O presidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra acepta 2 anos de cárcere por un entramado de 'homes de palla'

Carlos F.G., a súa muller e a súa filla estaban detrás de Galaprint, empresa dedicada á impresión e dona do local que ocupa o Colexio; tamén estaban detrás de Xestión Xurídica Galega, que daba asistencia xurídica ao Colexio; e de Instituto Galego de Formación Sanitaria e Promoción Social, que daba cursos aos colexiados; por eses servizos, as empresas cobraron inxentes cantidades de diñeiro.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/05/2024 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

A causa contra Carlos F.G., presidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, saldouse finalmente cun acordo de conformidade coa Fiscalía, que suporá unha condena de dous anos de cárcere para o principal procesado, mentres que quedan exoneradas a súa muller e a súa filla, que tamén foron detidas no marco da investigación por presuntas irregularidades na xestión do órgano colexial.

Este xoves levouse a cabo a vista de conformidade na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, onde o procesado aceptou a pena de prisión, sen que teña que entrar no cárcere se non volve delinquir. A instrución deste caso comezou en marzo de 2021, cando o presidente do Colexio, a súa muller e a súa filla foron detidos por esas supostas irregularidades na xestión do Colexio, e por utilizar o organismo para blanquear diñeiro de empresas da familia. En xullo dese ano, os tres foron postos en liberdade tras pasar tres meses en prisión provisional.

Dáse a circunstancia de que, en setembro de 2021, un xulgado do Social de Vigo declarou nulo o despedimento dun extraballador do Colexio, o responsable de comunicación, e no seu fallo viu acreditada a existencia dunha "armazón empresarial" con "homes de palla" tras a xestión do Colexio. Así, na súa resolución, a maxistrada sinalaba que tras a entidade había unha "armazón" de empresas que se encargaban de diversas cuestións, polo que o propio colexio quedaba "baleiro de contido".

Carlos F.G., a súa muller e a súa filla estaban detrás de Galaprint, empresa dedicada á impresión e dona do local que ocupa o Colexio; tamén estaban detrás de Xestión Xurídica Galega, que daba asistencia xurídica ao Colexio; e de Instituto Galego de Formación Sanitaria e Promoción Social, que daba cursos aos colexiados; por eses servizos, as empresas cobraron inxentes cantidades de diñeiro. As empresas tiñan, en aparencia, os seus propios administadores, pero eran en realidade homes de palla, segundo se apuntaba nesa sentenza do Social. En virtude do pacto de conformidade, ratificado este xoves en sala, retirouse a acusación contra a muller e a filla de Carlos F.G., e este aceptou unha pena de dous anos de cárcere por un delito de xestión desleal. O acordo contempla tamén o pago dunha multa de 1.080 euros e inhabilitación por dous anos.

Carlos Fernández, presidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra
Carlos Fernández, presidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra | Fonte: EFE - Salvador Sas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta