves día 21 para abordar os asuntos que preocupan á capital galega.. BNG
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reuniranse o xoves día 21 para abordar os asuntos que preocupan á capital galega.. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta