O exdirector xeral de Minas comparece este xoves como investigado pola explotación de San Finx

A confraría de Noia asegura que el e dous funcionarios asinaron informes "con falsidades" sobre as presas e a contaminación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2023 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O xulgado de instrución número 3 de Santiago citou ao ex director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, este mércores 21 de setembro en calidade de investigado en relación coa explotación de San Finx, en Lousame. De acordo coa dilixencia de ordenación, están tamén chamados a declarar para ese día outros dous investigados: o xefe de servizo de enerxía e minas na Coruña e un dos funcionarios do mesmo departamento.

Tahoces e estes dous funcionarios deberán responder en sede xudicial en relación a un suposto delito de falsidade en documento público. En concreto, foi chamado xunto a dous funcionarios que no seu día estaban ao seu cargo, segundo explica a confraría de pescadores de Noia, personada noutras dúas causas penais contra funcionarios e altos cargos de Augas de Galicia e contra a propia empresa mineira australiana.

A agrupación pesqueira afirma que Tahoces e os membros da Administración autonómica asinaron informes "con falsidades" relativas ás presas mineiras abandonadas e á contaminación existente. Segundo sostén a confraría, personada na causa xunto a Ecoloxistas en Acción e Verdegaia; os investigados pretendían beneficiar á empresa a través de informes asinados polos imputados que cotiñan "información falsa".

"Pretendían beneficiar á empresa concesionaria tentando facer pasar a presa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándoa cun muíño de millo", engaden as entidades denunciantes. A presa de formigón é de 50 metros de longo e 14 de alto, segundo os datos da confraría, que engade que foi construída pola empresa mineira en 1939 como depósito de lodos "e que apareceu nos plans oficiais de labores ata que se deixaron de presentar no ano 2000".

Augas de Galicia, segundo o depósito, "recoñeceu que en caso de colapso os residuos mineiros almacenados causarían un importante impacto ambiental augas abaixo, estando tan só a sete quilómetros da ría de Noia". "Evitando recoñecer que se trataba dunha presa de residuos mineiros os imputados tentarían evitar as responsabilidades da empresa concesionaria, que tería que facer fronte a unha restauración valorada en varios millóns de euros, e danos multimillonarios, en caso de colapso e afectación ás zonas de marisqueo na ría", subliña.

Ao seu xuízo, os funcionarios e o alto cargo "tentaron ocultar a existencia da contaminación con metais pesados, apoiando o argumento falso da empresa". "Insistiron unha e outra vez", segundo a organización de pescadores, en que "non era necesario someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental", algo que a propia Xunta "acabou recoñecendo que era imprescindible".

Esta non é a única causa penal que afecta as minas de San Finx. En paralelo, a confraría está personada como acusación popular noutra causa dos xulgados de Santiago contra catro funcionarios e altos cargos de Augas por supostas malversación, prevaricación e falsidade, así como nun proceso por delitos ambientais que se instrúe nos xulgados de Noia contra a empresa e os seus directivos.

O ex director xeral de Enerxías e Minas, Ángel Bernardo Tahoces
O ex director xeral de Enerxías e Minas, Ángel Bernardo Tahoces | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta