A ocupación hoteleira superou o 86,5 % na provincia de Pontevedra no mes de agosto, chegando ao 93 % nas vivendas turísticas

No que vai de ano son máis de 112.000 os peregrinos que camiñaron cara a Compostela por algunha das vías xacobeas que percorren a provincia de Pontevedra. O Camiño Portugués da Costa creceu un 22 % respecto ao ano 2022. Os castelos de Soutomaior e Sobroso rexistraron máis de 8.000 e 1.800 visitantes respectivamente no mes de agosto.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 12/09/2023 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

A ocupación hoteleira superou o 86,5 % no conxunto da provincia de Pontevedra no mes de agosto, o que supón medio punto máis que o mes de agosto do 2022 (85,9 %), segundo informou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, nun acto celebrado este martes no Real Club Náutico de Sanxenxo.

A demanda nos albergues tamén experimentou un destacado crecemento, cunha ocupación media do 85,5 % no conxunto da provincia fronte ao 83,4 % do mes de agosto do ano anterior. A ocupación dos cámpings e das casas de turismo rural chegou ao 85 % no conxunto da provincia, mentres que no caso das vivendas turísticas rexistrou o 93 %.

Así mesmo, Luís López remarcou que no que vai de ano son máis de 112.000 os peregrinos que camiñaron cara a Compostela por algunha das vías xacobeas que percorren a provincia de Pontevedra. O Camiño Portugués da Costa creceu un 22 % respecto ao ano 2022. Os castelos de Soutomaior e Sobroso, dependentes da Deputación de Pontevedra, rexistraron máis de 8.000 e 1.800 visitantes respectivamente no mes de agosto.

O presidente provincial incidiu en que estes datos positivos de turismo da campaña de verán "sitúan á provincia como unha potencia turística de primeira orde". "Somos potencia en turismo rural, na rede de albergues, nos cámpings e en vivendas turísticas", remarcou o presidente, que estivo acompañado neste acto pola deputada de Turismo, Nava Castro; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o presidente do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS), Alfonso Martínez e representantes do sector.

"NOVO COMEZO" PARA O OBSERVATORIO DE TURISMO

O presidente provincial tamén anunciou un "novo comezo" para o Observatorio de Turismo Rías Baixas, que emprende un camiño cara unha "maior transparencia, rigorosidade e interlocución co sector" ofrecendo uns datos que "combinarán a seriedade e a oficialidade do Instituto Nacional de Estatística co coñecemento no terreo do sector".

Luís López avanzou a creación dunha rede de destinos intelixentes que enviarán en tempo real os datos de ocupación ao Observatorio de Turismo Rías Baixas. O estudo destes datos servirá para "deseñar plans e accións concretas que permitan seguir crecendo e mellorando estas cifras dunha maneira controlada e planificada", explicou o presidente.

PERFIL DO VISITANTE

O perfil das persoas que escollen a provincia de Pontevedra como destino vacacional é o dun turista principalmente nacional (83 %), de entre 35 e 60 anos (55 %), que queda entre 7 e 15 días de media e que, na súa gran maioría, non coñecía este destino con anterioridade (76 %). O presidente da Deputación de Pontevedra mostrouse convencido de que "aínda non tocamos teito" polo que animou a todo o sector a "seguir traballando e seguir derrubando barreiras" xa que cre que "podemos atraer aínda máis ao turista internacional e podemos diversificar aínda máis nosa oferta, pero sen renunciar á sustentabilidade".

Praia de Rodas, nas Illas Cíes
Praia de Rodas, nas Illas Cíes | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta